Paula Cons Varela, nada na Coruña en 1976, é unha xornalista, guionista, documentalista, directora de cine e produtora galega. É produtora executiva e directora de contidos de Agallas Films.

Traxectoria Naceu na Coruña pero os seus antecedentes familiares por parte de Cons e Varela vincúlana a Pontevedra. Licenciouse en Xornalismo na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (1994-1998).

Iniciou a súa carreira no xornalismo deportivo e informativo en Radio Nacional de España e despois pasou a televisión con Desde Galicia para o mundo de La 2 e a Canal Internacional de TVE onde permaneceu oito anos. De 1998 a 2004 traballou como redactora de exteriores e guionista en Pórtico de Comunicaciones. O seu seguinte paso foi trasladarse a Madrid. Alí con Catro TV realizou reportaxes de contido social, con Equipo 1, Caiga Quien Caiga na sección "Proteste xa" e en Antena 3 coordinando a redacción do programa El método Gonzo (2008).

En 2004 foi o seu ano de entrada na ficción tras gañar o Concurso Interacción de Guión Camiño do Xacobeo con Ideas peregrinas, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV. Despois, desde Continental Producións, desenvolveu un telefilme, Eduardo Barreiros, o Henry Ford español. En 2009 foi cofundadora de Agallas Films, unha produtora galega que se reclama coa vontade de traspasar fronteiras, pegados á realidade, coas mulleres en primeiro plano e dando oportunidade a novos realizadores.

Doutra banda, de setembro de 2008 a xuño de 2012, traballou como directora de contidos en Continental Produciones realizando entre outros traballos a produción executiva do telefilme Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego (2011) premio platino no Worldfest de Houston, premio Mestre Mateo á mellor película de televisión, seleccionada sección oficial festival Internacional Zoom de Igualada.

O seguinte proxecto foi a película Lobos sucios (2015) da que Paula Cons foi coguionista, directora de contidos, e produtora executiva. A historia xorde da investigación sobre a batalla do volframio que libraron os Aliados contra España durante a Segunda guerra mundial. Posteriormente dirixiu e foi produtora executiva do documental sobre o mesmo tema La batalla desconocida (2017) premiado como Mellor Documental en Festival de Cine e televisión do Reino de León, Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao Mellor Documental, Premio CREA á mellor dirección de Documental, SEMINCI sección DocEspaña, Festival de Cine Español de Nantes, Festival de Cine Político de Buenos Aires, Festival Internacional de Cerdanya, Rural Filme Fest.

En 2013-2014 traballou como responsable de mercadotecnia e comunicación en Atlántica Media AIE e de xuño de 2015 a 2016 foi directora de programa de televisión Cuestións persoais, con Agalla Films TVG.

En 2018 dirixiu con Agalla Films o docudrama "O Caso Diana Quer. 500 días" sobre as investigacións policiais que levaron á resolución do caso Diana Quer.

En xaneiro de 2018 foi seleccionada en V Laboratorio de Creación de Series da SGAE. O Laboratorio desenvolveuse coa supervisión do guionista Javier Olivares quen presidiu o xurado que seleccionou a Paula co seu proxecto de serie Oro negro, un western galego, produción de Agalla Films (Paula Cons / CIMA) que en novembro de 2019 anunciouse fora seleccionado para viaxar á International Drama Summit de Content London en busca de socios internacionais. Oro negro conta -explica Paula- como durante a Segunda guerra mundial os nazis desembarcaron en Galicia para extraer volframio. A illa das mentiras

En 2019 realizou a rodaxe da súa primeira longametraxe como directora A illa das mentiras película da que ademais é guionista. Por mor da pandemia por coronavirus a película estreouse na plataforma Filmin en xullo de 2020 e foi a máis vista na plataforma durante a fin de semana da estrea.

Ademais das actrices protagonistas, Nerea Barros, Vitoria Teijeiro e Ana Oca, gran parte do equipo técnico da película é feminino. "É importante que as mulleres apostemos por nós mesmas -asegura Paula-. E conseguímolo recorrendo ás mellores de cada especialidade. Porque hai mulleres moi potentes no cine español". "Podía facer un drama pero me pareceu moi interesante crear 'un Thiller de señoras con pano', co que homenaxear ás nosas avoas de mozas. Porque foron moito máis superheroínas que calquera de Marvel ou DC. Tiñan un poder e unha forza que xa quixésemos nós".

"Esas mulleres eran mariñeiras de primeira división e capaces de facer os mesmos traballos que facían os homes -sinala Cons-. Aínda que a mellor proba de que o machismo dominaba esa sociedade é que a noite do naufraxio non había homes na illa porque celebraban o ano novo na costa mentres as mulleres coidaban dos nenos e os anciáns".

Para Cons a película ten como referencia Los santos inocentes de Mario Camus.

Filmografía

Dirección

13 badaladas (2009) docuserie tv directora La batalla desconocida (2017) documental. dirección, guión e produción executiva O caso Diana Quer, 500 días (2018) documental, dirección A illa das mentiras (2020) longametraxe, directora e guionista Mi ilustrísimo amigo (2025)

Guión

Lobos sucios (2015) longametraxe co-guionista e produtora executiva La batalla desconocida (2017) documental. dirección, guión e produción executiva A illa das mentiras (2020) longametraxe, directora e guionista

Produción O que choveu (TV Movie) (2011) (produtora asociada: Continental Producións Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego (2011) TV movie produtora executiva Lobos sucios (2015) longametraxe co-guionista e produtora executiva La batalla desconocida (2017) documental. dirección, guión e produción executiva

Notas

Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Nados en 1976 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados na Coruña Categoría:Premio Mestre Mateo á mellor dirección Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes