José Luis Vilanova Pérez, nado en Lugo, é un ex piloto de rallys galego.

Competiu durante anos no Campionato de Galicia de Rally, logrando dúas vitorias, varios podios e o subcampionato de 1984. Disputou tamén probas do Campionato de España e da Copa de España entre outros. Competía principalmente cun Porsche 911 SC.

É tío dos irmáns Pedro e Marcos Burgo, dúas veces subcampións de España e tres veces campións de Galicia.

Traxectoria Comezou nos rallys a finais dos anos 70, logrando xa en 1979 un oitavo posto no Rally Rías Baixas, pilotando un Renault 5 Alpine, e un noveno posto no Rally de Ourense de 1980 co mesmo coche. A continuación competiu cun Fiat 124 Spider, co que quedou segundo no Rally dos Pazos de 1981.

Ese mesmo ano adquiriu un Porsche 911 SC, preparado en Francia polos irmáns Alméras. Con este vehículo logrou numerosos podios durante os seguintes anos, así como dúas vitorias absolutas. A primeira das súas vitorias foi no Rally das Pontes de 1982, onde aproveitou unha saída de pista de Luis Barrio para arrebatarlle a primeira posición e gañar a proba xunto ao seu copiloto Moreno. A segunda vitoria logrouna no Critérium Arrojo de 1984, con Eladio Anllo como copiloto, e despois dun novo duelo con Barrio. Ese ano quedou ademais segundo nos rally de Noia, Lacón e Coruña, chegando á última proba na segunda posición da xeral e con opcións de proclamarse campión. Con todo, o título foi finalmente para Carlos Piñeiro.

Notas

Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados no século XX Categoría:Nados en ano descoñecido