MAVEN ou Mars Atmosphere and Volatile EvolutioN é unha sonda espacial da NASA lanzada o 18 de novembro de 2013 mediante un foguete Atlas 5 desde Cabo Cañaveral para estudar Marte.

Características MAVEN foi enviada a Marte para estudar a atmosfera superior e a ionosfera do planeta vermello, así como as súas interaccións co vento solar e determinar a perda co tempo dos gases da atmosfera marciana e o seu efecto na evolución do planeta.

O corpo da nave ten forma aproximadamente cúbica de 2,3 x 2,3 x 2,0 m, construído con paneis de aluminio entremetidos en paneis de composto de grafito. No centro do corpo atópase un depósito de propelente cilíndrico de 1,3 m de diámetro que pode conter ata 1640 kg de hidracina. Do corpo da nave saen dous paneis solares que proporcionan a alimentación eléctrica. A nave leva oito instrumentos científicos a bordo: un magnetómetro, un espectrómetro de ións e gases neutros, unha sonda Langmuir e detector de ondas, un espectrómetro ultravioleta, un analizador de electróns do vento solar, un analizador de ións do vento solar, un detector de partículas enerxéticas solares e un detector de ións termais e supratermais.

MAVEN foi lanzada o 18 de novembro de 2013 e chegou a Marte o 22 de setembro de 2014, acadando unha órbita científica cun período de 4,5 horas, unha inclinación de 75º e unha periapse de 150 km.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Atlas 5

Ligazóns externas Páxina oficial de MAVEN

Categoría:Satélites artificiais Categoría:Misións a Marte