María Edita de Lorenzo Rodríguez, nada en Ourense o 17 de abril de 1968, é enxeñeira de Telecomunicación e profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo (Uvigo). En 2009 foi elixida directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Uvigo converténdose na primeira muller en Galicia á fronte dunha escola de enxeñaría.
Traxectoria Edita de Lorenzo comezou os seus estudos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Uvigo en 1986, formando parte da segunda promoción. Tras rematar a carreira foi docente durante case dous anos na Universidade de Valladolid e no 1994 regresou a Vigo, onde fixo a súa tese de doutoramento. Dende 1998 é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UVigo.
En 2009 foi elixida decana da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Uvigo, cargo que ocupou durante seis anos. Ademais é: Vicedecana/Vicepresidenta do COETG/AETG dende maio de 2017, Secretaria da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal dende xuño de 2017 e Vogal da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia dende 2011.
É cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE. As súas liñas de investigación se encadran dentro da análise e síntese de antenas e os sistemas de detección radar, participando en numerosos proxectos de investigación relacionados con sistemas de comunicacións.
Forma parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo.
Notas
Categoría:Enxeñeiros de Galicia Categoría:Nados en Ourense Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en 1968