Tadeusz Kondrusiewicz (en ), nado en Adeĺsk (distrito de Hrodna, rexión de Hrodna, RSS de Belarús) o 3 de xaneiro de 1946, é un eclesiástico católico latino belaruso de etnia polaca, dende 2007 arcebispo de Minsk-Mahilioŭ.
Traxectoria Primeiros anos Naceu en Adeĺsk, no distrito de Hrodna da República Socialista Soviética de Belarús, o 3 de xaneiro de 1946. A súa familia era de etnia polaca; foi fillo de Ignacy Kondrusiewicz (1906-1985) e de Anna, de apelido de solteira Szusta (1911-1999).
En 1962 ingresou no departamento de Física e Matemáticas do Instituto Pedagóxico de Hrodna, aínda que un ano despois foi expulsado logo de ser acusado de práctica relixiosa. En 1964 entrou no Instituto Politécnico de Leningrado, graduándose como enxeñeiro mecánico en 1970. Posteriormente traballou como enxeñeiro en Vilnius. Presbiterado En 1976 ingresou no seminario de Kaunas, e o 31 de maio de 1981 foi ordenado sacerdote por Liudas Povilonis.
Entre 1981 e 1986 foi vigairo na Igrexa de Santa Teresa de Vilnius, entre 1986 e 1987 foi párroco da Igrexa de Nosa Señora das Dores de Druskininkai, entre 1987 e 1988 na Igrexa do Espírito Santo de Vilnius. En 1985 licenciouse en Teoloxía, e posteriormente doutorouse coa tese "Pogłębienie nauki o Kościele w pracach i dokumentach II Soboru Watykańskiego".
Administrador apostólico de Minsk O 10 de maio de 1989 o papa Xoán Paulo II nomeouno administrador apostólico de Minsk e bispo titular de Hippo Diarrhytus. Recibiu a ordenación episcopal o 20 de outubro de 1989 na Basílica de San Pedro, de mans do papa Xoán Paulo II.
Durante este primeiro período en Belarús, Kondrusiewicz fundou o seminario de Hrodna, traballou pola recuperación e reapertura de arredor de 100 igrexas que foran pechadas durante o período soviético, e participou na publicación e edición do Misal Romano e do Catecismo en lingua belarusa.
Arcebispo de Moscova O 13 de abril de 1991 foi nomeado administrador apostólico da Rusia europea, e cando o 11 de febreiro de 2002 a administración apostólica foi elevada a arquidiocese de Moscova, pasou a ser o seu arcebispo. Arcebispo de Minsk-Mahilioŭ O 21 de setembro de 2007 foi nomeado arcebispo de Minsk-Mahilioŭ. Entre 2011 e 2012 foi tamén administrador apostólico de Pinsk.
Notas
Categoría:Nados en 1946 Categoría:Nados na rexión de Hrodna Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Bispos católicos de Rusia Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica Estatal de San Petersburgo Categoría:Alumnos da Universidade Vytautas Magno Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Católica de América