Sarah Kofman, nada en París, Francia o 14 de setembro de 1934, e finada ibídem o 15 de outubro de 1994, foi unha filósofa, escritora, ensaísta e docente de orixe francesa. Foi unha psicanalista e crítica literaria cuxa obra e metodoloxía permitiu unha revisión dos textos de Freud, Nietzsche e Jean-Jacques Rousseau entre outros.

Traxectoria Nada en París (14 de setembro de 1934) viviu a ocupación alemá (14 de xuño de 1940 - 6 de xuño de 1944) o que marcou fondamente a súa traxectoria e pensamento.

Filla do rabino Bereck Kofman e da súa muller Fineza Koeing. Viviu na Rue Ordener de París ata o arresto do seu pai o 16 de xuño de 1942. Tras o traslado do seu pai a Auschwitz, en 1943, viviu refuxiada por unha viúva na Rue Labat á cal nos seus escritos bautizará coma Mémé. Mémé xogou un papel fundamental na educación de Kofman, Durante o período de posguerra, Kofman viviu en múltiples institucións destinadas para a residencia de nenos afectados pola guerra, ata que regresou a París coa súa nai. Graduouse no Lycée Jules-Ferry, e posteriormente no Lycée Fénelon, onde cursará estudos para acceder á École Normal Supérieure (ENS). A súa gradación na ENS veu dada polo seu ensaio acerca de Platón e a Linguaxe. Cursou os estudos de Filosofía na universidade París I Panthéon-Sorbonne e en 1960 comezou a súa carreira coma docente na universidade de Tolouse. En Tolouse traballou no denominado Lycée Saint-Sernin onde coincidiu con figuras coma Jean Hyppolite e Gilles Deleuze; este último influíu determinantemente na súa produción. Deleuze foi quen supervisou a súa tese doutoral que publicou finalmente en 1972 baixo o título Nietzsche et la métaphore. En 1963 abandonou Tolosa para retornar a París, ao Lycée Claude Monet, onde pasou os sete anos seguintes. En 1969 coñeceu a Jacques Derrida, a quen admirou e con quen colaborou para a produción da obra conxunta Lectures de Derrida (1984). Xunto con Derrida colaborou na reforma do sistema de ensinanza filosófico francés e publicará na editorial Galilée fundada en 1971 polo mesmo Derrida. Entre 1968 e 69 asistiu aos seminarios impartidos por Derrida na ENS. Xunto con Jean-Luc Nancy, Philippe Lacou-Labarth e Jacques Derrida, dirixiu a colección publicada pola editorial Galilée titulada « La philosophie en effet ». Kofman foi nomeada Catedrática da Universidade da Sorbona en 1991. En 1994 publicou a súa autobiografía Rue Ordener, rue Labat; ese mesmo ano, o 15 de outubro, suicidouse en París. Tras a súa morte, Derrida dedicoulle o capítulo once do seu libro The Work of Mourning.

Pensamento A pesar do silencio que sufriron os seus traballos tras a súa morte, destaca a súa gran capacidade crítica que serviría como influencia das seguintes correntes filosóficas, especialmente nas correntes feministas. O pensamento de Kofman ten as súas bases nun conxunto de lecturas suspicaces co obxectivo de deconstruír os prexuízos metafísicos presentes nos textos dos grandes filósofos. A súa pretensión non é, en efecto, construír un sistema filosófico, senón simplemente ler para descubrir, no fondo dos grandes sistemas, os mecanismos que se empregaron para a súa construción, os móbiles, os intereses da especulación. Así foi como revisando as lecturas de autores como Nietzsche e Freud, conseguiu demostrar non soamente a validez ou a invalidez dos seus argumentos, senón tamén interpretalos no seu contexto para demostrar como son o resultado das intencións coas que estes intelectuais comezaban a escribir as súas obras. Así, conseguiu entender máis alá do escrito, reinterpretou a motivación e foi capaz de indicar como a dirección á que apuntaban os argumentos dalgúns autores era acertada ou errónea

Influencia de Nietzsche Ao falar da obra de Kofman é preciso ter en conta unha serie de autores que, xa nos seus inicios marcaron o seu pensamento, e moitos deles acompañárona ao longo de toda a súa traxectoria. Un deles foi Friedrich Nietzsche, sobre o que elaborou textos acerca do seu pensamento, recollidos nas obras Nietzsche et la métaphore (1971); Nietzsche et la scène philosophique (1979); e Le mépris de juifs, Nietzsche, les juifs, l’antisemitisme (1994). Dentro das temáticas que abordou arredor da obra do filósofo alemán cabe destacar, en concreto, a reinterpretación da valoración da muller, a cal entrelaza con outras lecturas doutros autores tales como Freud. En especial entre estes dous autores crea unha interrelación entre o método psicanalítico e a inspiración nitzschiana, respectivamente, para chegar así a unha nova elaboración dos pensamentos.

Kofman interésase na obra de Nietzsche pola súa lonxitude respecto das categorías convencionais. A súa mestura de estilos e procedementos inauditos, privilexiando a metáfora, proporciona á autora unha fonte sólida e ampla fonte de pensamento na súa obra. O uso pouco común de discurso que elimina a oposición entre forma e contido caracteriza para a autora a “nova arte da lectura”

No seu primeiro libro, Nietzsche et la métaphore, trata xa a relación entre Nietzsche e Freud, sobre todo na concepción das pulsións, os lugares da metáfora e do inconsciente. Este, seguirase da obra Nietzsche et la scène philosophique, e a continuación Le mépris de juifs, Nietzsche, les juifs, l’antisemitisme, escrito o mesmo ano no que se suicida e coincidindo en día e mes co 150 aniversario do nacemento do filósofo. Neste último libro trata de facer xustiza ó filósofo e ao seu Zaratustra, trala interpretación nazi do autor. Fronte a acusación do autor coma antisemita, trata de matizar certos aspectos que considera inxustos ou mal interpretados debido á ambigüidade coa que se atende ao pensamento nitzschiano e as posicións paragóxicas dalgúns textos.

Dende unha perspectiva psicanalítica, e a partir das lecturas de Jacques Lacan e Melanie Klein, Kofman leva a cabo unha análise do texto, propondo unha metodoloxía hermenéutica acerca das cuestións que conforman unha base para a análise do texto e a súa reescritura do suxeito mesmo. Cabe destacar o propio título co cal denomina a súa obra: Cartas mortas a Nietzsche ou a arte necromántica de ler filosofía. Esta análise que realiza a autora do autor alemá é, dende o seu punto de vista, un resucitar do autor e un poñelo en contexto na actualidade; as cartas son cartas mortas porque non van chegar ó seu destinatario, e se chegan, considéraas como postas ó servizo dunha filosofía necromante.

Kofman desfrutaba lendo, considerábase a si mesma lectora de filosofía ademais de filósofa. Para ela a lectura e escritura van da man e non concibe unha sen a outra. Trata de renovar a lectura dos grandes textos filosóficos pero deconstruíndoos e reinterpretándoos. Sobre as súas lecturas pódese apreciar o labor de decostrucción e análise crítica do sistema metafísico e, en especial, a oposición masculino/feminino en tanto que son entendidas coma categorías esencialistas. Mostra constantemente como o feminino é rebaixado e as mulleres son depreciadas nos textos, incluso cando non son o tema central. Considera que case todos os grandes textos da filosofía teñen esta perspectiva, como manifesta na obra Aberrations. Le devenir-femme de August Comte (1978), na cal afirma que a muller é rebaixada en multiplicidade de casos e como, finalmente, remite a unha posición sexual determinada.

En definitiva, a partir do seu interese no estudo sobre o filósofo alemán, considérase que na súa obra existe un “Nietzsche de Kofman”, pois construíu un novo punto de interpretación desde unha visión que exerce unha lectura sintomática.

Crítica a Freud Kofman seguiu extensamente o pensamento freudiano, examinando as súas lecturas e afinando o concepto da feminidade postulado dende a psicanálise. Kofman sinalaba en Freud a profundidade da imaxe patriarcal da figura materna. A idealización da muller ao longo da historia como a figura maternal perfecta, ou o entronizamento da nai como denomínao Kofman, foi unha caracterización dos homes por protexer ás mulleres da súa carencia de falo. As teses psicanalistas demostraron que a nai, definida como a muller que cría a un neno, e sendo unha figura determinante no condicionamento da psique, é un atentado contra a masculinidade psicosocial. Isto débese a que os valores sociais asociados ao concepto de “nai”, tales como coidado, fonte de vida ou a relación co orixe do natural (nai natureza); chocan coa visión da muller como o sexo débil, contrario e incluso ruinoso para o sexo masculino. Así é como naceron os conceptos da psicanálise como o Edipo en Freud ou as Nais Frigorífico en Bettelheim, a través deste choque de valores.

Kofman profundou neste desacerto acerca da muller freudiana na súa obra L’Énigme de la femme (1980), partindo da contrariedade de Kofman ante críticas dalgunhas autoras que partían desde prexuízos masculinos. A autora francesa comenta que Freud sacou a plena luz, xunto coas súas relacións incestuosas criminais, o sexo da muller, da nai. En palabras de Kofman, para a psicanálise, a sexualidade da muller seguía sendo algo cuberto por un escuro pano. Este pano é algo que o psicanalista deberá de resolver, o que creará unha situación de heterodesignación a través da culpabilización da alteridade da muller, propondo un remedio que ao mesmo tempo un veleno porque non pode curalas senón contaminalas, obrigándoos a “colaborar”, a aceptar o punto de vista do outro, do home, que se considera ter a verdade. A solución psicanalítica devolve á muller a súa palabra para quitarlla mellor, para subordinala mellor á do señor. A muller debe convencerse de que está enferma e precisa dun analista varón para axudala. Freud colocou a muller como sexo ao que temer dende a masculinidade, xa que todo o relacionado coa feminidade parte desde a enfermidade da muller por querer desenvolverse a si mesma.

Así é como se o carácter "reactivo", o resentimento, a envexa, se atribuísen só ás mulleres, polo menos no seu carácter "excesivo", é dicir patolóxico. Entre o desexo da nena e o do home, a diferenza é simplemente paulatina, a que vai do patolóxico ao normal: para ambos sexos, o desexo é por natureza unha carencia infinita, unha avidez que nada podería calmar. Isto levaría a elaborar supostos psicolóxicos que explicaran a libido maligna da muller, como a suposta envexa inherente das mulleres cara aos homes pola súa falta de pene. Así, a maternidade interprétase como o desexo da muller de ter un pene, con motivo de desexar o neno como substituto do pene. Pero se isto é así, razoa Kofman, o que guía a maternidade feminina é de novo a envexa do pene, o desexo de posuír un pene que se acougue na correspondencia simbólica entre o pene e o neno-varón que o porta. Atribuír a diferenza moral e cultural entre homes e mulleres a unha diferenza de destino dos complexos é xustificar, en nome da natureza, a represión cultural da muller, é lexitimar todas as desigualdades culturais e sociais apelando a unha evolución da libido que, por ser longa e dolorosa na muller, a obrigaría a quedar atrás. Por isto, se a muller é hostil e expresa frixidez ante os estímulos sexuais do seu marido, o psicanalista interpreta que isto non ten nada que ver coa súa resistencia ao estado de submisión, senón que, por contaminación, sofre unha ferida narcisista que demostra a inevitable envexa do pene. Ademais, todo isto parte do suposto biolóxico da envexa da muller pola falta de pene, formulado como unha rocha inamovíbel que fundamenta os estratos desta definición de feminidade sen evidencia algunha máis que a conxectura teórica do rexeitamento da muller aos seus órganos sexuais supostamente incompletos, o que demostra de novo o patriarcal desta visión. As particularidades femininas non son pensadas por Freud como fluídas ou flexibles, senón que pretende que sexan fixas e inamovibles aos trinta anos, de tal xeito que aquí se detén e se cosifica ese eterno feminino, que xa non vai ser susceptible de cambios.