Fernando Morena Belora, nado en Punta Gorda, Montevideo, o 2 de febreiro de 1952, é un exfutbolista uruguaio que xogaba como dianteiro. Considerado un dos mellores dianteiros uruguaios de tódolos tempos, é o máximo goleador histórico da Primeira División do Uruguai con 230 goles en 244 partidos, e tamén o máximo goleador da historia do Peñarol, co que marcou un total de 350 goles oficiais, sendo esta a cifra máis alta dun futbolista cun só club uruguaio.

Gañou con Peñarol seis campionatos de liga e foi o máximo goleador da competición durante seis tempadas consecutivas entre 1973 e 1978 e unha sétima en 1982. É ademais o segundo máximo goleador da historia da Copa Libertadores, con 37 goles, cifra só superada polos 57 de Alberto Spencer. Foi o máximo goleador en tres edicións do torneo (1974, 1975 e 1982), proclamándose campión na última delas, na que marcou o único gol na final contra o Cobreloa.

Foi 53 veces internacional coa selección uruguaia, coa que disputou o Mundial de 1974 e gañou a Copa América de 1983.

Traxectoria

Como xogador

No Uruguai ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/52/Penarol_morena_tomando_mate.jpg/150px-Penarol_morena_tomando_mate.jpg|esquerda|miniatura|191x191px| Morena bebendo mate en 1982. Formouse como futbolista nas categorías inferiores do Racing Club de Montevideo, pasando en 1969 ao River Plate de Montevideo. O 5 de outubro de 1969, con 17 anos, debutou na Primeira División, competición na que marcou 32 goles durante os seguintes tres anos.

As súas actuacións chamaron a atención do Peñarol, que o fichou en 1973. Na súa primeira etapa co equipo negro e amarelo gañou catro campionatos da Primeira División e foi o máximo goleador da liga seis anos consecutivos, entre 1973 e 1978.

Os seus 36 goles na tempada 1978 continúan sendo a maior cifra conseguida por un xogador nunha mesma tempada da liga uruguaia. Durante ese ano marcou un total de 67 goles entre tódalas competicións e o 16 de xullo estableceu outro récord nunca superado, marcando o maior número de goles nun só partido do campionato uruguaio, ao facer el mesmo os sete goles da vitoria por 7-0 sobre o Huracán Buceo (que puideron ser oito se non fallase un penalti nos instantes finais). Ademais marcou con Peñarol en dúas ocasións seis goles, e noutras dúas cinco goles.

Foi tamén o máximo goleador da Copa Libertadores en 1974 e 1975. Durante eses anos gañou tamén numerosos torneos amigables en América e Europa, como o Trofeo Teresa Herrera da Coruña, do que gañou as edicións de 1974 e 1975 e no que marcou 5 goles, cifra só superada por Juanito.

En España En agosto de 1979 trasladouse a España, ao ser traspasado por 42 millóns de pesetas ao Rayo Vallecano, equipo adestrado polo seu compatriota Héctor Núñez e onde coincidiu cos tamén uruguaios Custodio e Roberto Álvarez. Titular indiscutible, saíu no once inicial en tódolos partidos de liga, liderando o ataque con 21 goles (incluíndo senllos tripletes ante Málaga e Burgos), aos que sumou outros sete na Copa do Rei. A pesar das súas boas cifras, que o colocaron como o cuarto máximo anotador da tempada, a só 3 goles do Trofeo Pichichi que levou Quini, o equipo madrileño completou unha mala campaña e acabou descendendo a Segunda.

No verán de 1980 foi traspasado ao Valencia por uns 60 millóns de pesetas. Titular en case tódolos encontros da tempada, foi, con 24 tantos, o máximo goleador do equipo, que contaba entre as súas filas tamén co destacado dianteiro arxentino Mario Kempes, e marcou ante o Nottingham Forest o gol que lle deu ao club valenciano a primeira Supercopa de Europa da súa historia.

Regreso a Peñarol Volveu a Peñarol en 1981 e axudou ao equipo a gañar outros dous títulos da liga uruguaia en 1981 e 1982, sendo na segunda delas o máximo goleador do torneo, por sétima vez na súa carreira. Ademais, superou os 211 goles de Atilio García, ata entón máximo goleador da historia do campionato.

En novembro de 1982 disputou a súa primeira e única final da Copa Libertadores, diante do Cobreloa chileno. O partido de ida no Estadio Centenario de Montevideo rematou sen goles e no encontro de volta no Estadio Nacional de Santiago de Chile Morena foi o autor do único gol, dándolle así o cuarto título continental ao seu club. Foi ademais o máximo goleador do torneo, por terceira vez na súa carreira.

Dúas semanas despois xogou no Estadio Nacional de Tokyo a Copa Intercontinental diante do Aston Villa, proclamándose campión ao vencer por 2-0.

Últimos anos En 1984, despois de recuperarse da grave lesión sufrida coa selección na Copa América e dun breve paso polo Flamengo, chegou á Arxentina, onde fichou polo Boca Juniors. Co equipo de Buenos Aires disputou só 7 partidos, nos que marcou un gol. A continuación regresou ao Peñarol, no que se retirou o 28 de decembro de 1984. Uns días antes marcara diante de Defensor o seu 230º gol no campionato uruguaio, marca que ningún outro futbolista foi quen de igualar.

Con todo, acabou por volver calzar as botas en 1986, para disputar co club da súa vida a Copa Libertadores, na que xogou seis partidos e marcou un último gol diante do Boca Juniors. Foi o seu 350º gol oficial co Peñarol, récord que ningún outro xogador puido igualar en ningún club uruguaio.

Selección uruguaia Foi 53 veces internacional coa selección uruguaia, coa que marcou un total de 22 goles. Debutou o 27 de outubro de 1971, marcando un gol na vitoria por 3-0 sobre Chile. Foi convocado por Roberto Porta para o Mundial de 1974, no que disputou como titular os tres partidos do equipo, que acabou eliminado na primeira fase.

Disputou a Copa América de 1975 e marcou un gol nas semifinais contra Colombia, pero o equipo de Juan Alberto Schiaffino non conseguiu o pase á final. En 1983 participou na súa segunda Copa América, marcando un gol no partido inaugural da súa selección diante de Chile. No segundo encontro, contra Venezuela, marcou o segundo gol uruguaio, minutos antes de sufrir unha fractura de tibia e peroné tras unha dura entrada de René Torres, que supuxo o fin da súa carreira como internacional. O seu equipo, con todo, acabou proclamándose campión desa Copa América.

Como adestrador Trala súa retirada adestrou varios equipos no Uruguai, en España e en Chile. Comezou no Peñarol en 1988, pasando logo polos bancos do River Plate uruguaio, Real Murcia, Huracán Buceo, Rampla Juniors e Colo Colo. Deixou os labores de técnico tras unha segunda etapa con Peñarol en 2005. En 2009, foi designado Director de Relacións Institucionais de Peñarol. ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f7/Fernando_Morena_%281974%29.jpg/150px-Fernando_Morena_%281974%29.jpg|miniatura|170x170px| Morena co Uruguai no Mundial de 1974

Palmarés Peñarol Primeira División uruguaia (6): 1973, 1974, 1975, 1978, 1981, 1982. Copa Libertadores (1): 1982. Copa Intercontinental (1): 1982.

Valencia Supercopa de Europa (1): 1980.

Uruguai Copa América (1): 1983.

Individual Máximo goleador da Primeira División do Uruguai (7): 1973, 1974, 1975, 1976, 1977, 1978, 1982. Máximo goleador da Copa Libertadores (3): 1974, 1975, 1982.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador coa selección uruguaia .

Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados en 1952 Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing Club de Montevideo Categoría:Xogadores do CA River Plate (Montevideo) Categoría:Xogadores do CA Peñarol Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Flamengo Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Adestradores de fútbol do Uruguai Categoría:Adestradores do CA Peñarol Categoría:Adestradores do Real Murcia Categoría:Adestradores do Rampla Juniors Categoría:Adestradores do Club Social y Deportivo Colo Colo