Andrés Domínguez Candal, coñecido como Pierita, nado en Santiago de Compostela o 16 de decembro de 1918 e finado en Elx o 24 de outubro de 1978, foi un mestre e futbolista galego que xogaba como dianteiro. Histórico futbolista do Elche CF, co que disputou 277 partidos en dez tempadas nos anos 40 e 50, foi durante sete décadas o máximo goleador da historia do club con 130 goles, ata que foi superado por Nino en 2020.

Traxectoria Comezou no Racing San Lorenzo de Santiago de Compostela, onde recibiu o alcume de Pierita polo parecido entre o seu xogo e o do internacional do FC Barcelona Vicenç Piera. Na tempada 1935/36 disputou co Vilagarcía FC o Campionato de Galicia, rematando o equipo en penúltima posición.

Na tempada 1936/37 fichou polo Lugo Sporting, co que debutou na oitava xornada do campionato galego fronte ao Club Coruña no Campo de Riazor. O equipo lucense rematou na terceira posición só por detrás do Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo. Volveu ao Racing santiagués na tempada seguinte.

En 1938 incorporouse á fronte de batalla da Guerra Civil co grao de alférez, e ao remate da contenda foi destinado a Murcia. Pouco despois fichou polo Elche CF, de Segunda División. Xogou só os últimos catro partidos da tempada e marcou tres goles, aínda que o equipo acabou descendendo. Logrou ascender na tempada seguinte e tras un ano na categoría de prata fichou polo Málaga, tamén de Segunda, no verán de 1942.

En 1944 regresou ao Elche, co que logrou un novo ascenso a Segunda na tempada 1948/49. Despois de descender ao ano seguinte, fichou polo Alcoyano, que militaba na Primeira División.

Debutou en Primeira División na primeira xornada da liga 1950/51 fronte ao Racing de Santander no Estadio El Collao e marcou un dos tres goles do seu equipo (3-3). Anotou un total de oito goles naquela campaña, incluído un gol na vitoria por 2-1 contra o Real Madrid. Con todo, o equipo descendeu a Segunda. Na seguinte tempada marcou 21 goles, sete deles na fase de ascenso a Primeira, pero sen conseguir o obxectivo de volver á máxima categoría.

En 1953 fichou polo. Orihuela Deportiva, que estaba na Segunda División. Fixo doce goles, descendendo ao remate da tempada. Ao ano seguinte volveu de novo ao Elche para formar parte da cooperativa que salvou o club da desaparición. Foi a súa terceira etapa como xogador do club ilicitano e nela acadou os 130 goles oficiais, anotados contra 43 equipos diferentes. Foi durante sete décadas o máximo goleador da historia do club ata que en 2020 foi superado por Nino.

Tras deixar o fútbol dedicouse á súa outra profesión, a de mestre, dando clases ata a súa xubilación.

Notas

 Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1918 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Finados en 1978 Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Lugo Sporting Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Xogadores do CD Málaga Categoría:Xogadores do Orihuela Deportiva CF