O altiplano do Tíbet ou meseta tibetana é unha extensa e elevada meseta de Asia oriental que ocupa gran parte da Rexión Autónoma do Tíbet e da provincia de Qinghai, na República Popular da China, e da rexión india de Ladakh, en Caxemira. Ocupa unha área rectangular aproximada de 1000 km de largo por 2500 km de longo, e ten unha elevación media de 4500 metros. É chamada "o teito do mundo", pois é a meseta máis alta e grande do mundo, cunha área de 2,5 millóns de quilómetros cadrados de extensión.

O altiplano do Tíbet está rodeado por cadeas de montañas elevadas. Limita ao noroeste coa cordilleira Kunlun, que a separa da conca do Tarim, e ao nordés coas montañas Qilian, que separa a meseta do deserto de Gobi. A meseta limita ao sur co val do río Yarlung Tsangpo, que flúe ao longo do pé do Himalaia, e pola extensa Chaira indoganxética. Ao leste e sueste, a meseta dá paso á xeografía con árbores e abrupta de montaña dos nacementos dos ríos Salween, Mekong e Yangtzé, na zona occidental de Sichuan. No oeste está rodeada pola curva da abrupta cordilleira do norte de Caxemira.

Descrición A meseta é unha estepa árida de grande altitude mesturada con cordilleiras e grandes lagos salgados. A precipitación anual estímase entre 100 mm e 200 mm, e precipita principalmente en forma de choivas. Os extremos do sur e do leste da estepa contan con pradarías en que poden vivir poboacións de pastores nómades, aínda que as xeadas se suceden seis meses ao ano. Seguindo ao norte e ao nordés, a meseta vólvese, de forma gradual, máis alta, máis fría e máis seca, ata alcanzar a afastada rexión de Kekexili, ao noroeste da meseta. Nese punto, a altitude media supera os 5000 m, o aire contén soamente un 60% de osíxeno a nivel do mar e as temperaturas son ao longo do ano de -4 °C, caendo a -40 °C no inverno. Como resultado deste ambiente extremadamente inhóspito, a rexión de Kekexili é das menos poboadas do mundo, despois da Antártida e o norte de Asia.

A parte norte da meseta está cuberta por grandes áreas de permafrost (ou chan permanentemente conxelado), indicando que a meseta non saíu completamente do período glacial.

Xeoloxía A meseta formouse por unha colisión das placas tectónicas indoaustraliana e eurasiática no período cenozoico (hai aproximadamente 55 millóns de anos). Pénsase que a elevación tectónica da meseta tivo un efecto significativo no cambio climático e crese que puido afectar ao monzón asiático. Na estación do monzón na India (de xullo a outubro) os ventos traen o aire húmido tropical do sur, o Himalaia crea unha manta de choiva que deixa a zona da India moi húmida e o altiplano tibetano moi seco. A medida que os ventos continúan na meseta, cae a pouca humidade que permanece no aire, chegando a ser máis seco a medida que se despraza cara ao norte, creando desertos como o de Taklamakan e o Gobi.

Moitos dos ríos máis longos do mundo orixínanse na meseta tibetana. Estes ríos levan o 25% da erosión do chan do mundo mariño. Entre eles inclúense o Yangtzé, o río Amarelo, o Indo, o Sutlej, o río Yarlung Tsangpo (coñecido como o Brahmaputra na India), o Mekong, o Irauadi e o Salween.

Entre os seus numerosos lagos salgados están o lago Qinghai, o lago Nam (ou Namtso), o Dagze Tso, o lago Yamzho Yumco, o lago Puma Yumco e o lago Paiku.

O altiplano tibetana experimentou catro períodos glaciais e tres interglaciais durante os cales o clima queceu.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Perspectivas da meseta tibetana Morfoloxía e sincronización da elevación da meseta tibetana O tempo ao leste de Chang Tang Áreas protexidas da meseta tibetana Deserto alpino nas montañas da meseta tibetana-Kunlun

Categoría:Xeografía da China Categoría:Mesetas