José Ramón Rioboo Castro, nado en Culleredo en 1972, é un comunicador, empresario e político galego do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE que exerce como alcalde do municipio de Culleredo desde o 7 de novembro de 2017.

Traxectoria Aos 19 anos, a principios da década de 1990, cando cursaba estudos de maxisterio, Rioboo decidiu alternalos con colaboracións en Radio Culleredo. En 1994 foi nomeado director de Radio Culleredo, converténdose así no director máis novo das emisoras de radio de España. Baixo a súa dirección, a emisora alcanzou as maiores cotas de audiencia e programación. Neste intervalo foi colaborador de Radio Galega durante catro anos e do xornal El Ideal Gallego. En 2005 dimitiu da dirección de Radio Culleredo e do seu posto como traballador do Concello de Culleredo para facerse cargo da empresa de comunicación que fundara en 1998 e que xa editaba o xornal El Entorno Metropolitano.

Vinculado ó ideario de centro esquerda, estivo sempre moi preto de Sacristán, o seu referente político máis próximo estando afiliado ó PSOE desde 1991 até o 2005 cando por discrepancias internas decide fundar a Agrupación Progresista de Culleredo coa que concorrerá ós comicios locais de 2007 e 2011.

Agrupación Progresista de Culleredo En xaneiro de 2006, a Agrupación Progresista de Culleredo presentouse de maneira oficial ante os medios, e mostrou a súa intención de converter ao seu candidato, José Ramón Rioboo, no novo alcalde do municipio. Rioboo abandonou a dirección de El Entorno Metropolitano en xuño dese mesmo ano, un dos xornais gratuítos de maior difusión de Galicia, para encabezar o citado partido político. Con este partido concorreu ás eleccións municipais de 2007 e 2011 conseguindo 4 e 5 concelleiros e situándose como a segunda forza política tralo PSOE con 8 edís. En 2013 reintégranse novamente no Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE.

O 9 de novembro de 2017 Rioboo foi nomeado alcalde de Culleredo, sucedendo así a Julio Sacristán, que un mes antes anunciaba o seu abandono da política despois de 34 anos en activo. Rioboo foi o elixido a petición do alcalde saínte, e despois de ser referendado por unanimidade no seo do grupo municipal socialista. Os eixos do seu programa pasan polo desenvolvemento sustentable de Culleredo co obxectivo de converterse no principal municipio da área metropolitana da Coruña.

En xuño de 2018, en plena crise migratoria en Europa, Rioboo ofreceu ó Goberno de España a súa "dispoñibilidade total" a acoller inmigrantes do buque MV Aquarius no marco do seu plan municipal de emerxencia social.

Notas

Categoría:Alcaldes de Culleredo Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados provinciais da Coruña Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Nados en Culleredo Categoría:Nados en 1972