David Torres Pastoriza, coñecido como Dava Torres, nado na Coruña o 25 de decembro de 1994, é un xogador de hóckey a patíns galego. Xoga de dianteiro e é o capitán do Deportivo Liceo, club do que é o seu cuarto máximo goleador histórico.
Traxectoria Naceu na Coruña nunha familia vencellada ao hóckey a patíns, sendo fillo de Vicente Torres, que logo foi presidente da Federación Galega de Patinaxe, e irmán máis novo de Tito Torres, que, chegou a xogar na OK Liga.
Comezou a xogar ao hóckey no colexio Santa María do Mar da Coruña, onde tivo como adestrador a Dagoberto Moll, pasando logo ás categorías inferiores do Liceo. Tras tres anos no club coruñés fichou polo CP Cerceda, adestrado por Juan Copa, co que debutou en Primeira Nacional na tempada 2010/11, aos 15 anos de idade. Gañou a titularidade rapidamente sendo xa na súa primeira tempada un dos piares do equipo. Na tempada 2012/13 o club logrou o ascenso á OK Liga, e tras unha campaña na máxima categoría Dava Torres deixou o Cerceda para fichar polo Vic. Xogou un só ano no club catalán, co que gañou a Copa do Rei 2014/15 tras derrotar ao FC Barcelona na final.
En xuño de 2015 volveu ao Liceo. Co equipo herculino conquistou unha liga na tempada 2021/22, unha Copa do Rei en 2021, unha copa do Rei no ano 2026 e tres Supercopas de España, ademais de ser cinco veces subcampión de liga e tres da Copa do Rei. En xaneiro de 2026 converteuse no cuarto máximo goleador da historia do club, ao superar os 300 goles de Fernando Pujalte, quedando só por detrás de Daniel Martinazzo, Josep Lamas e Jordi Bargalló.
Selección española Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, proclamándose campión europeo sub-17 e subcampión europeo e mundial sub-20. Aos 27 anos chegoulle a súa oportunidade coa selección absoluta, cando foi convocado por Guillem Cabestany para a Copa do Mundo de 2022 en San Juan, substituíndo ao tamén coruñés Ignacio Alabart, lesionado. Participou nos seis partidos de España no torneo, marcando cinco goles (dous contra Mozambique, dous contra Alemaña e un contra Angola).
En 2024 disputou a Copa das Nacións de Montreux, despois de ser convocado de novo pola ausencia de Alabart.
Palmarés
CP Vic
Copa do Rei (1): 2014/15
HC Liceo
OK Liga (1): 2021/22. Copa do Rei (2): 2021, 2026. Supercopa de España (3): 2016/17, 2018/19, 2021/22.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en ceroacero.es
Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Galicia Categoría:Xogadores do H.C. Liceo Categoría:Xogadores do CP Cerceda Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1994