Elías Portela Fernández, nado en Cangas de Morrazo en 1981, é un poeta e tradutor en galego, castelán e islandés, lingua na que publica baixo o pseudónimo de Elías Knörr.
Traxectoria
Obra en galego Comezou na adolescencia dentro do grupo de poetas do IES María Soliño e recibiu un accésit de poesía no XXVII Certame Literario Minerva do C. M. Peleteiro (1999) polo poemario Maceira verde, laranxas azuis; maceira verde, laranxas azuis; maceira verde, laranxas azuis. Nos anos seguintes deixou a escritura e os recitais, ata que en 2008 publicou Imaxes na Pel na editorial Morgante. En 2010 saíu á luz o seu segundo libro en galego Cos Peitos Desenchufados en Edicións Barbantesa e recibiu o premio Xohán de Cangas á Creación Literaria 2010.
Obra en islandés A súa traxectoria en islandés comezou baixo o anonimato que creou co seu pseudónimo. Portela asina os seus poemas como "Elías Knörr", ocultando así a súa orixe estranxeira, mais creando tamén un heterónimo co que dialogará en Cos peitos desenchufados. A partir do 2008, algúns dos seus poemas comezaron a circular pola rede e a aparecer publicados na revista Stína Tímarit um bókmenntir og listir. Na primavera do 2010, a Poetry Society do Reino Unido escolleuno como un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa, e apareceu publicado na centésima edición da UK Poetry Review xunto con Sjón e Kári Tulinius. En outubro do 2010 publicou Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum aínda baixo pseudónimo na editorial Stella. Mais o 24 de novembro dese mesmo ano, a editorial fixo pública a súa identidade despois dunha excelente acollida da crítica. É colaborador asiduo da Cidade Literaria da UNESCO Bókmenntaborg e baixo a personalidade de Michaël Drake (1441) forma parte do bordel poético de Reykjavík Rauða Skáldahúsið.
Paralelamente á creación literaria, Portela traduciu varias obras da literatura islandesa actual: as novelas Skugga-baldur e O rapaz que nunca existiu de Sjón e Anxos do universo de Einar Már Gudmundsson, autores premiados co Premio Literario do Concilio Nórdico en 2005 e 1995 respectivamente, ademais das chamadas "sagas de Vinlandia": Saga dos groenlandeses e Saga de Erik o Roxo.
Obra noutras linguas Ten presentado poemas en inglés, castelán e italiano en diversos recitais e no XV Encuentro Internacional de Escritores de Monterrey, mais a súa obra nestas linguas é de momento inédita.
Outra parte da súa obra baséase nas posibilidades das palabras e na busca dunha inspiración completamente externa ó autor. Adaptou nos seus textos imaxes e conceptos poéticos doutros idiomas, entre eles a súa lingua artificial propia, Lwyma, creada por el e baseada no feroés, o idioma autóctono das Illas Feroe. Malia ser inventada, Portela traballa o lwyma e ten un poema escrito nesa lingua.
Obra Poesía Imaxes na pel, Morgante, 2008. Cos peitos desenchufados, Edicións Barbantesa, 2010. Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum, Stella, 2010 (versión galega: O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, Edicións Barbantesa, 2011). Deste volume publicouse unha escolma en edidicón bilingüe en español e islandés, titulada 'El jardín de atrás | Bakgarðurinn' . Bazar de traidores, PEN Clube de Galicia, 2015, e Edicións Barbantesa, 2016. Greitt í liljum (Pago en lirios, Partus, 2016), en islandés, cunha tiraxe de 200 exemplares numerados e bordados á man. Existe unha versión ao galego, O prezo do inverno, Tulipa Editora, 2020, onde recolle poemas provenientes de Greitt í liljum, agás o poema Tvö ljóð í nellikuleysi, extraído da antoloxía Ljóð í leiðinni: skáld um Reykjavík. Edición bilingüe, en islandés e galego, con autotradución de Elías Portela e revisión de Gonzalo Hermo. Aður en ég breytist (Antes de cambiar, Mál og menning, 2023), en islandés.
Traducións Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson, Rinoceronte, 2006. Skugga-baldur. Unha lenda islandesa, de Sjón, Rinoceronte, 2009. Saga dos groenlandeses. Saga de Erik o Roxo (anónimo), Rinoceronte, 2010. La mujer es una isla, de Auor Ava Ólafsdóttir, Alfaguara, 2012 Meu amor, eu morro, de Kristín Ómarsdóttir, Rinoceronte, 2015. O rapaz que nunca existiu, de Sjón, Rinoceronte, 2017. Magma, de Þóra Hjörleifsdóttir, Rinoceronte, 2023.
Obras colectivas Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión, 2013, Bubela. Ljóð í leiðinni: skáld um Reykjavík (Poemas ao longo do camiño: Poetas sobre Reykjavik), Meðgönguljóða, 2013, en islandés. 150 Cantares para Rosalía de Castro, 2015, libro electrónico.
Premios Segundo premio no XII Premio de poesía Díaz Jácome no 2011. Premio de poesía Afundación no 2014, por Bazar de traidores.
Notas
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Poetas en lingua galega Categoría:Escritores en lingua islandesa Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1981 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes