Teresa Condeminas i Soler, nada en Barcelona o 27 de febreiro de 1905 e finada na mesma cidade o 24 de xaneiro de 2002, foi unha pintora catalá do clasicismo e o novecentismo.

Traxectoria Estudou na Escola de la Llotja dende os 13 anos. Durante 10 anos foise matriculando en diversas materias polo afán que sempre a caracterizou por lograr unha formación académica adecuada. Formou parte da Associació d'Art, constituída en 1926 na Llotja, coa que participou nas distintas exposicións colectivas organizadas por esta. Tivo como profesor a Félix Mestres, de quen aprendeu o perfeccionamento e a corrección da liña, e tamén a Vicenç Borràs, quen lle transmitiu o seu interese pola luz. Ambos trazos sempre estiveron presentes na súa produción artística. Tamén se dedicou á docencia: impartiu aulas de debuxo e pintura no seu estudio, próximo á Sagrada Familia de Barcelona.

Cultivou case todos os xéneros pictóricos: paisaxe, bodegón e sobre todo espidos femininos de formas redondeadas e clásicas, claramente novecentistas. Os espidos femininos tiveron un papel importante na súa produción dos anos 30, cunha coidada e refinada técnica, texturas nacaradas, liñas perfectas, composicións estudadas e pinceladas case imperceptíbeis. Estes trazos, xunto co tratamento dos tecidos, levaron a que a crítica falase de «pintura ingresiana».

Porén, as figuras mostran certa frialdade, próxima á falta de sentimento ou a unha actitude extremadamente distante, que posibelmente a levasen a unha representación obsesiva de rostros, algúns deles con certo aspecto de máscara de Picasso. O seu estilo foi considerado pulcro, tranquilo e de perfecto clasicismo. Este foi relacionado coas propostas pictóricas que dominaron Cataluña nos anos 30 e que se acentuarían na década dos 40, xa no franquismo. A censura deste foi moi severa tamén sobre a arte, e negaba calquera tendencia vangardista. Os seus espidos e representacións de figuras femininas poden considerarse como as últimas obras mestras do novecentismo.

Foi cofundadora da Associació d'Art formada en 1926 por estudantes da Llotja. Entre outros membros estaban Josep Amat i Pagès, Josep Barrenechea, Lola Bech i Beltran, Carmel Davalillo, Teresa Fábregas i Puig, Francesc Galofré i Suris, Lola Masalles, Manuel Rocamora, Josepa Serraviñals i Furió, Ricard Tárrega e Maurici Vallsquer.

Membro da Asociación Española de Pintores y Escultores desde 1928, participou dende moi nova nas Exposicións de Primavera e nas Nacionais de Belas Artes de Barcelona, en que pronto obtivo premios. Tamén participou na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, polo menos en 1935, na que obtivo a medalla de terceira categoría, e en 1936 coa obra Camerino, reproducida no correspondente catálogo.

Participou en reiteradas ocasións nas bienais de Venecia organizadas polo réxime fascista italiano. En 1938 Benito Mussolini convidou a España á Bienal de Venecia. Eugeni d'Ors, director xeral de Belas Artes do goberno franquista de Burgos, foi o comisario da exposición. Parece ser que escolleu a Condeminas xunto con outros artistas, como Ignacio Zuloaga, Josep de Togores ou Pere Pruna, mais o seu nome non aparece nalgunhas fontes oficiais. Con todo, sábese con certeza que participou nas de 1940 e 1944. Tamén participou na Exposición de Arte Española en Berlín en 1941 e en Bos Aires en 1947.

En 1937 a artista doou dous dos seus óleos, Bodegón con froitas e Bodegón con mazás e uvas para unha exposición-poxa que se ía celebrar en México, co obxectivo de recadar fondos para as vítimas do fascismo. Porén, o barco que transportaba as obras de 121 artistas cataláns, fretado pola Generalitat de Catalunya, foi capturado no mar pola Armada franquista. Todas as obras foron comisadas e trasladadas a Burgos, sede do primeiro goberno de Franco durante a Guerra Civil española.

Malia a súa reiterada participación en concursos e exposicións colectivas de todo tipo, Condeminas non realizou ningunha exposición individual até xaneiro de 1948 na Sala Gaspar de Barcelona. Entre 1945 e 1948 expuxo regularmente nas Galeries Augusta desa cidade. A súa produción quizais non foi demasiado regular, mais sempre se mantivo fiel ao seu estilo, o clasicismo novecentista da primeira época.

Ao longo da súa carreira recibiu diferentes premios e distincións, como as medallas Masriera e Fortuny. No concurso de paisaxes Josep Masriera, organizado pola Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts, gañou unha medalla de prata en 1926 e unha de ouro en 1927. Obtivo un diploma de honra na Exposición Internacional de Barcelona de 1929, así como a terceira e segunda medallas nas exposicións nacionais de 1935 e 1950. Tamén gañou unha mención honorífica no concurso-exposición Barcelona vista pels seus artistes que organizou o Reial Cercle Artístic de Barcelona entre 1930 e 1931.

Casou co pintor Lluís Muntané Muns, director e profesor da Escola de Belles Arts de Barcelona entre 1945 e 1948.

O Museo Nacional de Arte de Cataluña conserva a obra Camí de la font, que adquiriu en 1935 na Exposición de Primavera. Así mesmo, o Museo Nacional Raíña Sofía garda a obra El espejo.

Exposicións

Individuais

1948 Sala Gaspar, Barcelona.

Colectivos

1927 Segunda exposición da Associació d'Art. Galerías Laietanes, Barcelona. Obra: Bodegón. 1927 Séptimo Salón de Otoño. Asociación de Pintores e Escultores, Madrid. Obras: Manzanas e Paisaje de San Jinés. 1928 Terceira exposición da Associació d'Art. Galeries Laietanes, Barcelona. 1929 Exposición Internacional de Barcelona. Palau de Congresos, Barcelona. 1929 Exposición internacional de pintura, escultura, dibujo y grabado. Palau Nacional, Barcelona. 1930 Exposición da Associació d'Art. Galeries Laietanes, Barcelona. 1930 Barcelona vista pels seus artistes. Palacio de Artes Decorativas, Barcelona. 1931 Barcelona vista pels seus artistes. Palacio de Artes Decorativas, Barcelona. 1932 Exposició de primavera. Palacio Nacional, Barcelona. Presentou un bodegón e un espido. 1933 Exposició de primavera. Palau de Projeccions, Barcelona. 1933 Sisena Mostra de l'Associació d'Art. Galerías Syra, Barcelona. 1933 Exposició del Nu, Círcol Artístic. Vestíbulos dos baixos dos FFCC, Barcelona. 1934 Exposició de primavera. Palau de Projeccions, Barcelona. Presentou a obra Noia pentinant-se. 1935 Exposició de primavera de 1935. Saló d'Art Moderna, Barcelona. Presentou a obra Camí de la font. 1935 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. 1936 Exposició de primavera de 1936. Palacio da Metalurxia, Barcelona. Presentou as obras Repòs e Escrivint. 1936 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. Obra: Camerino. 1938 Bienal de Venecia. 1940 Bienal de Venecia. 1941 Exposición de Arte Española, Berlín. 1941 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. Obra: Saliendo del baño. 1942 Exposición Nacional de Bellas Artes, Barcelona. Obra: Bailarina. 1944 Bienal de Venecia. 1945 Exposición Nacional de Belas Artes. Madrid Obra: Desnudo. 1947 Exposición de Arte Española, Bos Aires. 1948 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. Obra: Sinfonía en gris. 1950 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. Obra: Plenitud. 1957 Exposición Nacional de Belas Artes, Madrid. Obra: Desnudo.

Notas

Bibliografía

Categoría:Nados en 1905 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Finados en 2002 Categoría:Pintores de Cataluña