miniatura|Caricatura do solipsismo. O solipsismo (do latín solus, solo, e ipse, si mesmo) é unha forma de idealismo radical que asume como única certeza a existencia da mente dun mesmo; aínda que tamén pode definirse como a negación da existencia doutras mentes e do mundo exterior. Contexto Como termo, o “solipsismo” naceu no ano 1652, introducido por Giulio Clementi Scotti na súa obra Monarchia solipsorum, un breve panexírico contra a Compañía de Jesús no que se satiriza unha comunidade de egoístas.Ayala 2003 Deste xeito, o significado inicial que contén a palabra atópase profundamente vencellado ao egoísmo, como vemos tamén en Kant, que o emprega nun sentido de egoísmo moral.
Co paso do tempo, e descansando sobre as concepcións de Descartes e o cogito, o significado do termo “solipsismo” experimentou unha evolución que fragmentou o seu campo de actuación e o afastou da ética para aproximarse á epistemoloxía, á metafísica e ao método.
Conceptualmente, o solipsismo, ademais dunha teoría propia, tamén é concibido como un problema filosófico referente á existencia doutras mentes. Desta combinación nacen as dúas posibles definicións de solipsismo; ou supón a negación doutras mentes, que pode incluírse na afirmación de que a única certeza é a existencia da mente dun mesmo, ou é tan só dita certeza, que pode darse de maneira autónoma en tanto que unicamente se estenda a dúbida sobre a existencia exterior.
De todos xeitos, as ideas propias do solipsismo son incluso anteriores ao nacemento do termo en si, atopándose unha manifestación da dúbida da existencia do mundo exterior no protagonista da obra La vida es sueño de Calderón de la Barca, estreada en 1635.
Con todo, a problematización e teorización sobre o solipsismo aconteceron especialmente no século XX de man de autores como Husserl ou Wittgenstein, se ben Descartes xa establecera certas liñas mestras ao incorporar o nivel de dúbida ao mundo exterior.
Tipos de solipsismo
Metafísico O solipsismo metafísico, ou ontolóxico, pode ser definido como a teoría que defende que a única existencia real é a do eu, é dicir, o suxeito só ten certeza de que el é real. Esta corrente do solipsismo baséase na doutrina do idealismo subxectivo, que establece a existencia só dos contidos mentais propios. Partindo desta perspectiva, todo o que se atope fóra da mente do suxeito é considerado como unha manifestación del mesmo, carente de existencia independente.
Este solipsismo tamén foi bautizado por Husserl como “solipsismo dogmático”, xunto co solipsismo epistemolóxico que nomeou como “solipsismo escéptico”. Para Husserl, o solipsismo metafísico ou dogmático sería aquel que nega a existencia das realidades externas, mentres que a outra clase tan só dúbida da mesma, aínda que considera ambos insuficientes.
De tódolos xeitos, si é certo que o solipsismo metafísico recolle a favor del mesmo unha serie de argumentos, como poden ser o segundo nivel da dúbida de Descartes, con respecto do cal non temos evidencia de que o mundo exterior non sexa máis ca un soño, ou o feito de que o único ao que o suxeito ten acceso directo son os contidos da súa propia mente. Por isto, pode chegarse á conclusión do solipsismo metafísico, é dicir, a idea de que a única existencia é a dos contidos mentais.
Epistemolóxico Dende o punto de vista epistemolóxico, o solipsismo é herdeiro da epistemoloxía egocéntrica, levando os seus supostos ata as últimas consecuencias. Este solipsismo aplica de maneira radical a idea da privacidade da experiencia; as sensacións propias só se poden dar no suxeito que as ten e só poden ser experimentadas por un mesmo.
Por conseguinte, enténdese o solipsismo epistemolóxico como unha teoría na que o coñecemento non pode vir dado por un elemento externo, sendo así que o coñecemento non pode residir no obxecto en si. Máis ben, o coñecemento reside na outra parte da dualidade epistemolóxica, no suxeito. Deste xeito, o solipsismo tamén funciona como unha ramificación do idealismo en tanto que reduce a posibilidade de coñecemento aos contidos mentais do propio suxeito que coñece.
Nesta liña, o solipsismo vai máis alá e chega a dubidar da existencia dun mundo externo ao suxeito. En calquera caso, esta dúbida epistemolóxica foi considerada polos filósofos solipsistas como unha pregunta irresoluble; a existencia dun mundo externo non é rexeitada nin se considera falsa, simplemente esténdese a sospeita de dúbida sobre a mesma.
Metodolóxico O solipsismo metodolóxico caracterízase polo emprego do solipsismo como un método á hora de acceder ao coñecemento, deixando de lado as teorizacións dos solipsismos anteriores. Deste xeito, este tipo de solipsismo procura servir como axuda do escepticismo en tanto que demanda unha xustificación clara e sen dúbida do mundo exterior con base nas impresión subxectivas ou no coñecemento innato.
O solipsismo metodolóxico é o que poderíamos recoñecer no proceder de Descartes na consecución da evidencia do cogito. Partindo da premisa de que o coñecemento metafísico e matemático só pode proceder do intelecto e a vontade, o filósofo procede a atopar a súa primeira certeza nos contidos de conciencia, o cogito, que é unha conciencia solitaria, independente de calquera corpo e que só pode estar seguro dos contidos de si mesma. De todos xeitos, este solipsismo metodolóxico non se mantén indefinidamente pois Descartes, botando man da demostración de Deus, acada a evidencia do mundo exterior.
Por outro lado, nos últimos tempos, a idea dun solipsismo metodolóxico experimentou unha nova formulación de mans de Putnam, que o emprega para referirse á aseveración de que os estados psicolóxicos son exclusivos do individuo que os recoñece; a noción de solipsismo metodolóxico tamén foi reivindicada por Fodor como un método para a investigación da psicoloxía cognitiva pois defende que aquilo que determina a explicación psicolóxica do comportamento reside no contido estreito, marcado polos contidos mentais.
Ademais destes autores, Carnap tamén empregou o termo “solipsismo metodolóxico”. No seu caso, fíxoo para referirse a un modo de construción do mundo baseado nas experiencias elementais do eu; os obxectos e o resto de conciencias elabóranse grazas a estas experiencias. A caracterización como “metodolóxico” deste solipsismo é debida ao desexo de Carnap de destacar o seu carácter opcional.
A problematización do solipsismo O solipsismo atópase especialmente vencellado ao problema das outras mentes. Dito problema pode resumirse na pregunta sobre cal é a condición da existencia de calquera outra conciencia máis alá da miña propia. Dado que o solipsismo afirma que o único sobre o que se pode ter evidencia certeira de que existe son os contidos mentais dun mesmo, desde o solipsismo non se pode aceptar a existencia doutras conciencias máis alá da propia. As respostas a esta problemática pasan polo presentismo egocéntrico de Caspar Hare, onde se recoñece a existencia doutras conciencias, pero négase a súa presenza, a renuncia a unha resposta ou a afirmación de que as condicións de posibilidade do coñecemento non pasan por unha solución ao problema solipsista.
Por outro lado, o solipsismo como tal tamén foi visto como un problema para numerosos autores. Entre eles, Wittgenstein, na súa segunda etapa, reduciu a cuestión solipsista a un desacordo gramatical entre realistas, idealistas e solipsistas. Por outro lado, para os positivistas lóxicos o solipsismo tamén será un problema ao reducir os enunciados protocolares, requiridos ao adoptar o principio de verificación, aos referidos á experiencia subxectiva.
Autores miniatura|Retrato de René Descartes.
Descartes Os fundamentos do solipsismo baséanse na crenza de que a comprensión que ten o individuo sobre os conceptos psicolóxicos (pensar, querer, percibir, etc.) é adquirida a través dunha analoxía cos seus propios estados mentais. Esta visión, ou algunha variante dela, rematou por influír na filosofía dende que Descartes elevou a busca da certeza incontrovertible ao status de obxectivo principal da epistemoloxía, ao mesmo tempo que elevou esta disciplina á "filosofía primeira".
Baseándose na crenza de que tanto os ideais como a “realidade” existen, os seguidores desta corrente adoitan argumentar que a distinción entre a mente e a materia pode probarse empregando o principio da identidade dos indiscernibles de Leibniz. Este principio establece que se dúas cousas comparten exactamente as mesmas calidades deben ser idénticas e, polo tanto, unha mesma cousa. Deste xeito, os dualistas intentan identificar os atributos da mente dos que carece a materia ou viceversa.
Unha aplicación notable da identidade dos indiscernibles foi a de René Descartes nas súas Meditationes de prima philosophia (1641). Tras aplicar unha dúbida hiperbólica, que consiste en rexeitar como falso todo o que sexa minimamente dubidoso, chegou á conclusión de que o único indubidablemente certo era a propia existencia:“De maneira que, unha vez sopesados escrupulosamente todos os argumentos, hase de concluír que sempre que digo «Eu son, eu existo» ou o concibo na miña mente, necesariamente ha de ser verdade”.Descartes concluíu, a través do famoso argumento cogito ergo sum, que non podía dubidar da existencia de si mesmo pero si da existencia do seu corpo. Disto inferiu que a persoa de Descartes non debe ser idéntica ao corpo de Descartes xa que un posuía unha característica que o outro non: a posibilidade sobre o coñecemento da súa existencia. O solipsismo está de acordo con Descartes neste aspecto, e vai máis alá. Só se debe considerar que existen as cousas das que se pode saber que existen. O corpo de Descartes só podía existir como unha idea na mente da persoa Descartes.
Preténdese probar a existencia real da realidade en oposición a unha existencia fantasma usando o reino das ideas simplemente como punto de partida, pero o solipsismo xeralmente atopa eses argumentos pouco convincentes. Descartes, en cambio, propón que o seu propio inconsciente é o autor de todos os eventos aparentemente "externos" da "realidade".
No entanto, se o cogito é suficiente para fundar a certeza subxectiva da existencia do suxeito pensante no momento de pensar, non é suficiente para fundar a realidade absoluta da res cogitans ou substancia pensante que existiría fóra del. De feito, só Deus podería ser tal fundamento debido á súa creación continua. Así, a teoría cartesiana non é enteiramente solipsista.
Segundo unha interpretación dominante na historia da filosofía, Descartes prefigurou a chegada da subxectividade na filosofía moderna, é dicir, da autoconciencia (preparando así o camiño para os solipsismos posteriores). Acusado de caer no subxectivismo radical, o subxectivismo cartesiano era en realidade un solipsismo metodolóxico no sentido de que o home, a partir das características da evidencia das cousas que coñece, pode adquirir ese carácter de certeza indubidable no que basear logo a demostración racional da existencia dun Deus, bo e por tanto verídico, como unha garantía máis da realidade obxectiva do mundo. Por esta doutrina, Descartes foi criticado tanto por Pascal, quen lle reprochou que se aproveitase de Deus para dar un xiro ao mundo, como por algúns dos seus adversarios contemporáneos, entre os que se atopan o filósofo Hobbes e o teólogo Antoine Arnauld, que o acusaron de caer nunha "trampa solipsista", asimilada a un círculo vicioso, debido á teorización da existencia de Deus para garantirse os criterios de verdade que lle servirían para demostrar a existencia deste.
Berkeley miniatura|Retrato do bispo George Berkeley, por John Smibert. George Berkeley foi un dos filósofos que máis se introduciu no camiño do solipsismo dende o antigo pirronismo, traballando en concreto a vertente metafísica. O seu idealismo empirista remitiu a orixe das nosas sensacións a Deus, considerado como fonte de verdade así como único elemento que podía asegurarlle ao suxeito a obxectividade do coñecemento.