Siekiera (en ) foi un grupo de post-punk polaco. Co seu estilo rápido e agresivo, e cunhas letras inzadas de obscenidades, atinxiron moita sona no festival Jarocin de 1984. Tras varios cambios nos seus membros, pasaron ao xénero new wave. Disolvéronse en 1988.

Traxectoria Siekiera formouse en 1983 en Puławy, co nome de Trafo. Os membros orixinais do grupo eran o guitarrista Tomasz Adamski (autor da música e das letras), o cantante Tomasz Budzyński, o baixista Jerzy Janaczek e mais o batería Irek Czerniak, coñecido como Borys. Nos seus comezos, versionaban cancións de bandas inglesas como U.K. Subs ou The Exploited. No outono de 1983, cambiaron oficialmente o seu nome a Siekiera (unha palabra polaca que significa "macheta"). O baixista Dariusz Malinowski (ou Malina) e o batería Krzysztof Grela (ou Koben) uníronse á formación en substitución de Janaczek e Borys, respectivamente.

En 1984, realizaron o seu primeiro concerto oficial no club Remont de Varsovia. Tamén tocaron no festival Jarocin, onde recibiron o aplauso do público. En outubro dese mesmo ano, tras unha actuación con TZN Xenna e Youth Brigade, Budzyński abandonou o grupo por unha disputa con Adamski sobre o control creativo das letras. Budzyński creou a súa propia banda, Armia, con Robert Brylewski.

Adamski reformou o grupo con dous novos membros, Zbigniew Musinski (batería) e Pawel Mlynarczyk (teclado); Malinowski pasou a ser o novo cantante. En febreiro de 1985, gravaron oito cancións, algunhas das cales soaron na radio. Nese ano, volveron tocar no festival Jarocin, mais os fans máis ortodoxos do punk non apreciaron o seu novo estilo new wave.

En 1986, saíu o seu único LP, Nowa Aleksandria. Ao ano seguinte, incorporaron un novo guitarrista, Wieslaw Borysewicz, namentres Adamski pasou a cantar. Realizaron unha pequena xira por Polonia con Variete, outro grupo de new wave. Finalmente, separáronse en 1988.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Grupos musicais separados en 1988 Categoría:Grupos musicais de Polonia Categoría:Grupos musicais de post-punk Categoría:Grupos musicais de new wave Categoría:Grupos musicais formados en 1983