O bulbul común (Pycnonotus barbatus) é unha especie de ave paseriforme da familia Pycnonotidae amplamente distribuída por África, incluídas Ceuta e Melilla.
Descrición Ten un peteiro bastante curto e delgado, cunha mandíbula superior algo curvada cara a abaixo. O peteiro, patas e pés son negros, o ollo é marrón escuro cun anel ocular escuro, que non se ve facilmente. Mide uns 18 cm de lonxitude e ten unha longa cola. Ten unha cabeza e partes superiores marróns escuras. Os sexos teñen plumaxe similar.
Distribucción e hábitat
Está amplamente distribuído por África, onde está presente en numerosos hábitats, agás nos desertos. En Marrocos é unha especie particularmente abundante en hortos, xardíns, oasis etc. En xeral, non é unha ave esixente e aproveita os límites dos bosques, zonas forestais, matogueiras costeiras ou de montaña etc. Parece que debido ao cambio climático deu o salto a Europa a través do estreito de Xibraltar e agora reprodúcese en Tarifa (SEO/Birdlife, xullo de 2017)
Taxonomía e sistemática O P. barbatus foi orixinalmente descrito no xénero Turdus. Algunhas autoridades tratan os bulbuis Pycnonotus somaliensis, P. dodsoni e P. tricolor como subespecies desta especie. O P. barbatus considérase que pertence a unha superespecie xunto co P. leucogenys, P. leucotis, P. xanthopygos, P. nigricans e P. capensis..
Subespecies Recoñécense cinco subespecies: P. b. barbatus – (Desfontaines, 1789). Encóntrase desde Marrocos a Tunisia. P. b. inornatus – (Fraser, 1843): Orixinalmente descrito como especie separada no xénero Ixos. Encóntrase desde o sur de Mauritania e o Senegal ao oeste do Chad e norte do Camerún. P. b. gabonensis – Sharpe, 1871: Orixinalmente descrito como especie separada. Encóntrase desde Nixeria e o Camerún central a Gabón e sur do Congo. P. b. arsinoe – (Lichtenstein, MHK, 1823): Orixinalmente descrito como unha especie separada no xénero Turdus. Encóntrase no leste do Chad, norte e centro do Sudán e leste de Exipto. P. b. schoanus – Neumann, 1905: Non debe conundirse co bulbul somalí. Encóntrase no sueste do Sudán, en Etiopía (menos no norte) e Eritrea.
Alimentación
É unha especie omnívora, que se alimenta de invertebrados, froitos, e mesmo de néctar.
Reprodución Esta especie aniña durante todo o ano no trópico húmido, pero noutras zonas é máis estacional na súa reprodución cun máximo ao inicio da estación das chuvias. O niño é bastante ríxido, de paredes grosas e forma de copa. Está situado dentro do espesor doa follaxe dun arbusto ou pequena árbore. A posta típica consta de dous ou tres ovos. Igual que outros bulbuis, é parasitado polo cuco Clamator jacobinus.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Barlow, Wacher e Disley, Birds of The Gambia ISBN 1-873403-32-1
Ligazóns externas
Categoría:Picnonótidos Categoría:Animais descritos en 1789