Beneath the Eyrie é o sétimo álbum de estudo da banda de rock alternativo Pixies, publicado o 13 de setembro de 2019 a través do selo Infectious Music. Producido por Tom Dalgety e precedido polos sinxelos "On Graveyard Hill" e "Catfish Kate", o disco foi gravado nos Dreamland Recording Studios, unha igrexa reconvertida no estado de Nova York. A banda viuse influenciada polo ambiente gótico durante o proceso de escritura e gravación, dicindo o guitarrista e vocalista Black Francis: "Quería mesturarme co mundo espiritual, coa vida e a morte e coa paisaxe mística e máis surrealista".
Gravación e lanzamento O álbum foi producido por Tom Dalgety, que anteriormente traballara coa banda no seu traballo de 2016 Head Carrier. O seu lanzamento foi precedido polo sinxelo principal "On Graveyard Hill" o 3 de xuño de 2019, seguido do segundo sinxelo "Catfish Kate" o 6 de agosto.
O título do álbum (que se podería traducir como "debaixo do niño") inspirouse nun niño de aguia descuberto na parte traseira da igrexa convertida na que a banda estaba gravando: "Había unha antiga vía do tren da década de 1800 cuberta de maleza. Cando camiñas ata a vía do tren podes albiscar un niño de aguia xigante, un niño de aguia calva. É enorme, todo un espectáculo".
A portada do álbum foi deseñada por Vaughan Oliver, quen deseñara todas as portadas dos álbums de Pixies dende Come On Pilgrim en 1987. Beneath the Eyrie foi a última colaboración de Oliver coa banda antes da súa morte en decembro de 2019.
Promoción Antes do álbum, a serie de 12 episodios It's a Pixies Podcast (titulada orixinalmente Past Is Prologue), presentada por Tony Fletcher, comezou a publicarse o 27 de xuño, detallando a gravación de cada canción. O episodio final foi lanzado o 12 de setembro.
O día 5 de setembro a banda interpretou o tema "Catfish Kate" no programa The Late Show with Stephen Colbert.
A banda planeou unha xira mundial de promoción con concertos en Europa, América do Norte e Australasia durante o resto de 2019 e en 2020. Nos concertos de Australasia a banda interpretaría Come On Pilgrim e Surfer Rosa na súa totalidade. Porén, gran parte dos concertos foron cancelados debido á pandemia de COVID-19.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Pixies Categoría:Álbums musicais de 2019 Categoría:Álbums producidos por Tom Dalgety