miniatura| Planta e alzada dunha domus itálica idealizada A casa romana, domus en latín, era o habitáculo típico da antiga Roma, moi coñecida grazas á chamada Casa de Menandro (chamada así por un fresco do poeta Menandro atopado nas súas ruínas), que foi considerada o tipo de casa urbana común durante a República e o Imperio, a diferenza das villae ou vilas, casas situadas fóra das murallas da cidade (villa suburbana) ou no medio do campo, onde tiñan espazos anexos para labores agrícolas (villa rustica).

Con todo, o seu tamaño e luxos varían moito segundo as posibilidades de cada familia, como se pode ver en Pompeia, onde case todas as casas pertencen a esta tipoloxía, xa que era unha cidade residencial dos patricios, a xente poderosa de Roma. As clases pobres (os plebeos) vivían en edificios de apartamentos chamadas insulae.

Orixe O termo domus é moi antigo, de etimoloxía indoeuropea (*domh2s-), que designaba a casa en tanto que institución familiar e ten a súa orixe na raíz *demh2-, construírRIX, Helmut: Lexikon der indogermanischen Verben, s. u. 1 demh2, pp. 114-116.. A súa forma arcaica é coñecida polas urnas funerarias atopadas nas necrópoles do antigo Foro Romano, as cales tiñan forma dunha cabana redondeada cunha única habitación. Os vestixios atopados no Monte Palatino e datados no século VIII a. C. confirman esta inicial planta arquitectónica tan modesta.

A influencia etrusca de finais do período da monarquía romana ve nacer a domus cunha estrutura rectangular e con varias habitacións. Con todo a morada permanecía cun estilo rústico, como testemuña a designación da casa pola palabra hortus ("horta") utilizada na Lei das Doce Táboas,Grimal, Pierre (1999). La civilización romana. Barcelona: Paidós ibérrica. ISBN 84-493-0687-6 e que se traduce na relación aínda estreita entre a vivenda e o seu xardín pechado.

Estrutura da casa romana A domus consistía nun só piso ou dous como máximo. Tiña unha planta rectangular e estaba illada do exterior por paredes uniformes, con poucas fiestras. A luz entraba polo centro, polo atrio ou polo perístilo. A primitiva casa itálica dividíase nas seguintes partes:

A entrada principal consistía nun vestíbulo (vestibulum) en forma dun pequeno espazo protexido diante da porta (ostium ou foris), que daba a un corredor chamado fauces. O atrio (atrium) era a primeira habitación que se atopaba. Era o centro da casa primitiva e da vida familiar. Era un grande espazo cuberto por un tellado agás unha grande abertura (compluvium) no medio que daba luz e ventilación e deixaba caer a auga de choiva no impluvium, un estanque rectangular que a recollía e do que pasaba a unha cisterna subterránea. Un pequeno pozo ao lado permitía sacar auga dela. Orixinalmente era aí onde estaba o lar (focus), onde se cociñaba e comía, pero nas casas de Pompeia xa non é posíbel atopar o lar. En cambio, si que hai unha mesiña de mármore, unha capeliña dedicada aos Lares (o larario ou lararium) e a caixa forte. Dúas ás (alae) a ambos os dous lados do atrio ampliaban o seu espazo. O tablinum estaba situado detrás do atrio, separado por unha cortina ou reixa de madeira. Era o despacho do pater familias, onde recibía as visitas e gardaba o arquivo familiar. Os cubicula ou dormitorios estaban situados aos lados do atrio. As habitacións que flanqueaban a entrada podían estar abertas ao interior -como a habitación para o porteiro, os dormitorios ou comedores- ou dar ao exterior. Neste caso, o dono da casa alugábaos como tendas (tabernae). Moitas casas tiñan un xardín (hortus) ao longo da parede traseira. Ao fondo da edificación adoitaban atoparse as cortes cunha pía, onde se gardaban as carruaxes e as ánforas e unha habitación para o capataz dos escravos (o villicus) e as habitacións destes. Ao parecer, este tipo de vivendas eran empregadas por propietarios de certa importancia que residían na cidade e tiñan as terras a unha distancia curta. Cando os propietarios non tiñan escravos non existían as dependencias destinadas a estes.

Os romanos xeralmente mantiveron certas características da casa que permaneceron inalteradas. As proporcións poderían variar co tamaño e a forma da parcela a disposición do construtor, e o número de habitacións engadidas dependería das posibilidades ou gustos do propietario, pero o núcleo era sempre o mesmo.

Actualmente hai moita información sobre este tema. Vitruvio, un arquitecto e enxeñeiro da época de César e Augusto, deixou unha obra que presenta os detalles dos seus principios de construción. As obras de moitos autores romanos conteñen descricións xerais de partes de vivendas, ou polo menos indicios e alusións que son moi útiles. E, por último, descubríronse plantas de moitas casas en Roma e noutros lugares, e en Pompeia mesmo se atoparon as paredes en pé de moitas casas.

Evolución histórica da casa romana A primitiva casa romana remóntase á sinxela vida dos agricultores en épocas antigas, cando todos os membros da familia vivían xuntos nunha soa habitación. Nesta habitación (atrium) cociñábase a comida, poñíase a mesa, realizábanse todas as tarefas domésticas e ofrecíanse os sacrificios aos Lares. pola noite, deixábase un espazo para dispoñer as camas.

A casa primitiva non tiña cheminea, o fume saía por un burato feito no teito. Non había fiestras; toda a luz natural entraba polo burato do teito. Só había unha porta, a zona que estaba situada diante parecía estar reservada para o pai e a nai. Neste lugar estaba situada a lareira, onde a nai preparaba a comida e tiña preto os utensilios que usaba para fiar e coser. Aquí tamén estaba a arca ou o baúl onde o señor gardaba os obxectos de valor e onde colocaba a súa cama á hora de durmir. miniatura|Arca de ferro e bronce da domus dos Vetii, Pompeia.

A casa máis antiga era unha cabana redonda ou ovalada cun tellado apuntado, como se describe na tradicional cabana de Rómulo no Palatino. A forma circular conservouse na forma asignada ao templo de Vesta, cuxa adoración comezou no lar destas cabanas. As cabanas posteriores eran ovais. Máis tarde chegou a forma rectangular. A aparencia externa destas cabanas aseméllase ás urnas funerarias etruscas, descubertas en varios lugares de Italia. esquerda|miniatura|Urna funeraria con forma de cabana arcaica.

A planta era un simple rectángulo sen divisións. Pode considerarse desde o punto de vista histórico e arquitectónico o núcleo básico da casa romana. Tamén se conservou o nome propio (atrium), que antes se refería a toda a casa. Aparece nos nomes dalgúns edificios moi antigos de Roma usados con fins relixiosos, o Atrium Vestae, o Atrium Libertatis, etc. Non obstante, posteriormente o atrium (atrio) aplicouse a unha única habitación característica da casa.

Un trazo da casa posterior, tan frecuentemente atopado en conexión co atrium, fai doado considerar o tablinum, un amplo espazo fronte á porta de entrada, como unha adición posterior. Son aínda motivo de discusión a orixe do tablinum e os usos aos que se destinaba, tanto en épocas máis antigas como en posteriores. Nun principio se cadra só tiña un propósito temporal, ao estar construído con táboas (tabulae), e tiña unha porta cara ao exterior sen conexión ningunha co atrium. En calquera caso, non debeu pasar moito tempo ata que se furou a parede do medio. Unha vez se fixo isto e quedou demostrada a súa idoneidade, eliminouse a parede do medio. Varrón explicaba que o tablinum era unha especie de balcón ou soportal, empregado como comedor na época de calor.

Despois o atrium recibiu a luz dunha abertura central no tellado, o compluvium, este nome deriva do feito de que a choiva, o aire e a luz podían entrar nel. Xusto debaixo, escavouse no chan unha pía, o impluvium, que recollía a auga para uso doméstico. Cando se necesitou máis espazo e privacidade, a casa ampliouse con pequenas habitacións que se abrían fóra do atrium nos laterais. O atrium ao final xunto co tablinum tiña todo o ancho entre as paredes exteriores, e os espazos ou buratos adicionais, un a cada lado, chamábanse alae (ás). A aparencia desta casa vista dende a porta principal faría recordar a unha igrexa. O atrium correspondíase coa nave e as dúas alae cos transeptos, mentres que a bóveda do tablinum semellaría o presbiterio. Polo que se sabe, a luz chegaba ás cámaras exteriores só a través do atrium. Desta antiga casa atopamos conservado nas súas sucesoras todo o que hai diante da porta principal, o atrium coas súas alae e o tablinum, o impluvium e o compluvium.

Parece que os gregos inspiraron a idea que os romanos adoptaron despois: un patio detrás do tablinum, ao aire libre, rodeado de cuartos, para conter flores, árbores e arbustos. Este espazo aberto tiña columnas ao seu arredor e a miúdo unha fonte no centro. Este patio chamábase peristylum (perístilo). Segundo Vitruvio, debía ser un terzo máis ancho que longo, pero non se conservan restos con tales medidas. O acceso ao peristylum desde o atrium podía ser a través do tablinum, aínda que podía estar separado por unha porta de dúas follas e por un corredor estreito (andron) nos lados. Era empregado polo escravos ou persoas que non tivesen o privilexio de pasar polo tablinum.

Tanto o corredor como o tablinum podían estar pechados do lado do atrium por portas. A disposición das distintas habitacións arredor do persistylum parece ter variado segundo o construtor ou o propietario; non se pode ofrecer unha planificación concreta. Segundo as posibilidades do propietario, había dormitorios, comedores, bibliotecas, habitacións para pintar, cociña, pías, armarios, baños privados ou habitacións para escravos. Todas estas habitacións miraban ao peristylum e recibían del a luz e a ventilación, do mesmo xeito que o facían as estancias arredor do atrium. Máis tarde, engadiuse un xardín detrás do peristylum.

O seguinte cambio produciuse só nas casas de aldeas e vilas, porque estaba motivado polas condicións da vida urbana que non se producían no campo. Tanto na época antiga como na moderna, os negocios estendíanse desde o centro das cidades cara ás áreas residenciais, e a miúdo era interesante para o propietario dun habitáculo adaptalo ás novas condicións. Esta adaptación era sinxela no caso da casa romana, grazas á disposición das habitacións.

Xa se mencionou que todas as habitacións se abrían cara ao interior da casa, que se poñían poucas fiestras nas paredes exteriores e que só había unha porta na parte dianteira. Se a casa tiña a fachada cara a unha rúa comercial, está claro que o propietario podía construír habitacións diante do atrium con fins comerciais, sen que isto afectase á privacidade da súa casa nin lle reducise a luz.

Partes da casa miniatura|Partes dunha casa romana ideal. O vestibulum A casa da cidade construíase sobre a liña da rúa. Nas casas máis pobres a porta que se abría ao atrium estaba na parede dianteira e estaban separadas da rúa só polo ancho do limiar. Nas mellores casas, a separación entre o atrium e a rúa cunha liña de tendas daba a oportunidade de preparar unha entrada máis impoñente. Ás veces deixábase polo menos unha parte deste espazo como un patio aberto, con baldosas de gran calidade no chan desde a rúa ata a porta principal, adornado con plantas, flores ou estatuas e trofeos de guerra, se o propietario era máis rico. Esta área de acceso foi finalmente chamada vestibulum.

O punto importante a destacar é que non se corresponde en absoluto coa parte da casa hoxe chamada "vestíbulo". Os seus usos foron os seguintes:

Os clientes reuníanse quizais antes do amencer para ser recibidos no atrium e recibir a sportula do propietario. Dispoñíase a procesión nupcial. Formábase a escolta que acompañaba aos nenos ata o foro o día en que se convertían en adultos.

Mesmo nas casas máis humildes dábaselle o mesmo nome ao espazo entre a porta e a zona de paso dos peóns. miniatura|Exterior dunha domus, que representa a entrada con ostium. (Obra de Stepan Bakalovich, 1885)