A transvección é un fenómeno epixenético que se orixina pola interacción entre un alelo dun cromosoma e o correspondente alelo do cromosoma homólogo. A transvección pode facer que un xene se active ou se reprima. Pode darse tamén entre rexións non alélicas dun xenoma e en rexións do xenoma que non se transcriben.

A primeira observación dun apareamento de cromosomas mitótico (é dicir, non meiótico, xa que na meiose é algo normal) descubriuno por microscopía en 1908 Nettie Stevens. Edward B. Lewis no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) descubriu a transvección no complexo xénico bithorax na mosca Drosophila na década de 1950. Desde entón, a transvección foi observada noutros loci de Drosophila, como o white, decapentaplegic, ollos ausentes e yellow. Ed Lewis afirmou que "operacionalmente, a transvección ocorre se o fenotipo dun xenotipo dado pode ser alterado soamente por alteración do apareamento somático (ou meiótico). Tal alteración pode xeralmente realizarse pola introdución dun rearranxo heterocigótico que altera o apareamento na rexión relevante pero non ten efecto de posición por si mesmo sobre o fenotipo" (citado por Ting Wu e Jim Morris, 1999). Recentemente, os fenómenos mediados polo apareamento observáronse en especies distintas de Drosophila melanogaster, como ratos, humanos, plantas, nematodos, insectos, e fungos. Á luz destes descubrimentos, a transvección pode representar unha forma ampla e potente de regulación xénica.

A transvección parece depender do apareamento dos cromosomas. Nalgúns casos, se un alelo está situado nun cromosoma diferente debido a que houbo unha translocación, non se produce transvección. A transvección pode ás veces ser restaurada nunha translocación en homocigoto, na que ambos os alelos poden de novo aparearse. A restauración do fenotipo foi observada nos xenes bithorax, decapentaplegic, ollos ausentes, e vestigial, e con transxenes de white. Nalgúns casos, a transvección entre dous alelos orixina a complementación intraxénica, mentres que a perturbación da transvección altera a complementación.

Crese que a transvección ocorre por medio dunha variedade de mecanismos. Nun mecanismo, os amplificadores (enhancers) dun alelo activan o promotor dun segundo alelo apareado. Outros mecanismos son o silenciamento sensible ao apareamento e o bypass de amplificador dun illador da cromatina por medio de cambios mediados por apareamento na estrutura dun xene.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Complementación (xenética)

Categoría:Epixenética Categoría:Xenética Categoría:Expresión xénica