Camilo Forján Seoane, nado en Pazos de Iria (Iria Flavia, Padrón) o 3 de febreiro de 1954, é un mestre e político galego do PSdeG-PSOE.
Traxectoria
Estudou o bacharelato no Colexio Libre Adoptado Salas Pombo e logo fixo Maxisterio. Exerceu como mestre de Ciencias Sociais en Frións (Ribeira), Padrón, Muxía e no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro. Formou parte da candidatura do PSdeG-PSOE en Padrón en 1991, se ben non resultou elixido. Foi concelleiro socialista en Padrón tralas eleccións municipais de 1995 e de 1999, nas que foi o número 3 e 2 da candidatura encabezada por Julio Martín García. Foi o candidato do PSdeG-PSOE nas municipais de 2003, pasando de 2 a 3 concelleiros, reforzándose como a principal forza da oposición ao goberno do PPdeG. Nas municipais de 2007 volveu encabeza-la lista do PSdeG-PSOE, mantendo 3 concelleiros e subindo votos. Trala contundente perda da maioría absoluta do PPdeG foi elixido alcalde en coalición coa formación independente CIPa, e co apoio do BNG e do Partido Galeguista na investidura.La Voz de Galicia, Santiago, 17-6-2007, p. 6.
Nas municipais de 2011 perdeu a alcaldía en favor do PPdeG, pese a mante-la súa representación con 3 concelleiros, debido á caída do seu socio de goberno e quedar sen opcións de pacto, polo que o candidato conservador Antonio Fernández Angueira asumiu a alcaldía como forza máis votada. Encabezou de novo a candidatura socialista nas municipais de 2015 pasando a 2 concelleiros. Se ben se estudou un acordo de goberno alternativo ao PP, finalmente este volveu asumi-la alcaldía en minoría. A finais de 2016 estudouse a presentación dunha moción de censura que o devolvese á alcaldía, pero dita operación tampouco frutificou. Encabezou de novo a candidatura do PSdeG nas municipais de 2019 e conseguiu dobra-la súa representación ata os 4 concelleiros, o mellor resultado da historia do partido en Padrón, se ben seguiu formando parte da oposición dado que o PPdeG logrou a maioría absoluta.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Padrón
Ligazóns externas Biografía na web do PSdeG
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Alcaldes de Padrón
Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Padrón Categoría:Nados en 1954