A estela de Crecente é unha estela romana atopada na parroquia de San Pedro de Mera, no concello de Lugo. É moi notábel polo relevo da súa parte superior. Nel figuran catro persoas vestidas á maneira romana, esculpidas cunha técnica de resabios clásicos, relativamente infrecuente na escultura galaicorromana que se conserva. É unha estela funeraria, e na inscrición do piso intermedio, que fai referencia á tribo dos celtas supertamarcos.

Achado e conservación A estela de Crecente atopouse en 1996, cando se realizaban obras de canalización na parroquia. Por tanto, desde o punto de vista arqueolóxico, é unha obra descontextualizada.

Gárdase no Museo Provincial de Lugo. O seu estado de conservación é notablemente bo: pódese ler a inscrición con facilidade e apreciar as formas das figuras, se ben teñen o rostro lixeiramente danado.

Descrición esquerda|miniatura A estela de Crecente elaborouse en granito. Ten forma de prisma, de gran tamaño: 280 × 71 × 20 cm.

Como é habitual nas estelas, só se traballa a cara frontal. Esta cara frontal ten tres rexistros. O rexistro inferior desbastouse para facilitar que a estela se fincase no chan. O rexistro superior ten o remate redondeado. Acolle unha fornela cun relevo onde aparecen catro persoas vestidas con prendas romanas: túnicas de manga curta que se prenden do seu ombro dereito. Se admitimos que se trata dunha familia, o pai estaría de pé, xunto de dúas mulleres sentadas. Unha delas leva no colo un neno. As mulleres e o neno visten cadanseu colar. O neno, ademais, leva na man dereita un aro e na esquerda unha pelota.

No rexistro intermedio da cara frontal está a epígrafe, en que se fai referencia á defunta a quen se adica a peza: Apana, da cohorte dos célticos supertamarcos, filla de Ambolo. A peza está dedicada polo seu irmán, Apano. A onomástica revela que se trataba de persoas de orixe indíxena.

Desde o punto de vista artístico, as figuras están esculpidas en baixorrelevo dos ombros para abaixo. Porén as súas cabezas están moi resaltadas, de maneira que a do pai xa forma case unha escultura exenta. A factura da peza é de boa calidade en comparanza con outros exemplos de estelas atopadas na área da antiga Gallaecia. A forma dos rostros, o debuxo dos cabelos ou as pregaduras dos mantos responden a modelos clásicos. A estela carece tamén das decoracións astrais (trísceles, rosáceas, cruces...) que presentan habitualmente as estelas galaicorromanas, o que reforza o seu carácter clásico.

Cabería a hipótese de que a peza fose esculpida nun obradoiro de cantería lugués, ao longo do século I d.C. Con todo a falta de rexistro arqueolóxico fai que sexa moi difícil datar a peza. González García e Barja de Quiroga, por exemplo, prefiren situar a súa labra arredor do ano 100. En calquera caso, admitindo a hipótese de que se trata dun grupo familiar, sería o máis antigo retrato conservado dunha familia galaicorromana.

Como xa se indicou, as personaxes visten á romana. O pai está togado, o que podería indicar a súa condición de cidadán romano. Con todo, resulta moi improbábel que un galaico do seu tempo accedese á cidadanía romana. González García e Barja de Quiroga apuntan que se trata do desexo de emular as elites imperiais, imitando os seus modos de vestir e as imaxes funerarias.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Ficha da peza no Museo Provincial de Lugo, elaborada por Enrique Alcorta Irastorza.

Categoría:Arqueoloxía en Galicia Categoría:Gallaecia Categoría:Museo Provincial de Lugo Crecente