Luis Alberto Lacalle Pou, nado en Montevideo o 11 de agosto de 1973, é un avogado e político uruguaio. O seu pai, Luis Alberto Lacalle, foi presidente do seu país entre 1990 e 1995. Lacalle Pou foi elixido para ocupar a Presidencia no período 2020-2025.Luis Alberto Lacalle Pou - CIDOB
Vida e traxectoria política
Orixe e infancia Naceu en 1973 en Montevideo no seo dunha familia de longa tradición política "branca", é dicir, vencellada ao Partido Nacional. O seu bisavó era Luis Alberto de Herrera, un dos líderes de maior influencia dese partido, fundador da tendencia herrerrista; e o seu pai, herdeiro político do herrerismo, Luis Alberto Lacalle Herrera, foi presidente da República Oriental do Uruguai entre 1990 e 1995. Doutra banda, a súa nai, Julia Pou, tamén desenvolveu unha importante acción social e política durante década de 1990.
Educado no British Schools, un colexio de grande presitixio de Montevideo, estudou Dereito na Universidade Católica do Uruguai, unha institución académica rexida polos xesuítas. A súa mocidade coincidiu coa presidencia do seu pai e Lacalle Pou gañou sona de "rebelde" entre a prensa. Posteriormente, en 2013, recoñeceu nunha entrevista que, entre os 17 e os 23 anos consumiu cocaína e marihuana.
Actividade política Comezou a súa andaina política dentro do Partido Nacional e do sector liderado pola súa nai, sendo escollido deputado en 1999 polo departamento de Canelones, sendo reelixido en 2004 e 2009. No Uruguai, os partidos deben celebrar eleccións primarias para determinar os equilibros de poder interno e as candidaturas que logo presentarán os cargos de responsabilidade, e Lacalle Pou comezou a articular a súa corrente, ou lema, a partir de 2009. Gañou visibilidade pública en 2011 cando foi Presidente da Cámara de Deputados do Uruguai, en 2013 anunciou que se presentaría para ser candidato do Partido Nacional á Presidencia da República nas eleccións de 2015. Nestas Lacalle Pou venceu o seu compañeiro Jorge Larrañaga, experimentado político que incorporaría como candidato a vicepresidente da súa lista.
Naqueles intres, a nivel político, Uruguai, reducira as desigualdades sociais e as consecuencias da crise económica de principios do século XXI, ademais, destacárase na rexión pola súa lexislación progresista: aprobara neses anos a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a despenalización aborto nas doce primeiras semanas de xestación e a regulación do consumo de marihuana. Lacalle Pou cuestionou nas súas declaracións algunhas desas políticas: opúxose o aborto e, como deputado, votou contra o matrimonio homosexual, aínda que posteriormente reconsiderou a súa oposición. Polémicas foron as súas declaracións sobre os desaparecidos na ditadura cívico-militar uruguaia (1973-1985), pois afirmou nunha rolda de prensa que se del dependese suspendería as escavacións para atopar os seus restos. Aínda que días despois matizou as súas palabras, máis tarde recoñecería esa declaración como o seu "erro máis grande".
Nas eleccións presidenciais de 2014 enfrontouse a Tabaré Vázquez, candidato da Fronte Ampla e xa presidente entre 2005 e 2010. A campaña de Lacalle Pou centrouse na idea dun relevo xeracional á fronte do goberno dada a veteranía de Vázquez e do presidente saínte, José Mujica. En primeira volta ningún dos candidatos conseguiu sumar máis do 50%, sendo necesaria unha segunda volta entre Tabaré Vázquez (47,8%) e Lacalle (30,88%). O 23 de novembro de 2014, Tabaré Vázquez gañou a segunda volta con 1 226 105 votos fronte os 939 074 de Lacalle, que malia a derrota foi elixido senador, cargo que exerceu entre 2015 e 2019.
Logrou volver ser elixido candidato do Partido Nacional á Presidencia da República para os comicios de 2019, concurrindo canda Beatriz Argimón Cedeira como vicepresidenta. Na campaña electoral fixo unha dura crítica á xestión da Fronte Ampla logo de tres administracións desta formación política: centrándose na proposta do control do gasto público, defendía cambios na política de seguridade pública e instaba a reformar o financiamento da seguridade social, tamén asegurou non modificar as políticas en materia de dereitos que se avanzara nos anos previos. O candidato da esquerda, Daniel Martínez, consegiu en primeira volta o 39% dos votos, por diante do 28,6% de Lacalle; mais por primeira vez dende 2005, a Fronte Ampla perdía a maioría no parlamento uruguaio. Este panorama, facilitou un acordo dos partidos da oposición para apoiar a candidatura da Lacalle Pou na segunda volta, desta forma naceu a chamada Coalición Multicolor, que incluía ao tradicional Partido Colorado, ao novo Cabildo Aberto e aos máis pequenos Partido Independente e Partido da Xente, ademais do Partido Nacional. Finalmente o 24 de novembro de 2019, Luis Lacalle Pou impúxose a Daniel Martínez na segunda volta das eleccións por un resultado moi estreito: 1 189 313 votos fronte 1 152 271 do fronteamplista.
Presidencia O 1 de marzo de 2020 Luis Lacalle Pou xurou o seu cargo como Presidente da República ante a Asemblea Xeral e mandatarios estranxeiros como o chileno Sebastián Piñera, Filipe VI de España ou o brasileiro Jair Bolsonaro. No nomeamento dos ministros do seu goberno destaca a importantes figuras do Partido Nacional como Jorge Larrañaga (Interior) pero tamén a importantes persoeiros das outras formacións da Coalición Multicolor.
A súa acción executiva viuse moi pronto marcada polo impacto da pandemia da COVID-19. Só uns días despois da súa asunción tivo que declarar no Uruguai a "emerxencia sanitaria". Luis Lacalle optou por non facer confinamentos xerais senón en insistir da responsabilidade individual. O serodio impacto das ondas do coronavirus no país esperartaron o interese internacional durante o 2020, ata o punto de ser considerado un modelo. Con todo, a medida que avanzou o ano 2021, a situación mudou cun incremento notable de casos e falecidos. Entón incrementáronse as críticas e as peticións para que o goberno aplicase medidas máis restritivas coa finalidade de frear a doenza, algo que Luis Lacalle non fixo.
O seu goberno propuxo e logrou a aprobación parlamentaria da Lei de Urxente Consideración. Esta lei abrangue multitude de eidos e resume as liñas mestras da súa proposta política para o mandato. Así, a Lei de Urxente Consideración lexisla sobre seguridade, a creación dun ministerio de medio ambiente, as penas criminais a menores de idade, a gobernación do ensino público, a reforma do sistema de pensións e asuntos laborais, sendo polémico un novo regulamento do dereito de folga que limita a actuación dos piquetes. A principal forza política opositora, a Fronte Ampla, e a central sindical PIT-CNT amosaron a súa oposición e comezaron unha campaña para recoller as firmas necesarias para someter 135 artigos da Lei de Urxente Consideración a un plebiscito, albo que conseguiron en xullo de 2021.
En setembro de 2021 anunciou que a República Popular da China amosara o seu interese por negociar un tratado de libre comercio con Uruguai. O acordo, de lograrse, tería un forte impacto na economía oriental, especialmente no estímulo do sector agropecuario, pero a nova foi recibida con cautela polos socios do Mercosur pois non está claro o xeito de encaixar o tratado coas normas do bloque comercial. En xullo de 2022, impulsáronse as conversas coa China fixando prazos para as negociacións, algo que elevou a tensión cos socios do Mercosur. Así, Lacalle Pou negouse a a asinar a declaración conxunta dos xefes do Estado do Mercosur logo do cumio dos días 20 e 21 de xullo de 2022 por non recoller referencias á "flexibilidade" do pacto comercial.
Baixo o seu goberno, o 27 de outubro de 2021, procedeuse á intervención da mutualista Casa de Galicia, fundada en 1917 pola colectividade galega, por mor da súa situación financeira. Segundo afirmou Lacalle Pou, o obxectivo do goberno é garantir a viabilidade da institución e da súa prestación asistencial. Esta operación contou co aval do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Vida persoal Casou no ano 2000 con Lorena Ponce de León, paisaxista, da que se separou en 2022. A parella tivo dous fillos e unha filla. Dende que Luis Lacalle asumiu a presidencia, a familia vive na Residencia de Suárez, a vivenda a disposición do xefe do Estado, sendo o primeiro presidente en facelo en 15 anos. Luis Lacalle Pou recoñeceu o seu gusto polo mar e practica surf, é seareiro do equipo de fútbol montevideano Club Atlético Boston River
Notas
Véxase tamén
Outros artigos:
Presidente do Uruguai
Ligazóns externas Sitio web Páxina da Presidencia da República Oriental do Uruguai
Categoría:Nados en 1973 Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Avogados do Uruguai Categoría:Políticos do Uruguai