Genesis é unha banda inglesa de rock progresivo formado no Charterhouse School, en Godalming, Surrey, no ano 1967. A formación máis exitosa do grupo estivo formada polo teclista Tony Banks, o baixista/guitarrista Mike Rutherford e o batería/vocalista Phil Collins. A formación dos anos 70, co vocalista Peter Gabriel e o guitarrista Steve Hackett, estivo entre as pioneiras do rock progresivo.

O grupo foi formado por cinco alumnos de Charterhouse, Banks, Rutherford, Gabriel, e Anthony Phillips, e bautizado polo antigo alumno da escola Jonathan King, quen conseguiu que gravasen varios sinxelos e o seu álbum de estrea From Genesis to Revelation en 1968. Tras separarse de King, a banda comezou a xirar, fichou por Charisma Records e converteuse nun grupo de rock progresivo co álbum Trespass (1970). Tras a marcha de Phillips, Genesis recrutou a Collins e a Hackett e gravou Nursery Cryme (1971). Os seus concertos comezaron a mostrar os disfraces e interpretacións teatrais de Gabriel. Foxtrot (1972) foi o seu primeiro éxito no Reino Unido e Selling England by the Pound (1973) acadou o número 3 nese país, contando co seu primeiro sinxelo en entrar nas listas británicas, "I Know What I Like (In Your Wardrobe)". O álbum conceptual The Lamb Lies Down on Broadway (1974) foi promovido cunha xira transatlántica e unha elaborada escenografía, antes de que Gabriel deixase o grupo.

Collins asumiu as tarefas de vocalista principal, e o grupo publicou A Trick of the Tail e Wind & Wuthering (ámbolos dous en 1976) cun grande éxito. Hackett deixou Genesis en 1977, reducindo a banda a Banks, Rutherford, e Collins. O seu noveno álbum de estudio, ...And Then There Were Three... (1978), contén o primeiro grande éxito de Genesis, "Follow You Follow Me". Os seus seguintes cinco traballos tamén foron exitosos. Collins deixou Genesis en 1996, e Banks e Rutherford substituírono por Ray Wilson, que apareceu no seu derradeiro álbum, Calling All Stations (1997). O fracaso comercial do álbum levou a que a banda entrase en hiato. Banks, Rutherford e Collins reuníronse para a xira Turn It On Again Tour en 2007, e novamente en 2021 para a The Last Domino? Tour.

Con entre 100 e 150 millóns de álbums vendidos en todo o mundo, Genesis é un dos artistas musicais con máis vendas. A súa discografía inclúe 15 álbums de estudio e 6 álbums ao vivo. A banda gañou numerosos premios (incluído un Grammy a mellor video musical conceptual por "Land of Confusion") e inspirou a moitas bandas tributo que recrean os espectáculos de Genesis de varias etapas da súa carreira. En 2010, Genesis foi incluído no Salón da Fama do Rock and Roll.

Discografía

Álbums ÁlbumAnoSeloFrom Genesis to Revelation1969Decca RecordsTrespass1970Charisma RecordsNursery Cryme1971Charisma RecordsFoxtrot1972Charisma RecordsSelling England by the Pound1973Charisma RecordsThe Lamb Lies Down on Broadway1974Charisma RecordsA Trick of the Tail1976Charisma Records, Atco RecordsWind & Wuthering1976Charisma Records, Atco Records...And Then There Were Three...1978Charisma Records, Atlantic RecordsDuke1980Charisma Records, Atlantic RecordsAbacab1981Charisma Records, Atlantic RecordsGenesis1985Charisma Records/Virgin Records, Atlantic RecordsInvisible Touch1986Charisma Records/Virgin Records, Atlantic RecordsWe Can't Dance1991Virgin Records, Atlantic RecordsCalling All Stations1997Virgin Records, Atlantic Records

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina da banda

Categoría:Grupos musicais do condado de Surrey Categoría:Grupos musicais de rock progresivo Categoría:Grupos musicais de art rock Categoría:Grupos musicais de pop rock Categoría:Grupos musicais de pop progresivo Categoría:Grupos musicais de soft rock Categoría:Grupos musicais formados en 1967