Uche Henry Agbo, nado en Kano o 4 de decembro de 1995, é un futbolista nixeriano. Xoga de centrocampista defensivo e o seu equipo actual é o FC Aktobe da Primeira División de Kazakhstán.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Bai Boys da súa localidade natal ata que en 2010 trasladouse a Jalingo, a capital do estado de Taraba, para ingresar no Taraba FC.

Posteriormente pasou polo JUTH, do estado de Plateau, e polo Enyimba da cidade de Aba, antes de dar o salto ao fútbol europeo en 2013, fichando polo Udinese despois de realizar con éxito unha proba co club italiano.

En marzo do ano seguinte foi cedido ao Granada, cuxo propietario era o mesmo que o do Udinese, Giampaolo Pozzo. Alí comezou no equipo xuvenil e disputou catro partidos co filial, o Recreativo Granada, na Segunda División B, marcando un gol contra o Lucena. Na tempada 2014/15 xogou 29 partidos co Recreativo e debutou na Primeira División da man do adestrador Abel Resino, que lle deu uns minutos cara ao final do partido contra o Levante no Estadi Ciutat de València. Na tempada 2015/16 continuou no filial pero comezou a ser convocado de xeito máis habitual co primeiro equipo, co que disputou 10 encontros, 6 deles xa como titular.

No 2016 foi traspasado ao Watford inglés, propiedade de Gino Pozzo, fillo de Giampaolo. Volveu ser cedido ao Granada, onde xa tivo ficha do primeiro equipo, converténdose nun habitual das aliñacións dos diferentes adestradores que tivo nesa campaña, na que o equipo acabou descendendo á Segunda División.

A continuación foi traspasado ao Standard de Liège da Primeira División de Bélxica, onde xogou unha campaña e media, debutando tanto na Liga de Campións como na Europa League.

En xaneiro de 2019 saíu cedido ao Rayo Vallecano de Míchel. Na 2019/20 foi cedido media tempada ao Sporting de Braga e a outra media ao Deportivo da Coruña, na Segunda División, con opción a ampliar a súa fichaxe unha tempada máis.

O seu debut co equipo galego produciuse na xornada 25, nun partido contra o Albacete no Carlos Belmonte. Disputou nove encontros, nunha tempada na que o equipo acabou descendendo a Segunda División B por segunda vez na súa historia. En setembro de 2020 asinou co Deportivo un contrato por catro tempadas. Na súa única tempada completa co club coruñés, xogou 19 partidos, 12 deles como titular. No verán de 2021 o Deportivo incluíno nun ERE xunto a Celso Borges e outros traballadores do club, polo que o seu contrato foi rescindido.

En setembro foi anunciado como novo xogador do Slovan Bratislava de Eslovaquia. Co conxunto da capital do país conquistou tres ligas consecutivas nas súas tres tempadas no club.

En 2024 asinou como novo xogador do FC Aktobe da Primeira División de Kazakhstán.

Selección nacional Despois de ser internacional coas categorías inferiores, foi convocado coa selección nixeriana absoluta en outubro de 2016 para substituír o lesionado Leon Balogun contra Zambia, aínda que non chegou a xogar o encontro. O seu debut produciuse finalmente en xuño de 2017, nun partido amigable contra Togo.

Palmarés Slovan Bratislava Primeira División de Eslovaquia (3): 2021/22, 2022/23, 2023/24.

Notas

Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Kano Categoría:Futbolistas de Nixeria Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Udinese Calcio Categoría:Xogadores do Granada CF B Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Watford FC Categoría:Xogadores do Standard de Liège Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do SC Braga Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do ŠK Slovan Bratislava Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Nixeria