miniatura|dereita|Tom Lysiak celebra xunto cos seus compañeiros de equipo un gol fronte aos Colorado Rockies durante os inicios da franquía en Atlanta en 1978. A historia dos Calgary Flames remóntase a 1972, cando a National Hockey League (NHL) anunciou a creación de dous novos equipos para a liga, os Flames e os New York Islanders. Inicialmente localizados en Atlanta (Estados Unidos) baixo o nome de Atlanta Flames, a franquía trasladouse a Calgary (Canadá) en 1980. Ao longo da súa historia, o equipo gañou unha vez a Stanley Cup na tempada 1988-89, chegando á final noutras dúas ocasións nas tempadas 1985-86 e 2003-04.

Ao longo da súa historia os Flames disputaron máis de 2.500 partidos de liga regular e case 200 partidos nas súas 20 aparicións nos play-offs, gañando 1.188 partidos na liga regular e 92 nas series eliminatorias. Entre os xogadores máis destacados da franquía inclúense nomes como os membros do Hockey Hall of Fame Lanny McDonald, Joe Nieuwendyk, Joe Mullen, Al MacInnis, Brett Hull, Doug Gilmour e Grant Fuhr, ou Jarome Iginla.

Atlanta Flames

Os Flames foron o resultado do primeiro golpe da NHL contra a arrivista World Hockey Association (WHA). En decembro de 1971, a NHL concedeu ás presas un equipo a Long Island — os New York Islanders — para excluír aos New York Raiders do novo Nassau Veterans Memorial Coliseum, na cidade de Uniondale. Esta circunstancia fixo que a liga precisara incluír outro equipo para equilibrar as clasificacións, polo que a NHL concedeulle un equipo a un grupo de investidores da Atlanta propietario dos Atlanta Hawks da National Basketball League (NBA), e que estaba liderado por Tom Cousins. Cousins chamou ao equipo "Flames" en lembranza ao lume que estivo a piques de destruír Atlanta durante a marcha ao mar na Guerra Civil Estadounidense do Xeneral William Tecumseh Sherman. O equipo xogou os seus partidos como local no Omni Coliseum en downtown Atlanta. miniatura|esquerda|Eric Vail pelexa pola posición diante da portería fronte aos Colorado Rockies en 1978. Os Flames tiveron uns inicios relativamente exitosos. Baixo a dirección dos adestradores Bernie "Boom Boom" Geoffrion, Fred Creighton e Al MacNeil, cos que os Flames se clasificaron para os play-offs en seis das oito tempadas que permaneceron en Atlanta. En marcado contraste, os seus compañeiros de expansión, os Islanders, gañaron tan só 31 partidos durante os seus primeiros dous anos na liga combinada. Este relativo éxito non se trasladou aos play-offs, onde os Flames tan só puideron gañar dous partidos das series eliminatorias durante os anos que permaneceron en Atlanta.

A pesar do éxito no xeo, os propietarios da franquía nunca estiveron sobre unha base financeira sólida. O durante moito tempo director xeral Cliff Fletcher declarou anos despois que as proxeccións financeiras iniciais de Cousins para un equipo da NHL non consideraron entrar na WHA. Os Flames estaban tamén nunha pobre situación, e nunca asinaron un contrato televisivo importante.

En 1980, Cousins estaba en considerables dificultades financeiras e foi forzado a vender os Flames para evitar a bancarrota. Con poucas ofertas serias de grupos locais, Cousins mostrouse moi receptivo a unha oferta do empresario canadense (e antigo propietario dos Oilers) Nelson Skalbania, que estaba á fronte dun grupo de empresarios de Calgary entre os que se incluían os magnates do petróleo Harley Hotchkiss, Ralph T. Scurfield, Norman Green, Doc e Byron Seaman, e o antigo xogador dos Calgary Stampeders Norman Kwong. Un último esforzo para manter o equipo en Atlanta foi insuficiente, e Cousins vendeu o equipo a Skalbania por 16 millóns de dólares, un prezo de venda récord para un equipo da NHL no momento. O 21 de maio de 1980, Skalbania anunciou que o equipo se trasladaría a Calgary. O novo propietario decidiu manter o nome dos Flames, sentindo que era unha boa opción para unha cidade petroleira como Calgary, mentres que o logo do "A" ardente foi substituído polo "C" ardente. Skalbania vendeu a súa participación en 1981, e os Flames teñen sido propiedade local dende aquela.

Primeiras tempadas en Calgary (1980–1985) miniatura|200x200px|Os Flames trasladáronse ao Olympic Saddledome (actualmente Scotiabank Saddledome) en 1983. Ao contrario dos Calgary Cowboys da WHA, que foran disoltos tres anos antes, os Flames foron abrazados inmediatamente pola cidade de Calgary. Mentres que os Cowboys só foran capaces de vender 2.000 entradas para a súa derradeira tempada, os Flames venderon 10.000 entradas, a capacidade completa máis a metade do Stampede Corral, un pavillón con capacidade para 7.000 espectadores.

Liderados polos 49 goles e 131 puntos de Kent Nilsson, os Flames clasificaronse para os play-offs na súa primeira tempada en Calgary cun rexistro de 39 vitorias, 27 derrotas e 14 empates, o que lles valeu para finalizar na terceira posición da Patrick Division. O equipo atopou un maior éxito nos play-offs en Calgary do que encontrara en Atlanta, gañando as súas dúas primeiras series do play-off sobre os Chicago Black Hawks e os Philadelphia Flyers antes de caer nas semifinais da NHL (final de conferencia) fronte aos Minnesota North Stars. Este éxito temperán non se repetiu pronto. Despois de conseguir un balance negativo na tempada 1981-82, Fletcher desfixose de varios xogadores que quedaban da etapa en Atlanta que non puideron adaptarse ao contorno de maior presión e reconstruíu o equipo. Durante as tres tempadas seguintes formou un núcleo de xogadores que permaneceron xuntos ata principios da década de 1990.

Os esforzos de Fletcher para igualar a franquía de Calgary aos Oilers o levaron a atraer talentos de zonas anteriormente desatendidas pola NHL. Deste xeito, os Flames foron un dos primeiros equipos en fichar a un gran número de xogadores de universidades estadounidenses, entre os que destacaron Joel Otto, Gary Suter, e Colin Patterson. Fletcher tamén deu un paso máis na busca no hóckey sobre xeo europeo, adquirindo a Håkan Loob e outros xogadores clave. El foi un dos primeiros en elixir xogadores da Unión Soviética, incluíndo á estrela do CSKA Moscova Sergei Makarov en 1983, mais aos xogadores soviéticos non se lles permitiu ingresar en equipos occidentais ata 1989. Aínda así, o equipo non estaba o suficientemente mellorado para desafiar aos Oilers, que necesitaron do máximo de sete partidos para derrotar aos Flames no seu camiño a conquistar a Stanley Cup en 1984.

En 1983, os Flames trasladáronse á súa nova casa, o Olympic Saddledome (agora coñecido como Scotiabank Saddledome). Situado nos terreos do Calgary Exhibition and Stampede, o Saddledome foi construído para ser sede dos Xogos Olímpicos de Inverno de 1988. En tres tempadas no Corral, os Flames perderon tan só 32 partidos como locais. O Saddledome acolleu o 37º NHL All-Star Game en 1985, unha vitoria da Wales Conference por 6 goles a 4.

1985–1990 Os xogadores adquiridos por Fletcher maduraron nun dos equipos máis fortes da liga durante mediados dos anos 1980s e principios dos 1990s. Dende a tempada 1984-85 á 1990-91, os Flames conseguiron 90 puntos en cada tempada, excepto nunha. Con todo, frecuentemente non foron capaces de transformar este éxito nos play-offs, en gran parte porque non podían superar aos seus rivais provinciais, o poderosos Oilers. Aínda que os Oilers e os Flames frecuentemente finalizaron á cabeza ou preto da cabeza da Compbell Conference, a estrutura dos play-offs da NHL daquela facía moi probable que os Flames e os Oilers se encontraran na primeira ou segunda rolda, en lugar de enfrontarse na final da Conferencia. Esta mesma estrutura fixo moi probable que os outros dous clasificados da Smythe Division tiveran que superar aos Flames ou aos Oilers (ou a ambos) para chegar á final de Conferencia.NHL Playoff Formats at NHL.com. De 1981 a 1993, o equipo clasificado na primeira posición en cada división xogaba contra o cuarto clasificado na primeira rolda, mentres que o segundo clasificado xogou fronte ao terceiro clasificado. Os gañadores das dúas series encontrábanse entón na final de división para conseguir o dereito de xogar a final de conferencia. Entre 1983 e 1990, tanto os Oilers coma os Flames representaron á Campbell Conference nas finais da Stanley Cup.

En 1986 chegaron aos Flames os dianteiros Doug Risebrough, Lanny McDonald, e Dan Quinn, o defensa Al MacInnis, e o porteiro Mike Vernon. Os Flames finalizaron na segunda posición da Smythe Division cun rexistro de 40-31-9 (a única tempada entre 1984 e 1991 na que non finalizaron con máis de 90 puntos), e na primeira rolda dos play-offs derrotaron aos Winnipeg Jets, pasando á segunda rolda, onde se enfrontarían aos Oilers. Edmonton rematara con 30 puntos máis que Calgary a liga regular, e era o claro favorito a gañar a súa terceira Stanley Cup consecutiva. Porén, os Flames sorprenderon aos Oilers e os eliminaron en sete partidos –a única vez que os Flames venceron aos Oilers nunha serie dos play-offs durante a década. O gol gañador da serie chegou cando un despexe erróneo de Steve Smith rebotou na perna do seu porteiro Grant Fuhr, introducindo o disco na súa propia portería. O gol segue a ser un dos erros máis lendarios da historia do hóckey sobre xeo.

A partir de aí, os Flames chegaron ás finais da Campbell Conference, onde derrotaron aos St. Louis Blues noutra serie de sete partidos. Desta vez, Calgary viuse sorprendido no sexto partido, cando caeron no St. Louis Arena no coñecido como Monday Night Miracle. Gañando por 5 goles a 2 con 10 minutos por xogar do terceiro período do sexto partido, os Blues realizaron unha furiosa remontada para levar o partido á prórroga, onde Doug Wickenheiser anotou un gol que levaría a eliminatoria ao decisivo sétimo partido. Calgary gañou o partido decisivo en Calgary por 2-1, avanzando ata as finais da Stanley Cup por primeira vez na súa historia. Na final os Flames se enfrontaron aos Montreal Canadiens, perdendo o campionato en cinco partidos. O porteiro novato de Montreal, Patrick Roy, resultou case imbatible nos últimos dous partidos, encaixando tan só catro goles no seu camiño a facerse co Conn Smythe Trophy.

Despois da súa participación nas finais por primeira vez, os Flames conseguiron o seu mellor rexistro na liga regular. O rexistro de 46-31-3 da tempada 1986-87 valeulle a Calgary a terceira posición da NHL, por detrás de Oilers e Philadelphia Flyers. Porén, os Flames foron incapaces de igualar o seu éxito dos anteriores play-offs, perdendo na primeira eliminatoria fronte aos Jets en seis partidos. A tempada foi tamén difícil fóra do xeo, xa que a elección na primeira rolda do draft de 1986, George Pelawa, faleceu nun accidente de tráfico antes de comezar a tempada.

Os Flames conseguiron por primeira vez 100 puntos nunha tempada durante a tempada 1987-88, gañando o Presidents' Trophy ao ser o equipo con mellor rexistro, poñendo fin a seis anos de reinado dos Oilers na Smythe Division. Joe Nieuwendyk converteuse no segundo novato na historia da liga en anotar 50 goles, gañando o Calder Memorial Trophy como rookie do ano. Tratando de reforzar o equipo de cara aos play-offs, os Flames intercambiaron ao xove tirador Brett Hull, xunto con Steve Bozek, aos Blues por Rob Ramage e Rick Wamsley o 7 de marzo de 1988. As súas frustracións nos play-offs continuaron, con todo, despois de derrotar a Los Angeles Kings en cinco partidos, xa que Calgary foi eliminado en catro partidos polos Oilers.

Campións da Stanley Cup miniatura|dereita|Bandeira da Stanley Cup conseguida na tempada 1988-89 no Scotiabank Saddledome.