Garcia de Resende, nado en Évora en 1470 e finado na mesma cidade o 3 de febreiro de 1536, foi un poeta, cronista, músico, pintor e arquitecto portugués.

Traxectoria

Fillo de Francisco de Resende, fidalgo da corte de Afonso V de Portugal, "criado" do bispo da diocese de Évora Garcia de Meneses, a quen Xoán II de Portugal doou o 28 de xuño de 1484 unha Herdade no termo de Évora, e da súa muller Beatriz Boto, que viviu en dita vila.

En 1490 era mozo da cámara de Xoán II (1481-1495), e o ano seguinte o seu moço de escrevaninha ou secretario particular, cargo que exercía aínda en Alvor, onde o soberano veu a falecer. Cóubolle ser designado secretario-tesoureiro da fastosa embaixada liderada por Tristão da Cunha, enviada por Manuel I (1495-1521) ao papa León X. Os últimos anos de vida pasounos en Évora, onde era propietario.

Como moitos homes do Renacemento, Garcia de Resende tiña moitas facetas: trobaba, tanxía, deseñaba e pénsase que era entendido en arquitectura militar.

Algúns historiadores considérano o iniciador do ciclo dos Castros, pois as súas trobas referentes á morte de Inés de Castro son o máis antigo documento poético coñecido versando sobre o asunto. Escribiu a Miscelânea en redondillas, curiosa anotación de personaxes e de acontecementos, nacionais e europeos. Nesa obra atribúe en versos a Gil Vicente a innovación da comedia de costumes en Portugal, cando o teatro da época se limitaba a ser un mixto de teatro litúrxco e teatro pastoril, conforme afirma Clovis Monteiro que transcribiu o seguinte fragmento da citada obra e no cal é tamén citado Juan del Encina:

"E vimos singularmente Fazer representações D'estilo mui eloquente, De mui novas invenções, E feitas por Gil Vicente, Ele foi o que inventou Isto cá, e o usou Com mais graça e mais doutrina, Posto que Joam del Enzina O pastoril começou."

Mais o que tornou Resende coñecido foi o Cancioneiro Geral, publicado en 1516, que reuniu as composicións poéticas producidas nas cortes de D. Afonso V (1438-81), D. João II e D. Manuel I, téndolle redactado un prólogo dedicado ao príncipe D. João e composto as corenta e oito trobas con que encerra a obra.

Foi sepultado en campa armoriada con brasón e timbre dos de Resende, en Capela que instituíu en 1520 na cerca do Convento do Espinheiro, en Évora.

En 1933 o Concello de Lisboa homenaxeou o escritor dando o seu nome a unha rúa na Calzada de Carriche.

Obras

Cancioneiro Geral: cum preuilegio/ foy ordenado e eme[n]dado por Garcia de Resende fidalguo da casa de Rey nosso señor e escriuam da fazenda do principe, Lisboa, Hernãn de Cãmpos, 1516 Breue memorial dos pecados & cousas que pertenc[em] ha cõnfissa[m]/ hordenado por Garcia de Resende fidalguo da casa del Rei nosso señor, Lisboa, Germão Gaillarde, 1521; O sermão dos três reis magos (1536) Vida e Feitos del-rei D. João II (1545) Chronica de El Rei D. João II, Lisboa, Luís Rodrigues, 1545. Miscelânea e variedade de histórias (1554)

Notas

Véxase tamén Bibliografía Abranches de Soveral, Manuel; Lamas de Mendonça, Manuel (2008): Ensaio sobre a orixe dos Resende / Sodré, separata da revista Armas e Trofeos, IX serie, xaneiro / decembro de 2008. Saraiva, Antonio José; Lopes, Óscar (1978): História da literatura portuguesa. Oporto.

Ligazóns externas

Crónica dos valerosos e insignes feitos de El-Rei Don Joam II..., de 1752, na Biblioteca Nacional de Portugal Cancioneiro Xeral, de Garcia de Resende

Categoría:Historiadores de Portugal Categoría:Arquitectos de Portugal Categoría:Músicos de Portugal Categoría:Poetas de Portugal Categoría:Nados en Évora Categoría:Finados en 1536 Categoría:Nados en 1470