dereita|miniatura|Mapa do bispado de Ourense de 1763, no que aparece sinalada a comarca das Frieiras. As Frieiras é unha comarca natural galega situada no sueste da provincia de Ourense. A súa superficie coincide a grandes liñas co territorio dos municipios da Mezquita, A Gudiña e O Riós, polo que suma 390 km² e 3.793 habitantes en 2019.

Descrición

A bisbarra, que na actualidade carece de entidade administrativa, conformou canda os lugares de Hermisende, A Teixeira, Padornelo e Lubián unha unidade organizativa integrada na xurisdición de Baronceli ou Varoncelle, que existiu ata 1851. Esta relación histórica é reflexo da continuidade orográfica das Frieiras maila parte meridional da comarca das Portelas, coa que conforma unha especie de anfiteatro aberto ao sur que constitúe a cabeceira do sistema fluvial do río Tua, tributario do Douro. Os mananciais na zona galega aflúen nos ríos Mente e Rabazal e os provenientes de León no río Tuela.

Etimoloxía

Verbo da orixe do nome desta terra existen varias teorías. A menos fundamentada explícao como un adxectivo derivado de freire, de xeito que 'terras frieiras' serían as propiedades que tiñan os monxes na zona. Outra posibilidade é que nome remita ao clima, aínda que se ben os invernos de certo son fríos, non destacan pola súa crueza en comparación cos doutras comarcas do redor. Unha terceira hipótese relaciona o topónimo co termo latino frivolum, nun sentido laso co significado de efémero ou pasadío, que faría referencia a malladas precarias e temporais ou, aplicado ás terras, a pasteiros estacionais.

Notas

Categoría:Xeografía de Galicia Categoría:Comarcas da provincia de Ourense Categoría:Topónimos de comarcas galegas con etimoloxía