Marinus Jacobus Hendricus Michels, máis coñecido como Rinus Michels, nado en Ámsterdam o 9 de febreiro de 1928 e finado en Aalst o 3 de marzo de 2005, foi un futbolista e adestrador neerlandés. Foi un dos maiores símbolos da historia do Ajax, club no que militou durante toda a súa carreira como futbolista, e ao que adestrou en dúas etapas, levándoo a gañar varios títulos, entre eles catro ligas e a Copa de Europa 1970/71. Internacional coa selección dos Países Baixos, foi tamén o seu seleccionador en catro etapas diferentes, durante as cales gañou a Eurocopa de 1988 e acadou a final do Mundial de 1974.
Dirixiu tamén clubs de España, Alemaña e os Estados Unidos, conquistando unha liga española e unha Copa do Rei co FC Barcelona e unha Copa de Alemaña co FC Köln.
Considerado un dos mellores adestradores de tódolos tempos, foi o principal impulsor do fútbol total, un sistema táctico moi dinámico no que cada xogador podía ocupar calquera posición no campo segundo as necesidades do momento, e que tivo como máximos expoñentes ao Ajax e á selección neerlandesa adestrados por el e a Johan Cruyff como xogador máis significativo. Foi elixido pola FIFA como o mellor adestrador do século XX e por France Football e The Times como o mellor adestrador da historia.
Traxectoria
Como xogador esquerda|miniatura|Rinus Michels saltando por un balón en 1950. Naceu en Ámsterdam e creceu en Olympiaweg, unha rúa preto do Estadio Olímpico. A través de Joop Köhler, un amigo da familia que era directivo do Ajax, ingresou no equipo infantil do club en 1940.
Trala Segunda guerra mundial, debutou co primeiro equipo o 9 de xuño de 1946, substituíndo ao lesionado Han Lambregt nun partido contra o ADO. O Ajax gañou por 8-3, sendo Michels autor de cinco dos goles do seu equipo. Esa tempada o Ajax gañou o título de liga.
Titular habitual do equipo entre 1946 e 1958 disputou un total de 257 partidos oficiais, nos que marcou 120 goles. En 1958, un ano despois de conseguir o seu segundo título de liga, viuse obrigado a colgar as botas por mor dunha lesión nas costas.
Selección nacional Internacional en cinco ocasións coa selección dos Países Baixos, debutou con esta o 8 de xuño de 1950, nunha derrota por 4-1 ante Suecia. Contou por derrotas os outros catro partidos: 4-1 contra Finlandia, 4-0 contra Bélxica, 6-1 contra Suecia e 3-1 contra Suíza.
Como adestrador
Inicios Trala súa retirada traballou un tempo como profesor de ximnasia nunha escola para nenos xordos. Máis tarde iniciou a súa carreira como adestrador nos modestos Asser Boys, JOS Watergraafsmeer e AFC, ata que en 1965 regresou ao Ajax, como novo adestrador do club, substituíndo a Vic Buckingham.
Ajax Con el no banco, e xunto con grandes xogadores como Johan Cruyff e Johan Neeskens, o Ajax pasou de ser candidato ao descenso a dominar de xeito case absoluto o fútbol neerlandés, gañando catro veces a liga dos Países Baixos e tres veces a Copa neerlandesa nos seis anos seguintes. O éxito do club estendeuse tamén ao continente, e en 1969 converteuse no primeiro club neerlandés en acadar a final da Copa de Europa, onde caeu derrotado por 4-1 diante do Milan de Nereo Rocco. En 1971, o equipo de Michels acadou por segunda vez a final continental e desta vez conseguiu proclamarse campión, derrotando ao 2-0 ao Panathinaikos dirixido por Puskás. A continuación deixou o club neerlandés para fichar polo FC Barcelona, pero o seu traballo no Ajax foi continuado por Ștefan Kovács, que levou o equipo de Ámsterdam a gañar dúas Copas de Europa máis nas dúas seguintes campañas.ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/40/Rinus_Michels_%281954%29.jpg/170px-Rinus_Michels_%281954%29.jpg|miniatura| Rinus Michels en 1954.Durante a súa primeira etapa no Ajax, Michels modernizou o xogo do equipo e creou o que se deu en chamar "Fútbol Total", un estilo de xogo con moita mobilidade, no que cada xogador podía ocupar o lugar doutro en calquera parte do campo. Foi tamén un dos pioneiros na táctica de adiantar aos defensas para forzar o fóra de xogo dos rivais.
Barcelona O 13 de xullo de 1971 asinou contrato como novo adestrador do Barcelona, ao que dirixiu durante as seguintes catro campañas. Nas dúas primeiras obtivo un terceiro e un segundo postos en liga, e conseguiu para o club o trofeo da Copa de Feiras en propiedade, tras gañar contra o Leeds un partido organizado para decidir quen quedaría co trofeo trala abolición da competición. Na tempada 1973/74 fichou a Johan Cruyff, que contribuíu de xeito destacado a que o club conseguise o seu primeiro título de liga nos últimos 14 anos, cunha ampla renda sobre o segundo clasificado, o Atlético de Madrid. Logrou varias goleadas, entre elas un histórico 0-5 sobre o Real Madrid no Santiago Bernabéu.
Mundial de 1974 No verán de 1974 a Real Federación de Fútbol dos Países Baixos (KNVB) nomeouno seleccionador do equipo nacional neerlandés. Dirixiu a selección no Mundial de 1974, impresionando ao mundo do fútbol polo seu vistoso estilo de xogo, respaldado polos bos resultados. Na primeira fase conseguiu o primeiro posto no seu grupo e na segunda quedou encadrado nun grupo coa Arxentina, o Brasil (vixente campión) e Alemaña Oriental. O equipo neerlandés venceu con facilidade aos outros tres, acadando así a primeira final da súa historia, con 14 goles a favor no torneo e só un en contra. No encontro polo título, disputado no estadio Olímpico de Múnic ante a selección anfitrioa, Alemaña Occidental, o equipo de Rinus Michels adiantouse cun penalti transformado por Johan Neeskens ao pouco de comezar, pero dous goles de Breitner e Müller déronlle a volta ao marcador e permitiron que o Mundial fose para a selección dirixida por Helmut Schön.
Segundas etapas no Ajax e no Barcelona En agosto de 1975 regresou ao Ajax, ao que dirixiu ata o remate da tempada 1975/76, acabando a liga na terceira posición e caendo nos oitavos de final da Copa da UEFA contra o Levski Sofia. esquerda|miniatura|Rinus Michels en 1966.A continuación iniciou a súa segunda etapa no Barcelona. Na tempada 1976/77 ocupou o liderado da liga durante varias xornadas no ecuador da competición, pero acabou sendo superado por un punto polo Atlético de Madrid de Luis Aragonés. Obtivo o subcampionato tamén na campaña seguinte, na que o título de liga foi para o Real Madrid de Luis Molowny, e chegou ás semifinais da Copa da UEFA, sendo eliminado polo PSV. Con todo, conseguiu proclamarse campión da Copa do Rei, despois de derrotar na final á UD Las Palmas de Miguel Muñoz.
Estados Unidos e Alemaña Entre novembro de 1978 e outubro de 1980 adestrou ao Los Angeles Aztecs na North American Soccer League dos Estados Unidos. Trala súa chegada renovou case completamente o cadro de xogadores, mantendo só catro futbolistas da tempada anterior, e en maio de 1979 conseguiu a fichaxe de Johan Cruyff, ao que xa tivera ás súas ordes anteriormente no Ajax e no Barcelona durante 10 tempadas, ademais de na selección. Entre o resto das súas fichaxes estivo tamén a do seu expupilo Wim Suurbier. O equipo acabou de segundo na Conferencia Oeste e acadou as semifinais da Conferencia, onde caeu eliminado ante o Vancouver Whitecaps, dirixido polo inglés Tony Waiters. Na tempada 1980 volveu ser segundo na Conferencia Oeste e acadou a final da Conferencia despois de eliminar nas semifinais ao Seattle Sounders, grazas aos goles de Leo van Veen e Javier Aguirre na quenda de penaltis. Con todo, o equipo californiano foi derrotado na final polo New York Cosmos, liderado polo goleador italiano Giorgio Chinaglia. A continuación deixou o equipo para regresar a Europa.
O 17 de outubro de 1980 asinou contrato como novo adestrador do FC Köln alemán. Durante a súa primeira tempada só puido ser oitavo na Bundesliga, pero realizou destacadas actuacións na Copa UEFA. O seu predecesor no cargo viña de perder no partido de ida da segunda rolda contra un dos seus antigos equipos, o Barcelona, no Müngersdorfer Stadion de Colonia. No encontro de volta, xa con Rinus Michels, o equipo alemán deu a sorpresa ao remontar no Camp Nou cunha contundente vitoria por 0-4, con goles de Strack, Engels, Littbarski e Dieter Müller. A continuación eliminou a Stuttgart e Standard de Liexa, ata que nas semifinais caeu eliminado diante do Ipswich Town de Bobby Robson, equipo que se acabou proclamando campión.miniatura|Michels (esquerda) xunto ao primeiro ministro Joop den Uyl trala disputa do Mundial de 1974.
Na tempada 1981/82, liderado polos goles de Littbarski e Woodcock, o Köln proclamouse subcampión de liga, rematando só por detrás do Hamburgo. Na seguinte campaña acabou quinto e chegou ata os oitavos de final da Copa da UEFA, onde foi derrotado pola Roma. O seu maior éxito co Köln chegou esa tempada, ao proclamarse campión da Copa de Alemaña tras derrotar na final ao Fortuna Köln, da mesma cidade. Deixou o equipo ao comezo da seguinte tempada, sendo substituído por Hannes Löhr. Regreso á selección A finais de 1984 dirixiu de novo a selección neerlandesa en dous encontros de clasificación para o Mundial de 1986, contra Austria e Chipre, ata que Leo Beenhakker se fixo cargo do equipo. Beenhakker non conseguiu o pase ao Mundial e en abril de 1986 foi substituído por Rinus Michels, que iniciou así a súa terceira etapa como seleccionador neerlandés. Despois de varios amigables, comezou a fase de clasificación para a Eurocopa cunha vitoria sobre Hungría en Budapest e finalizouna como campión de grupo, sen perder ningún encontro.
Eurocopa de 1988 esquerda|miniatura|Rinus Michels en 1987, durante un adestramento da selección neerlandesa. Despois de perder o primeiro partido da fase de grupos contra a Unión Soviética (1–0), clasificouse para as semifinais ao derrotar a Inglaterra por 3–1 (cun triplete do máximo goleador do torneo, Marco van Basten), e a Irlanda (1–0). A semifinal contra a RFA foi considerada nos Países Baixos como unha vinganza pola final perdida da Copa do Mundo de 1974. Aínda que os alemáns comezaron gañando cun gol de Lothar Matthäus, o equipo de Michels acabou remontando con dous tantos de Koeman e Van Basten, clasificándose así para a primeira final europea da súa historia. Nesta, os Países Baixos conquistaron o primeiro e único título da súa historia cunha contundente vitoria ante a Unión Soviética, vingándose da derrota do primeiro encontro, mediante unha cabezada de Ruud Gullit e unha espectacular volea de Van Basten. Michels dixo despois de conquistar o título: "Gañamos o torneo, pero todos sabemos que a semifinal foi a verdadeira final".
Bayer Leverkusen En 1988 volveu á Bundesliga como novo adestrador do Bayer Leverkusen, pero non chegou a rematar a tempada 1988/89, sendo despedido en abril despois dunha mala serie de resultados que deixaron o equipo no 12º posto na liga.
Cuarta e última etapa na selección En 1990 volveu coller as rendas da selección neerlandesa, substituíndo de novo a Leo Beenhakker, que viña de completar unha mala actuación no Mundial dos Estados Unidos con tres empates e ningunha vitoria. Comezou a fase de clasificación para a Eurocopa de 1992 cunha derrota diante de Portugal, pero a continuación sumou seis vitorias e un empate nas restantes sete xornadas, clasificándose como primeira de grupo.