Valentin Kozmich Ivanov (en ), nado en Moscova o 19 de novembro de 1934 e finado na mesma cidade o 8 de novembro de 2011, foi un futbolista e adestrador soviético que xogaba como centrocampista. Máximo goleador da historia do Torpedo Moscova, militou durante toda a súa carreira en dito club, co que gañou dúas ligas soviéticas e a Copa da URSS de 1960. Internacional coa selección soviética durante unha década, é o terceiro máximo goleador da súa historia, con 26 tantos, e conquistou con ela a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1956 e a Eurocopa de 1960. Disputou ademais a final da Eurocopa de 1964 e dúas Copas do Mundo (Suecia 1958 e Chile 1962), sendo na segunda delas o máximo goleador do torneo.

Tras colgar as botas foi adestrador, traballando case exclusivamente no club da súa vida, o Torpedo, ao que dirixiu ata en seis etapas diferentes, conquistando a liga soviética en 1976 e dúas Copas da URSS.

Traxectoria

Torpedo Moscova Desenvolveu toda a súa carreira futbolística no Torpedo Moscova, club no que xogou entre 1952 e 1966, disputando 311 partidos e marcando 139 goles, máis que ningún outro futbolista da historia do club. Coincidiu con futbolistas como Eduard Streltsov e conquistou dúas ligas soviéticas, a primeira delas en 1960 e a segunda en 1965, ademais de tres subcampionatos. En 1960 un gol seu na prórroga da final da Copa da URSS ante o Dinamo Tbilisi deulle ao Torpedo o seu terceiro título nesta competición e o segundo título na mesma tempada, xunto co de liga.

Selección soviética Foi 59 veces internacional coa Unión Soviética, coa que marcou 26 goles. É o terceiro máximo goleador da historia da selección soviética, só por detrás de Oleg Blokhin e Oleg Protasov.

Participou nos Xogos Olímpicos de 1956 en Melbourne, marcando un gol no torneo, no que o seu equipo acabou conquistando a medalla de ouro. Con todo, non puido xogar a final contra Iugoslavia, despois de lesionarse nas semifinais contra Bulgaria. Disputou coa selección dúas Copas do Mundo (Suecia 1958 e Chile 1962), sendo na segunda delas o máximo goleador do torneo (empatado con outros cinco xogadores a catro tantos).

Proclamouse campión da Eurocopa de 1960, marcando dous goles nas semifinais contra Checoslovaquia e derrotando na final a Iugoslavia. Catro anos despois capitaneou a selección soviética na Eurocopa de 1964, disputando de novo a final, pero caendo esta vez ante España, despois do gol do dianteiro galego Marcelino.

Como adestrador Comezou a súa carreira como adestrador pouco despois de colgar as botas, collendo en agosto de 1967 as rendas do Torpedo Moscova, o único club no que xogou como futbolista e ao que adestraría noutras cinco etapas diferentes. Na súa primeira tempada á fronte do club gañou a Copa da URSS, derrotando na final ao Pakhtakor de Tashkent, e rematou a liga na terceira posición. Deixou o club en 1970, e tras uns anos con peores resultados, o Torpedo volveuno contratar en 1973. Con Ivanov de novo no banco, o equipo volveu aos postos altos da táboa e en 1976 proclamouse campión de liga por terceira vez na súa historia, superando na clasificación ao Dinamo de Kíiv. Xogaban naquel equipo futbolistas como Iurin, Prigoda, Khudiev ou Krulog. Na seguinte campaña acabou a liga no terceiro posto, e en 1978 deixou de novo o cargo.

Regresou ao Torpedo en agosto de 1980 e sentou no banco do equipo durante os seguintes 11 anos. Durante esa época dirixiu a xogadores como Sergei Agashkov, Vladimir Grechnev, Oleg Shirinbekov, Aleksandr Polukarov, Andrei Rudakov, Gennadii Grishin, os xemelgos Iurii e Nikolai Savichev ou o gardameta Dmitrii Kharin. O equipo acadou tres veces o terceiro posto da liga e xogou varias finais da Copa Soviética, conquistando a edición da tempada 1985/86, despois de derrotar na final ao Shakhtar Donetsk.

En 1992 deixou brevemente o país para adestrar o Raja Club de Casablanca na liga marroquí, regresando a continuación a Moscova, onde se puxo á fronte do Asmaral. Durante os seguintes anos volveu adestrar o Torpedo en tres ocasións máis, a última delas no 2003, no entón chamado Torpedo Metallurg.

Vida persoal Casou coa ximnasta rusa Lidiia Ivanova, dúas veces campioa olímpica en 1956 e 1960. Foi pai de Valentin Ivanov, que tamén foi futbolista e máis tarde árbitro internacional, e chegou a arbitrar partidos na Eurocopa de 2004 e no Mundial de 2006. A súa filla Olga Ivanova foi bailarina principal do Teatro Bolshoi.

Morte Morreu o 8 de novembro de 2011, pouco antes do seu 77º aniversario, tras unha longa loita contra o Alzhéimer.

Palmarés miniatura|265x265px| Ivanov nun selo ruso de 2016 da serie "Lendas do Fútbol"

Como futbolista Torpedo Moscova Liga Soviética (2): 1960, 1965. Copa Soviética (1): 1960.

Selección soviética Eurocopa (1): 1960. Medalla de ouro dos Xogos Olímpicos (1): 1956.

Como adestrador Torpedo Moscova Liga Soviética (1): 1976. Copa Soviética (2): 1968, 1986.

Notas

Categoría:Nados en Moscova Categoría:Nados en 1934 Categoría:Finados en 2011 Categoría:Finados por alzhéimer Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas de Rusia Categoría:Futbolistas olímpicos da Unión Soviética Categoría:Xogadores do Torpedo Moscova Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Unión Soviética Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1956 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1956 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos de ouro pola Unión Soviética Categoría:Xogadores da Eurocopa de Fútbol de 1960 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Goleadores da Copa do Mundo Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa Categoría:Adestradores de fútbol de Rusia Categoría:Adestradores de fútbol da Unión Soviética Categoría:Adestradores do Torpedo Moscova Categoría:Adestradores do Raja Casablanca