Fatema Mernissi (en árabe, فاطمة مرنيسي Fātima Marnīsī), nada en Fez o 27 de setembro de 1940 e finada en Rabat o 30 de novembro de 2015, foi unha escritora e socióloga feminista marroquí, unha das voces máis relevantes da intelectualidade do mundo árabe. A súa obra dedícase á condición feminina nas sociedades musulmás.

Traxectoria Fatema Mernissi naceu en Fez, un dos centros do movemento nacionalista marroquí contra a ocupación francesa. Pertencía a unha familia acomodada, dona de grandes extensións de terra e fiel ás tradicións. Na gran casa familiar existían cuartos para as mulleres entre as que naceu e creceu. O triunfo do nacionalismo político permitiulle acceder a unha educación da que non gozaran a súa nai e a súa avoa, quen eran analfabetas.

Durante os primeiros anos formouse nas escolas coránicas para incorporarse despois ao modelo de ensino proposto polo estado acabado de crear. Ata os vinte anos só falaba árabe, mais para superar a barreira da lingua aprendeu varios idiomas e escribiu as súas obras en árabe, francés e inglés. Mernissi obtivo o seu título de Ciencias políticas na Facultade de Dereito da Universidade Mohamed V de Rabat e proseguiu os seus estudos cunha bolsa na universidade da Sorbona, en París. En 1973 doutorouse en socioloxía na Universidade de Brandeis (Estados Unidos), coa obra Beyond the Veil: Male-Female Dynamics in Modern Muslim Society. Á súa volta a Marrocos deuse a coñecer polas súas intervencións no 24º Congreso de Socioloxía de abril de 1974 en Alxer.

Os seus ensaios e traballos literarios convertérona nunha das escritoras máis célebres do Magreb e nun referente de primeira orde dentro do pensamento árabe do século XX. Dende 1973 ata 1980 foi profesora de socioloxía na Universidade de Rabat. Máis adiante deu clases no Institut Universitarie de Recherche Scientifique da Universidade Mohamed V. Ademais, Mernissi foi consultora de organismos internacionais como a Oficina Internacional de Traballo ou a UNESCO, e directora de diversas coleccións, entre elas, Femme Magreb Horizons 2000, Marocaines e Citoyennes de Demain.

En 2003 Mernissi recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras xunto con Susan Sontag. En 2004 recibiu o premio Erasmus xunto con Sadiq Jalal al-Azm e Abdolkarim Soroush.

Obras A primeira monografía de Mernissi, Beyond the Veil, foi publicada en 1975. Unha edición revisada foi publicada no Reino Unido en 1985 e nos Estados Unidos en 1987. Beyond the Veil converteuse nun clásico, especialmente nos campos da antropoloxía e a socioloxía das mulleres do mundo árabe, a área mediterránea e as sociedades musulmás en xeral.

O seu libro máis famoso como feminista islámica, The Veil and the Male Elite: A Feminist Interpretation of Islam, é un estudo case histórico do papel das esposas de Mahoma. Foi publicado inicialmente en francés en 1987 e traducido ao inglés en 1991. O libro foi prohibido en Marrocos, Irán e os estados árabes do golfo Pérsico.

Para Doing Daily Battle: Interviews with Moroccan Women (1991), entrevistou mulleres campesiñas, traballadoras, videntes e criadas. En 1994, Mernissi publicou un libro de memorias, Dreams of Trespass: Tales of a Harem Girlhood, traducido ao galego por Rocío Viéitez Ferro en 2022, co título Soños no limiar.

Contribuíu coa peza "The merchant's daughter and the son of the sultan" á antoloxía Sisterhood Is Global: The International Women's Movement Anthology (1984), editada por Robin Morgan.

Bibliografía 1975: Beyond the Veil: Male-Female Dynamics in a Muslim Society 1983: Le Maroc raconté par ses femmes 1984: L’amour dans les pays musulmans 1985: Femmes du Gharb 1987: Le harem politique – Le Prophète et les femmes 1988: Shahrazad n’est pas marocaine 1989: Doing Daily Battle: Interviews with Moroccan Women (editora) 1990: Sultanes oubliées – Femmes chefs d’Etat en Islam 1992: La Peur-Modernité 1993: Women’s Rebellion and Islamic Memory 1994: The Harem Within 1997: Les Aït-Débrouille 1998: Etes-vous vacciné contre le Harem? 2001: Scheherazade Goes West 2002: Islam and Democracy: Fear of the Modern World 2009: Les Femmes Du Maroc

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web de Fatema Mernissi Obituario en Morocco World News Chronological Overview of books by Fatema Mernissi Announcement of the Asturias Prize, 2003 Entrevista en El País, 6 de xuño de 2008 Entrevista en El País, 31 de outubro de 1989 Entrevista en Encuentros Digitales El Mundo.es Artigo en El País sobre Fatima Mernissi Rebel for the sake of women The Prophet and Freedom of the Individual Politics and the Prophet, estudo de Islam and Democracy de Mernissi, por Martin Kramer

Categoría:Nados en Fez Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2015 Categoría:Ensaístas Categoría:Feministas de Marrocos Categoría:Sociólogos de Marrocos Categoría:Premios Princesa de Asturias das Letras Categoría:Premio Erasmus Categoría:Profesores Categoría:Escritores de Marrocos