Zoran Milanović, nado o o 30 de outubro de 1966, é un político croata, quinto e actual presidente de Croacia desde 2020.
Anteriormente exerceu como primeiro ministro de Croacia entre 2011 e 2016. Tamén foi presidente do Partido Sociademócrata (SDP), o maior partido de centro-esquerda de Croacia, de 2007 a 2016. Consecuentemente, exerceu como líder informal da oposición en dúas ocasións, de 2007 a 2011, e de novo de xaneiro a novembro de 2016, cando Davor Bernardić o sucedeu como presidente do partido. O 5 de xaneiro de 2020, foi elixido para o cargo de presidente de Croacia ao derrotar á anterior presidenta, a conservadora Kolinda Grabar-Kitarović.
Despois de graduarse en Dereito pola Universidade de Zagreb, Milanović comezou a traballar no Ministerio de Asuntos Exteriores de Croacia. Foi asesor da misión croata na Unión Europea e na OTAN en Bruxelas entre 1996 e 1999. Durante o mesmo ano uniuse ao Partido Socialdemócrata. En 1998 completou un mestrado en Dereito da Unión Europea na Vrije Universiteit Brussel e foi asistente do ministro de Asuntos Exteriores de Croacia para asuntos políticos multilaterais en 2003.
En xuño de 2007 foi elixido presidente do SDP, tras a morte do líder do partido, o ex-primeiro ministro croata Ivica Račan. Baixo a dirección de Milanović, o partido terminou no segundo lugar nas eleccións parlamentarias de 2007 e non foi capaz de formar unha maioría gobernante. A pesar do resultado das eleccións, foi reelixido líder do partido en 2008. En 2011, Milanović iniciou a formación da Coalición Popular, unindo catro partidos políticos de centro e centro-esquerda. A coalición obtivo a maioría absoluta nas eleccións parlamentarias de 2011, sendo o propio SDP o maior partido do parlamento. Milanović converteuse así en primeiro ministro o 23 de decembro de 2011, despois de que o Parlamento de Croacia aprobase o seu goberno.
O inicio do seu mandato estivo marcado polos esforzos para finalizar o proceso de ratificación da entrada de Croacia na Unión Europea e pola celebración dun referendo de adhesión. O seu goberno introduciu cambios no código tributario, aprobou unha lei de fiscalización e iniciou varios grandes proxectos de infraestruturas. Tras o aumento do valor do franco suízo, o goberno anunciou que todos os préstamos en francos suízos serían convertidos a euros. Milanović apoiou a expansión dos dereitos das parellas do mesmo sexo e introduciu unha lei para a unión destas.
Tras as eleccións parlamentarias de 2015 e dous meses e medio de negociacións para formar goberno, finalmente foi sucedido como primeiro ministro polo tecnócrata Tihomir Orešković en xaneiro de 2016. Despois de que o goberno de Orešković caese, Milanović liderou a Coalición Popular, formada por catro partidos, nas eleccións parlamentarias celebradas en setembro de 2016. A coalición sufriu unha derrota sorpresa fronte ao HDZ de centro-dereita e Milanović anunciou a súa retirada da política. A continuación traballou como asesor do primeiro ministro albanés, Edi Rama.
O 17 de xuño de 2019, Milanović anunciou que se presentaría a cargo de presidente de Croacia nas eleccións de decembro como candidato do Partido Socialdemócrata, sendo nomeado por dito partido o 6 de xullo. Na primeira rolda das eleccións, o 22 de decembro de 2019, obtivo o maior número de votos (29,55%), por diante da presidenta naquel momento, Kolinda Grabar-Kitarović (26,65%), e na segunda, o 5 de xaneiro de 2020, conseguiu o 52,66% dos votos, sendo declarado dese xeito como o quinto presidente de Croacia.
Traxectoria Seu pai, Stipe Milanović (1938-2019), era economista, e súa nai, Đurđica "Gina" (nada Matasić) Milanović, era profesora de inglés e alemán. Segundo el mesmo, as súas raíces familiares atópanse en Livno, Bosnia e Hercegovina.
A súa familia paterna provén dos arredores de Sinj. O seu avó paterno e un tío avó paterno, Ante e Ivan Milanović, respectivamente, de Glavice, supostamente uníronse aos partisanos iugoslavos en 1942, participando máis tarde na liberación de Trieste, mentres que o seu avó materno, Stjepan Matasić, dunha familia acomodada, era, segundo afirmou Milanović en 2016, un ustacha.
O pai de Zoran era membro da Liga dos Comunistas de Iugoslavia. Milanović foi bautizado en segredo pola súa avoa materna, Marija Matasić, na igrexa dos Santos Pedro e Pablo e recibiu como nome de bautismo "Marijan". Foi criado no barrio de Knežija e despois de 1970 en Trnje, un barrio comunista. Tivo un irmán, Krešimir, que faleceu en 2019. Asistiu ao Centro de Xestión e Xudicatura desde 1981.
En 1985 ingresou na Universidade de Zagreb para estudar Dereito, despois realizou o seu servizo militar e volveu estudar en 1986. Ademais de croata, fala inglés, francés e ruso. Despois da universidade, traballou no Tribunal Comercial de Zagreb e en 1993 no Ministerio de Asuntos Exteriores, cuxo ministro era o seu futuro rival político Ivo Sanader. Un ano despois uniuse a unha misión de mantemento da paz da OSCE na rexión de Nagorno-Karabakh, disputada entre Armenia e Azerbaidján.
En 1994 casou con Sanja Musić, con quen ten dous fillos: Ante Jakov e Marko. Dous anos despois, converteuse en asesor da misión croata na Unión Europea e na OTAN en Bruxelas e dous anos despois completou un mestrado en Dereito da UE nunha universidade de Bruxelas.
Presidente do partido En 1999 incorporouse ao Partido Socialdemócrata (SDP). Despois da vitoria do SDP nas eleccións de 2000, traballou como enlace coa OTAN e tres anos despois converteuse en axudante do ministro de Asuntos Exteriores, Tonino Picula. Deixou o seu posto despois das eleccións de 2003, cando a conservadora Unión Democrática Croata chegou ao poder.
Como membro do SDP, en 2004 renunciou á súa posición como axudante do ministro de Asuntos Exteriores e converteuse en membro do recentemente fundado Comité Executivo do SDP, así como no secretario internacional encargado de contactos con outros partidos políticos. Dous anos despois, converteuse brevemente no voceiro do partido, substituíndo á ausente Gordana Grbić. A principios de setembro do 2006 converteuse en coordinador do SDP para a 4ª circunscrición nas eleccións de 2007.
O 2 de xuño celebrouse en Zagreb unha convención extraordinaria do Partido, debido á dimisión do 11 de abril do primeiro presidente do Partido e antigo primeiro ministro de Croacia , Ivica Račan. Milanović entrou na disputa polo posto, a pesar de ser considerado un "foráneo", debido ao seu curto período de tempo no partido, contra Željka Antunović (presidente do partido en funcións desde a renuncia de Račan), Milan Bandić e Tonino Picula. O 29 de setembro de 2007, durante a campaña para a presidencia do partido, prometeu publicamente que se o partido non sacaba máis escanos que o HDZ nas pŕoximas eleccións, dimitiría e nunca máis volvería buscar a presidencia do partido.
Na primeira volta, foi o máis votado con 592 votos, moi por diante do seu rival máis próximo, Željka Antunović. Na segunda rolda, enfrontouse a Antunović e gañou de novo cunha gran marxe, converténdose así no presidente do partido.
Eleccións ao Parlamento de 2007 As eleccións parlamentarias de 2007 resultaron ser as eleccións cun resultado máis axustado desde a independencia, xa que o SDP obtivo 56 escanos, 10 menos que os 66 do HDZ. 5 dos escanos que gañou o HDZ foron do undécimo distrito reservado para os cidadáns residentes no estranxeiro, que era un dos principais. temas de campaña do SDP, que buscaba diminuír a importancia electoral dos chamados electores da diáspora. O resultado final deixou aos dous bandos en posición de formar goberno, sempre que reunisen 77 dos 153 representantes, pero foi Sanader quen logrou formar unha maioría para gobernar.
Despois de perder as eleccións xerais, Milanović non dimitiu como presidente do partido, a pesar de prometer antes das eleccións que o faría se o partido perdía. Nas eleccións de 2007, a pesar de non ser o partido máis votado, o SDP xurdiu co maior grupo parlamentario da súa historia e obtivo o seu mellor resultado. Milanović anunciou que se presentaría para un mandato completo como presidente do partido. Nas eleccións internas de 2008 enfrontouse a Davorko Vidović e Dragan Kovačević, e resultou gañador con case o 80 por cento do voto delegado.
Primeiro mandato como líder da oposición (2007-2011) dereita|miniatura| Logo do manifesto da coalición Kukuriku para as eleccións de 2011 Con 56 escanos o SDP saíu das eleccións de 2007 como o segundo maior partido no Parlamento e o maior partido que non formaba parte da maioría gobernante. Isto converteu a Milanović no líder oficial da oposición. Foi moi crítico coa administración de Sanader, especialmente no que respecta á economía e na loita contra a corrupción.
En setembro de 2008, Milanović realizou unha visita moi publicitada a Bleiburg para conmemorar as repatriacións. Isto converteuno no segundo líder do Partido Socialdemócrata de Croacia en visitar o sitio, despois de Ivica Račan.
As eleccións municipais de 2009 celebráronse o 17 e o 31 de maio, resultando nun aumento considerable do Partido Socialdemócrata en determinadas cidades e circunscricións que se inclinaban tradicionalmente cara ao HDZ, como Dubrovnik, Šibenik, Trogir e Vukovar, ademais de conservar os feudos tradicionais do SDP, como Zagreb ou Rijeka. esquerda|miniatura| Milanović con Ivan Jakovčić, Radimir Čačić e Silvano Hrelja anunciaron a formación da coalición Kukuriku o 15 de xullo de 2011. O 1 de xullo de 2009, Ivo Sanader anunciou que renunciaría ao cargo de primeiro ministro e propuxo á ministra Jadranka Kosor como nova primeira ministra. O parlamento aprobouna a ela e ao novo goberno, o que converteu a Kosor na primeira muller que foi nomeada primeira ministra. Desde finais de 2008, o SDP lideraba as enquisas, cunha marxe estreita. Tras a repentina dimisión de Sanader o HDZ caeu nas enquisas ao seu nivel máis baixo desde 1999, cando os escándalos de corrupción axitaron o partido. Milanović insistiu en que a dimisión do primeiro ministro facía necesario un adianto das eleccións xerais. A maioría gobernante negouse a disolver o Parlamento e insistiu en que o gabinete de Kosor completaría o seu mandato.
En 2008, a adhesión do país á Unión Europea foi bloqueada por Eslovenia, coa que Croacia tiña unha disputa fronteiriza. Sanader e o seu homólogo esloveno Borut Pahor non foron capaces de resolver as súas diferenzas nos meses seguintes, o que supuxo que a adhesión de Croacia á Unión Europea quedase en punto morto. Houbo moitas especulacións, xa que Sanader non deu unha razón para a súa marcha, de se o bloqueo esloveno foi o causante da súa dimisión. Nos meses seguintes Kosor e Pahor reuníronse varias veces, tentando resolver a disputa fronteiriza. As negociacións deron como resultado un acordo que levou a continuar as negociacións para a adhesión croata á Unión Europea. A solución foi un Acordo de Arbitraxe que foi asinado en Estocolmo o 4 de novembro de 2009 polos primeiros ministros dos dous países e o primeiro ministro sueco Fredrik Reinfeldt. O acordo requiría unha maioría de dous terzos no Parlamento para que se aprobase. Milanović e a maioría dos parlamentarios do SDP votaron a favor do acordo. Con todo, criticou ao Goberno e especialmente aos dirixentes Sanader e Kosor, por perder un tempo precioso, xa que o arranxo con Eslovenia podería facerse un ano antes e Croacia non tería agardado tanto tempo para continuar co proceso de adhesión.