Ignacio Eizaguirre Arregui, nado o 7 de novembro de 1920 en Donostia (Guipúscoa) e finado o 1 de setembro de 2013 ibídem, foi un futbolista e adestrador de fútbol que xogaba na demarcación de gardameta. Fillo do tamén gardameta Agustín Eizaguirre.

Traxectoria Formouse en equipos de base da súa provincia natal como o Arenas de la Concha, Cuento de Rentería ou Lagun Artea. En 1936 fichou pola Real Sociedad, pero a Guerra Civil Española paraliza a competición ata 1939. Debuta na tempada 1939-40 en Segunda División.

Ao ano seguinte fichou polo Valencia CF de Primeira División pero foi declarado en rebeldía pola Real Sociedad polo que tivo agardar unha tempada para debutar co equipo valencianista. Porén no seu primeiro encontro encaixa cinco goles ante o Real Madrid polo que é relegado ao banco. Na súa segunda oportunidade, ante o Athletic de Bilbao fixo unha grande actuación facéndose cun posto no once inicial.

Permaneceu no Valencia nove tempadas (dez contando coa que non puido disputar) obtendo tres títulos de Liga e unha Copa do Xeneralísimo e a título persoal dous Trofeos Zamora ao gardameta menos goleado.

Na tempada 1950-51 volve á Real Sociedad, onde disputou outras seis tempadas a alto nivel en Primeira División.

En 1956 fichou polo CA Osasuna onde xogaría catro tempadas, na última das cales, xa con 39 anos tivo moi pouco protagonismo, polo que se retirou.

Foi internacional coa Selección de fútbol de España en 18 ocasións encaixando 31 goles e participando no Mundial de Fútbol Brasil 1950 e no Mundial de Fútbol Suíza 1954.

Como adestrador dirixiu a varios equipos entre os cales destaca o Sevilla FC de onde foi substituído por Juanito Arza e o Celta de Vigo onde tentou o ascenso a Primeira División durante dúas tempadas, non conseguiu o obxectivo.

Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Sevilla FC Categoría:Adestradores do Celta de Vigo Categoría:Adestradores do CA Osasuna Categoría:Adestradores do Real Murcia Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Córdoba CF Categoría:Adestradores do Real Burgos Categoría:Adestradores do Hércules CF Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Deportivo Alavés Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950 Categoría:Gañadores do Trofeo Zamora Categoría:Nados en Donostia