O Complexo Ons - O Grove é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe as augas interiores e o litoral do suroeste da ría de Arousa, o arquipélago das illas Ons e as súas augas, e un treito do litoral norte da ría de Pontevedra.
Neste ZEC destaca a presenza das tartarugas mariñas común (Caretta caretta) e verde (Chelonia mydas), que son especies migratorias e en alto risco de extinción, e da planta vascular Rumex rupestris. Así mesmo, destaca polas colonias de aves como a píllara cincenta, o mazarico rabipinto, o cullereiro ou a gabita.
Xeografía Este espazo natural atlántico está formado por varias áreas diferenciadas. Primeiro, comprende o sur da illa de Arousa e illotes achegados a esta, como a illa da Rúa, a illa Xidoiro, o illote Xidoiro Pedregoso e Xidoiro Areoso ou o illote Corveiro. Segundo, un continuo de litoral e as augas mariñas da enseada do Vao e a enseada e esteiro do río Umia, que son a zona suroriental da ría de Arousa entre Cambados e o Grove. Esta sección continúa en terra acollendo a todo o istmo da Lanzada, e continúa coa parte norte do litoral de Sanxenxo, ata a praia de Maior. Desde aí o espazo ábrese para acoller as illas Ons e as augas que as rodean. Finalmente, inclúe ao litoral do Grove dende a súa parte central, na praia Mexilloeira, ata a punta Avelleira, no oeste dese litoral.
As áreas diferenciadas deste espazo son a parte da illa de Arousa e as augas que van desde Cambados ao Grove; e as augas mariñas xa do exterior da ría de Pontevedra e o arquipélago das Ons.
Fauna e flora Flora miniatura|Cistanche phelypaea no Complexo Ons-O Grove. No espazo destacan as áreas en bo estado de conservación das extensións das fanerógamas mariñas Zostera noltii e Zostera marina. No sistema dunar da Lanzada destaca a Iberidetum procumbentis. Cómpre citar a presenza do fieito mariño Asplenium marinum, un endemismo, e o único espazo galego coa presenza do coutiño (Cistanche phelypaea).
As especies da flora catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:
Especie Rumex rupestris
Fauna No complexo atópanse durante a fase da súa migración a tartaruga mariña común (Caretta caretta) e a mariña verde (Chelonia mydas). Destaca tamén que arredor das illas Ons estean presentes os arroaces (Tursiops truncatus) e as marsopas (Phocoena phocoena).
O espazo chega a acadar a presenza en inverno de trece mil aves acuáticas, como o culleiro (Platalea leucorodia) ou a gabita (Haematopus ostralegus). Nas illas Ons atópanse colonias dos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis), e da gaivota Larus cachinnans.
As especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:
Grupo Especie Invertebrado Euphydryas aurinia Invertebrado Geomalacus maculosus Peixe Alosa alosa Peixe Alosa fallax Peixe Petromyzon marinus Anfibio Chioglossa lusitanica Anfibio Discoglossus galganoi Réptil Caretta caretta Réptil Chelonia mydas Réptil Lacerta schreiberi Mamífero Lutra lutra Mamífero Myotis myotis Mamífero Phocoena phocoena Mamífero Rhinolophus ferrumequinum Mamífero Rhinolophus hipposideros Mamífero Tursiops truncatus
Lexislación En 2004 o "Complexo Ons - O Grove" foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) pola comisión bioxeográfica atlántica da rede Natura 2000.. Ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014.
Pero ademais, este espazo inclúe diferentes áreas recollidas por outras figuras de protección nacionais e internacionais. Ademais, e dentro da Rede Natura 2000, ten parte dentro das zonas de especial protección para as aves (ZEPAs) "Complexo Intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira" e "Illa de Ons". Así mesmo, o arquipélago das Ons é parte do "Parque Nacional Marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galícia".
Igualmente, parte deste ZEC están dentro das zonas húmidas protexidas do "Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira" e a zona húmida de importancia internacional, ou Ramsar, "Complexo intermareal Umia - Grove".
Con isto, o ZEC "Complexo Ons - O Grove" forma parte total ou parcialmente de: Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (que só comparten o arquipélago das illas Ons, e que non coinciden completamente nas áreas que protexen) ZEPA “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira” (o esteiro do río Umia, a enseada do Vao e a Lanzada) ZEPA “Illa de Ons" (que é só o arquipélago das illas Ons, e que non coinciden completamente nas áreas que protexen) Zona húmida protexida “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira” (o esteiro do río Umia, a enseada do Vao e a Lanzada) Zona húmida de importancia internacional (Ramsar) “Complexo intermareal Umia - Grove” Área OSPAR “Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia” (só o arquipélago das illas Ons)
Galería de imaxes
Notas
Categoría:Zonas especiais de conservación en Galicia Categoría:O Grove Categoría:Bueu Categoría:Cambados Categoría:A Illa de Arousa Categoría:Meaño Categoría:Ribadumia Categoría:Sanxenxo