A caveolina 1 é unha proteína que nos humanos está codificada no xene CAV1 do cromosoma 7.
Función A proteína de armazón codificada neste xene é o principal compoñente das caveolas da membrana plasmática que se encontran na maioría dos tipos celulares. A proteína enlaza subunidades de integrinas á tirosina quinase FYN, un paso inicial no acoplamento de integrina á vía Ras-ERK e na promoción da progresión do ciclo celular. O xene é un supresor de tumores candidato e un regulador negativo da fervenza da Ras-p42/44 MAP quinase. Os xenes CAV1 e CAV2 están localizados un a carón do outro no cromosoma 7 e expresan proteínas colocalizadas que forman un complexo heterooligomérico estable. Utilizando codóns de iniciación alternativos no mesmo marco de lectura, as dúas isoformas que existen da caveolina 1 (alfa e beta) son codificadas por un só transcrito deste xene.
Interaccións
A caveolina 1 presenta interaccións coas proteínas G heterotriméricas, tirosina quinases Src (Src, Lyn) e H-Ras, o colesterol, o receptor de TGF 1, a óxido nítrico sintase endotelial (eNOS), o receptor de andróxenos, a proteína precursora amiloide, a proteína das unións comunicantes, alfa 1, a óxido nítrico sintase 2A, o receptor do factor de crecemento epidérmico, o receptor de endotelina de tipo B, a PDGFRB, a PDGFRA, a PTGS2, o TRAF2, o receptor de estróxenos alfa, a caveolina 2, a PLD2, a tirosina quinase de Bruton e a SCP2. Todas estas interaccións son por medio dun dominio de armazón de caveolina (CSD) que hai na molécula de caveolina 1. As moléculas que interaccionan coa caveolina 1 conteñen motivos de unión á caveolina (CBM).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Caveolina Cavina
Bibliografía
Categoría:Proteínas