miniatura|220px|Magic Johnson e Kareem Abdul-Jabbar no segundo partido contra os Boston Celtics das Finais da NBA de 1985, que gañaron os Lakers en seis encontros. En baloncesto, o Showtime (tempo de espectáculo) foi unha época na historia do equipo de Los Angeles Lakers xogando na National Basketball Association (NBA) entre 1979 e 1990, cando puxo en práctica un espectacular sistema baseado no estilo de xogo run and gun (correr e tirar). Liderado polos carismáticos xogadores Magic Johnson como pasador e Kareem Abdul-Jabbar como anotador, o seu xogo baseouse no contraataque e gañou cinco campionatos da NBA.

Cinco dos integrantes do equipo: Johnson, Abdul-Jabbar, Jamaal Wilkes, Bob McAdoo e James Worthy, foron incluídos no Basketball Hall of Fame como recoñecemento á súa contribución ao mundo do baloncesto, e o club retirou ademais como homenaxe os números das camisolas de Johnson (#32), Abdul-Jabbar (#33), Worthy (#42) e Wilkes (#52). A súa formación da tempada 1986-87 foi incluída pola liga en 1996 entre os dez mellores equipos da historia da NBA.

O propietario dos Lakers na época, Jerry Buss, mercou o equipo en 1979, e dende un principio procurou o entretemento nos seus partidos. Insistiu en que os Lakers adoptasen un estilo de ritmo rápido, creou un grupo de cheerleaders para o equipo (as Laker Girls) e unha banda en vivo para os seus partidos como locais en The Forum de Inglewood.

O Showtime converteuse nun fenómeno deportivo e provocou que diversas celebridades de Hollywood se afeccionasen o equipo e fosen espectadoras asiduas dos seus encontros.

Orixe miniatura|Jerry Buss (1933-2013) foi o arquitecto do Showtime. O empresario está considerado o visionario que «universalizou a marca Lakers». En 1979 Jack Kent Cooke, propietario de Los Angeles Lakers, encontrábase en proceso de venda do equipo a Jerry Buss, un químico que amasara unha gran fortuna na industria inmobiliaria. A operación, valorada en 67 millóns de dólares, incluía a venda de dous equipos: os Lakers da National Basketball Association, Los Angeles Kings da National Hockey League e o pavillón no que ambos os equipos xogaban os seus encontros como locais, The Forum, situado en Inglewood. Los Angeles Lakers estaba en posesión da primeira elección do Draft da NBA de 1979, e as súas opcións de elección centráronse en dous bases: Earvin Johnson (alcumado Magic) e Sidney Moncrief. Os Lakers xa tiñan un base de garantías como Norm Nixon, e Moncrief mostrábase como un excelente complemento como escolta para Nixon. Con todo, a Cooke gustáronlle «o sorriso e o estilo de xogo» de Johnson, e nunha das súas últimas decisións como propietario dos Lakers, decantouse pola elección de Johnson.

Jerry Buss amosou dende un principio a intención de que o equipo practicase un xogo entretido. Na década de 1960, Buss era un habitual de The Horn, un nightclub en Santa Mónica (California) que atraeu unha clientela exclusiva. A Buss encantáballe a emoción do acto de apertura do famoso club, que incluía unha atenuación das luces seguida dunha interpretación dramática da súa sintonía: «It´s Showtime» (é o momento do espectáculo). Despois de comprar os Lakers e o seu pavillón The Forum a Cooke, Buss embarcouse na creación dunha versión a grande escala de The Horn. Interpretou que un partido de baloncesto debía ser entretido, a imaxe do acto de apertura dun nightclub.

Buss tentou igualar a emoción dos encontros de baloncesto universitario entre os USC Trojans e os UCLA Bruins da época de John Wooden. O propietario insistiu en que os Lakers desenvolvesen un estilo de xogo rápido. Logo de que Jerry West se retirase como adestrador principal dos Lakers, e o seu intento infrutuoso de contratar a Jerry Tarkanian dos UNLV Rebels da Universidade de Nevada, Las Vegas, Buss contratou a Jack McKinney para instaurar o estilo de xogo que pretendía.

En opinión de Buss, unha atmosfera teatral no seu estadio combinada cun xogo veloz podería excitar os seareiros e reforzar a vantaxe de campo dos Lakers. A súa idea era crear un ambiente de estilo Hollywood que sería ben acollido pola cultura dos Ánxeles, aínda que espertase antipatías no resto do país. Buss adoptou o termo Showtime de The Horn para describir o enfoque do baloncesto dos Lakers, o que foi ben acollido polos seareiros do equipo e os medios dos Ánxeles. Despois recoñecería que o seu soño era que se identificase o equipo coa cidade.

Aspecto deportivo miniatura|Kareem Abdul-Jabbar realizando o seu célebre skyhook nun encontro ante os Boston Celtics, defendido por Robert Parish e Kevin McHale. Jabbar foi unha das pezas mestras do Showtime, ademais de máximo anotador da historia da NBA. miniatura|Pat Riley dirixiu o equipo dende 1981 ata 1990, acadando sete finais nese período, das cales os Lakers lograron o triunfo en catro. Estilo ofensivo O compoñente máis importante do Showtime foi o xogo de contraataque dos Lakers. Nunha secuencia típica, reboteadores como Kareem Abdul-Jabbar, Kurt Rambis e A.C. Green lanzaban rapidamente un pase de saída a Johnson, que percorría a cancha e distribuía o balón a xogadores como Jamaal Wilkes, James Worthy, Byron Scott ou Michael Cooper para concluír a xogada cunha bandexa ou un mate. Frecuentemente, o propio Johnson collía o rebote e conducía rapidamente o balón culminando el mesmo o contraataque. En ocasións, puña en práctica unha das súas estratexias máis sorprendentes, ao entregar o balón aos seus compañeiros cun pase «sen mirar».

Se o contraataque non era posible, os Lakers desenvolvían a súa ofensiva dende media cancha e confiaban a anotación a Abdul-Jabbar (máximo anotador da NBA de todos os tempos) e o seu famoso gancho, coñecido como skyhook (gancho do ceo). Nos últimos anos da carreira de Abdul-Jabbar, Johnson converteuse na primeira opción para anotar dos Lakers.

Este estilo de xogo run and gun, de contraataque e rápidas transicións, unido á gran calidade dalgúns dos seus xogadores, propiciou que as puntuacións dos encontros fosen especialmente altas, o que contribuíu ao engrandecemento do espectáculo e, segundo afirmou David Stern anos máis tarde, supuxo «o epicentro da revitalización de la NBA».

Evolución na NBA

Jack McKinney dirixiu os Lakers só durante trece encontros, ao sufrir o 8 de novembro de 1979 un accidente cando circulaba en bicicleta, sufrindo graves feridas na cabeza. Buss substituíuno co asistente Paul Westhead, quen liderou os Lakers na tempada 1979-80 ao seu primeiro título de campións en case unha década. Westhead empregou o sistema ofensivo de McKinney, cun xogo creativo e espontáneo definido como Showtime. Con todo, comezou mudar o sistema na tempada seguinte. O equipo comezou a tempada 1981-82 cun rexistro de sete vitorias e catro derrotas, mais seis desas vitorias foron por catro puntos ou menos, e os medios de comunicación criticaron os trocos no sistema de Westhead. A pesar de gañar cinco encontros consecutivos, Buss estaba desencantado coas tácticas de ataque, e ademais Johnson, frustrado tamén con Westhead e o seu sistema, propuxo a posibilidade dunha mudanza no adestrador. Westhead foi despedido e substituído polo seu asistente Pat Riley, que tamén fora xogador do equipo. Baixo a dirección de Riley, os Lakers recuperaron o estilo rápido e de contraataque, e conseguiron gañar o campionato nesa tempada.

Riley liderou os Lakers na consecución de catro campionatos. A súa imaxe aracterística, vestido con elegantes traxes italianos e o cabelo engominado peiteado cara a atrás, engadiu ao equipo a filosofía de Hollywood e converteuno nunha icona. Riley tamén foi innovador en tácticas defensivas, sendo un dos primeiros adestradores en empregar unha defensa 1-3-1 en media cancha para aumentar o ritmo do partido. O mantra de Riley era «se non hai rebotes, non hai aneis», o que reforzaba a necesidade de loitar polos rebotes para gañar camponatos.

Logo de perder as finais de 1983 e 1984 contra Philadelphia 76ers e Boston Celtics respectivamente, os Lakers gañaron o campionato de 1985 en seis encontros contra os Celtics, a quen de novo derrotaron nas finais de 1987. Los Angeles repetiron como campións o ano seguinte (1988) ante os Detroit Pistons, mais o equipo era xa máis vello, o que se deixou notar no seu rendemento, e na final de 1989 os Pistons tomáronse o desquite. Abdul-Jabbar retirouse en 1989, e Riley renunciou o ano seguinte, co que adoita considerarse finalizada a era do Showtime, a pesar de que Magic Johnson xogou unha tempada máis, aínda que tamén se retirou despois de anunciar que era portador do virus VIH. Na derradeira tempada de Johnson, con Mike Dunleavy como novo adestrador, o equipo empregou máis o xogo en media cancha, e aplicou unha renovada énfase na defensa. O diario The Prescott Courier chegou denominar os Lakers de Dunleavy como o Slow-time (tempo lento).

Buss nunca tivo reparos en investir cartos en xogadores, e asinou contratos millonarios ás súas figuras, Magic Johnson e Abdul-Jabbar, quen en 1981 se converteu no xogador mellor pagado da NBA con 870 000 dólares por tempada.

O espectáculo no Forum miniatura|Imaxe exterior do Great Western Forum de Inglewood, onde os Lakers xogaban os seus partidos como locais ata 1999. O espectáculo que acompañaba cada encontro como local do equipo formaba parte do Showtime. miniatura|O actor Jack Nicholson presenciando un encontro dos Lakers no Staples Center. Nicholson foi unha das celebridades máis asiduas aos partidos do equipo na década de 1980. Os Lakers xogaban os seus partidos como locais en The Forum (dende 1988 Great Western Forum), que era considerado "a versión moderna do Gran Coliseo da Roma antiga. O Forum era un círculo perfecto cun óvalo interior apoiado en oitenta columnas de formigón branco. Logo de converterse en propietario, Buss contratou un locutor que se encargaba da animación dende a megafonía. Tamén transformou o Forum Club, que antes da súa chegada era un agradable restaurante familiar (localizado no mesmo recinto) no nightclub máis popular dos Ánxeles.

Buss atraeu as celebridades de Hollywood, así como personalidades ricas e famosas aos encontros para engadir novas atraccións para o público. Non só quería as estrelas no seu equipo, tamén quería estrelas vendo o seu equipo. Algúns medios chegaron a comparar o Forum co famoso cartel de Hollywood como sinónimo de estrelas de cine. Durante as retransmisións televisivas dos encontros, as canles amosaban habitualmente imaxes das celebridades no estadio. O actor Jack Nicholson, considerado a máis alta celebridade entre a afección dos Lakers, foi mostrado frecuentemente sentado na primeira fila da cancha.

Como fan do deporte universitario, Buss propúxose que os encontros dos Lakers tivesen música en vivo e cheerleaders. Así, substituíu o organista do Forum por unha banda de dez músicos da Universidade do Sur de California (USC). As animadoras non eran comúns na NBA daquela, pero Buss promoveu a formación das Laker Girls. Rex the Peanut Man (Rex, o home-cacahuete), un peculiar bailarín que entretiña o público, era tamén parte do espectáculo. Logo chegou Dancing Barry, un espectacular bailarín que se converteu nun elemento básico do Showtime, e que achegou un ambiente festivo bailando os seus números en esmoquin e lentes de sol durante os tempos mortos dos partidos.

A repercusión do espectáculo que acompañaba o Showtime deixouse notar entre a prensa do país. O Washington Post afirmou que «O Forum pode ser o único lugar onde os afeccionados gañan máis cartos que os xogadores». O Hartford Courant escribiu: «Un vai ao Fabulous Forum, e recibe un partido de baloncesto entre os actos que se celebran». O comisionado da NBA David Stern dixo que o Showtime mostrou que «un pavillón pode converterse no punto focal non só para o baloncesto, senón para o entretemento».

Legado