Para outros artigos de persoas co mesmo apelido, véxase a páxina de homónimos Hatz

Gert Hatz, nado o 4 de xaneiro de 1928 en Hamburgo e finado o 5 de setembro de 2017 en Eutin, Schleswig-Holstein, foi un numismático alemán especializado na moeda e na circulación monetaria nos séculos X e XI.

Traxectoria

Formación Logo de concluír a súa educación secundaria en 1946, Gert Hatz comezou o ano seguinte os seus estudos de Historia, Folclore alemán e Ciencias Auxiliares da Historia na Universidade de Hamburgo. Alí, un dos seus profesores máis sobranceiros foi Walter Hävernick, que dirixía o Museo de Historia de Hamburgo e que era o titular da cátedra de Antigüidade e Folclore Alemán na universidade desde 1947.Wiechmann, R. (2017).

Baixo a dirección de Hävernick, Hatz acadou o seu doutoramento o 12 de xaneiro de 1952, cunha tese sobre os inicios das cuñaxes en Holstein, baseada na concepción dos achados monetarios como fonte histórica.Véxase (1952) en "Publicacións". Esta tese forma parte dunha serie de traballos similares doutros alumnos de Hävernik na Universidade de Hamburgo, entre eles Vera Hatz (a muller de Gert, coa que casou en 1956) e Peter Berghaus, que habitualmente se coñecen como a Escola Numismática de Hamburgo.

Carreira profesional Xa a partir de 1950, Hatz comezara a colaborar ocasionalmente, aínda como estudante, no gabinete numismático do Museo de Historia de Hamburgo, mais foi o 14 de xaneiro de 1952 cando comezou formalmente a súa traxectoria laboral nesa institución, como o seu conservador principal e como xefe do seu gabinete numismático, posto que ocupou ata 1993.

Hatz substituíu en ocasións a Hävernick como representante do museo na Comisión Numismática dos Estados da República Federal Alemá, e comezou a traballar na confección do catálogo centralizado dos achados monetarios alemáns da Idade Media e da Idade Moderna. Entre 1961 e 1974 Hatz corresponsabilizouse con Hävernick da súa representación na Comisión, e a partir dese ano foi designado como representante principal e como presidente da Comisión, ata a súa xubilación en 1993.

A partir de 1956, un dos labores de Hatz foi a participación, xunto con Vera Hatz e Peter Berghaus, no rexistro sistemático de moedas alemás en achados suecos da época viquinga, un proxecto xestionado entre a Comisión dos Estados e a Real Academia das Ciencias de Suecia.Kluge, B. (2017).

En 1971, Hatz acadou a súa habilitación como docente na Universidade de Hamburgo, cunha memoria (publicada en Suecia en 1974) acerca das moedas alemás presentes en Suecia nos séculos X e XI.Véxase (1974) en "Publicacións". A partir do ano seguinte comezou a docencia nesa universidade de xeito independente e en 1988 foi nomeado profesor adxunto, adscrito ao Departamento de Historia, e tamén profesor honorario no Instituto de Prehistoria e Protohistoria da Universidade de Kiel.

No ámbito editorial, en 1953 Hatz entrou a formar parte do equipo editorial da publicación Hamburger Beiträge zur Numismatik ("Contribucións de Hamburgo á numismática"), onde publicou unha gran cantidade de artigos, e a partir de 1959 asumiu a súa dirección editorial. Entre 1960 e 1967 tamén se fixo cargo da edición da sección Vorhansische Zeit ("Período prehanseático") na revista Hansischen Geschichtsblätter ("Follas de historia hanseática").

Recoñecementos En recoñecemento do seu labor en prol da numismática sueca, Gert Hatz e a súa Muller, Vera Hatz, foron recoñecidos polo rei Carlos Gustavo de Suecia como comendadores da Orde da Estrela Polar, o día 17 de setembro de 1993.

Diversas entidades numismáticas nomeárono membro de honra, entre elas a Sociedade Numismática de Berlín e a Asociación de Amigos das Moedas de Hamburgo.

Premios (1979): Medalla Elias Brenner, da Sociedade Numismática Sueca."SNF:s Elias Brenner-medalj för förtjänsterinom numismatiken". Svenska Numismatiska Föreningen. (1988): Premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional (GIG), de Frankfurt."GIG-Ehrenpreisträger ". No sitio web da SHMI. (2002): Premio Derek Allen, da British Academy."Derek Allen Prize". The British Academy. (2003): Medalla da Royal Numismatic Society, de Londres."Bylaws of the Society". Royal Numismatic Society. (2007): Medalla Gunnar Holst, da Gunnar Holst Stiftelse för Numismatik), de Gotemburgo, Suecia."2007 års pris från Gunnar Holsts stiftelse för numismatik". En Svensk Numismatisk Tidskrift. Decembro de 2007. Páxina 184.

Publicacións Gert Hatz foi un prolífico autor de artigos numismáticos en diversas revistas da súa época (varios centos en Hamburger Beiträge zur Numismatik), e tamén dalgúns traballos monográficos. Esta é unha escolma das súas monografías máis salientables:"Gert Hatz (1928-2017). Schriftenverzeichnis 1952-1987". Coingallery.de"Gert Hatz". Open Library. Internet Archive."Hatz, Gert 1919- ". Digital Library Numis.

(1952). Die Anfänge des Münzwesens in Holstein. Die Prägungen der Grafen von Schauenburg bis 1325. Museum für Hamburgische Geschichte, Hamburgo. (1974). Handel und Verkehr zwischen dem Deutschen Reich und Schweden in der späten Wikingerzeit. Die deutschen Münzen des 10. und 11. Jahrhunderts in Schweden. Kungl. Vitterhetsakademien , Estocolmo. ISBN 978-9171921413 Recensión da obra por M. Dhénin, en Revue numismatique. Nº 18. 1976. Société française de numismatique. Páxinas 233-234. (1977). Hamburgische Geschichte im Spiegel der Medaillen. Museum für Hamburgische Geschichte, Hamburgo. (1991). Otto-Adelheid-Pfennige. Untersuchungen zu Münzen des 10./11. Jahrhunderts (con Vera Hatz et al.). Kungl. Vitterhetsakademien, Estocolmo. ISBN 978-9171928276 (2001). Die Deutschen Münzen des Fundes Von Burge 1, Ksp. Lummelunda, Gotland (con V. Hatz). Kungl. Vitterhetsakademien, Estocolmo. ISBN 978-9174023169 (2001). Der Münzfund vom Goting-Kliff/Föhr (con E. Pernicka). Gietl. ISBN 978-3924861537 (2010). Corpus Nummorum Saeculorum IX-XI qui in Suecia Reperti Sunt - Bräkne-Hoby - Sölvesborg (con V. Hatz, B. Malmer, G. Rispling). Almqvist & Wiksell, Estocolmo, ISBN 978-91-7402-393-0

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña Vera Hatz Walter Hävernick Peter Berghaus

Bibliografía Berghaus, P. et al. (1988). Commentationes Numismaticae 1988. Festgabe für Gert und Vera Hatz zum 4. Januar 1988 dargebracht. Hamburgo. ISBN 3-922451-04-7 Kluge, B. (2017). "Gert Hatz (1928-2017)". En Münzen Woche. 8 de novembro. Wiechmann, R. (2017). "Gert Hatz 4 de xaneiro de 1928 - 5 de setembro de 2017". En Numismatisches Nachrichtenblatt. 66. Nº 11. Páxinas 443-446.

Categoría:Nados en 1928 Categoría:Nados en Hamburgo Categoría:Finados en 2017 Categoría:Numismáticos de Alemaña Categoría:Galardoados coa medalla Gunnar Holst Categoría:Galardoados co premio Derek Allen Categoría:Galardoados coa medalla Elias Brenner Categoría:Galardoados co premio da Sociedade de Historia Monetaria Internacional Categoría:Membros da Comisión Numismática dos Estados da República Federal de Alemaña Categoría:Profesores da Universidade de Hamburgo Categoría:Profesores da Universidade de Kiel Categoría:Personalidades sen imaxes