Natalia Raña Fuentes, nada en Ordes o 15 de marzo de 1978, é unha deportista galega.

Ten competido en numerosas disciplinas, entre elas natación, atletismo, ciclismo, dúatlon e tríatlon, chegando a participar na Copa do Mundo de Tríatlon e en Ironman. É irmá do campión do mundo de tríatlon Iván Raña.

Traxectoria Comezou na natación en Santiago de Compostela, adestrando no Club Natación Santiago, xunto ao seu irmán máis novo Iván. A mediados dos anos 90 gañou xa varias carreiras pedestres como a Carreira Popular do Barbanza de 1994 ou a pedestre de Neda do mesmo ano, e por influencia de seu irmán comezou a competir en tríatlon, logrando tamén varias vitorias en Galicia.

En 1996 proclamouse campioa galega de tríatlon despois de lograr a vitoria en varias probas, e revalidou o título ao ano seguinte. No ano 1998 proclamouse subcampioa de España júnior, mentres que ao ano seguinte quedou terceira e sétima absoluta. En 1999 disputou o seu primeiro tríatlon internacional, nunha proba da Copa de Europa en Graus, competición que seguiu disputando durante os seguintes anos, destacando o oitavo posto absoluto en Alanya (Turquía) en 2001 e a medalla de bronce nos Azores no 2002. Tamén en 2002 disputou as súas primeiras probas da Copa do Mundo, en Tiszaujvaros (Hungría) e Niza.

En 2003 conquistou co equipo galego o Campionato de España por Autonomías, e en 2004, despois de proclamarse campioa universitaria de España, gañou co equipo español o Campionato do Mundo Universitario de Tríatlon, mentres que quedou décima na proba individual. Tamén ese ano proclamouse campioa galega de dúatlon e subcampioa de España de Ácuatlon.

En abril de 2005 foi a primeira galega en gañar a media maratón Vig-Bay. entre Vigo e Baiona, cun tempo de 1:21:10. Un mes despois na Coruña proclamouse subcampioa galega de 10.000 metros. En 2009 gañou co Ría Ferrol a medalla de ouro en 3.000 metros no Campionato Galego de Clubs celebrado en Vigo.Campionato Galego Absoluto de Clubs

En 2009 gañou por diante de Saleta Castro o Tríatlon Cidade de Pontevedra, disputado na modalidade de cros, e en 2011 quedou terceira no Campionato de España de Dúatlon e participou no Campionato do Mundo de Tríatlon Cross, obtendo o 14º posto. Ademais, instalada en Madrid, proclamouse tamén campioa da Comunidade de Madrid de tríatlon, subcampioa galega de campo a través e cuarta no Campionato de España de Ácuatlon. En 2012 gañou co seu equipo, o C.T. Diablillos de Rivas, a Copa do Rei de Tríatlon.

Pasou logo ao tríatlon de longa distancia e en 2013 competiu no Ironman de Lanzarote, quedando en 24ª posición. En 2020 competiu no Campionato de España de Ciclocross, logrando a medalla de ouro na categoría de -40.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Perfil de Natalia Raña na web da Real Federación Española de Atletismo .

Categoría:Nados en Ordes Categoría:Nados en 1978 Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Ciclistas de Galicia Categoría:Nadadores de Galicia Categoría:Triatletas de Galicia