'Vladimir Fiodorovich Utkin (en ruso: Владимир Фёдорович Уткин), nado en Pustobor (oblast de Riazan) o 17 de outubro de 1923 e finado o 15 de febreiro de 2000, foi un enxeñeiro soviético que axudou a desenvolver o mísil balístico intercontinental (ICBM) RT-23 e outros foguetes soviéticos.
Traxectoria Infancia e xuventude Utkin naceu no pobo de Pustobor, no oblast de Riazan, Rusia. Tras graduarse foi recrutado polo exército, loitando na Gran Guerra Patriótica e concedéndoselle varias medallas. Graduouse no departamento de Armamento de Propulsión a Chorro do Instituto de Enxeñería Militar de Leningrado en 1952. Obtivo o seu doutoramento en enxeñaría en 1967.
Carreira profesional esquerda|miniatura|Un RT-23 no museo do ferrocarril de San Petersburgo. Utkin foi enviado á Oficina de Deseño Especial 586 de Dnepropetrovsk, onde traballou na organización da produción dos primeiros mísiles balísticos soviéticos, os R-1, R-2 e R-5 deseñados por Sergei Koroliov.
Despois da fundación da oficina de Yuzhnoye, traballou como enxeñeiro, enxeñeiro sénior, xefe de sector, xefe de departamento, asistente e primeiro asistente do deseñador xefe. En 1971 chegou a ser deseñador xefe e despois deseñador xeral da oficina de deseño de Yuzhnoye. Entre 1999 e 2000 traballou como Director Xeral do TsNIIMASh.
Utkin, no seu cargo de Deseñador Xeral de Yuzhnoye, axudou a materializar os conceptos e proxectos concibidos polo seu predecesor, Mikhail Yangel. Baixo a dirección de Utkin, Yuzhnoye desenvolveu e puxo en servizo sistemas estratéxicos de mísiles que foron a base das Forzas Estratéxicas de Mísiles. Entre os mísiles desenvolvidos estaban o SS-18, un dos ICBM de propelente líquido máis potentes e eficientes, e o mísil de propelente sólido SS-24 nas súas versión lanzadas desde silos e desde raís. Outros sistemas postos en servizo foron os foguetes espaciais Cyclone e Zenit e varias naves militares, civiles e científicas.
Entre os problemas científicos e técnicos resoltos durante os diversos desenvolvementos están fugas de propelente en xuntas firmes, a dispoñibilidade de mísiles preparados para ser lanzados por longos períodos de tempo, o lanzamento ao estilo de morteiros de mísiles pesados e o desenvolvemento de sistemas de mísiles antibalísticos. Os silos foron reforzados, os mísiles reforzados contra ataques nucleares e acadouse un alto grao na rapidez e dispoñibilidade para o lanzamento de mísiles.
Vladimir Utkin enfatizou a protección medioambiental, a automatización das operacións de prelanzamento, as taxas de lanzamento de mísiles e outras cuestións similares. A solución aos diversos problemas dos diferentes proxectos levaron ao desenvolvemento da familia de foguetes Zenit, que foron a base dos proxectos Sea Launch e Land Launch.
Foi tamén un participante activo na cooperación internacional en relación coa investigación e exploración espaciais, incluíndo o programa Interkosmos, o proxecto Arcade co satélite Oreol 1 desenvolvido con Francia, e os satélites Aryabhata, Bhaskara 1 e Bhaskara 2, construídos e lanzados en cooperación coa India.
Gran parte do esforzo para poñer en marcha os programas para usar mísiles fora de servizo como foguetes espaciais (como o Dnepr) foi tamén debido a Utkin. Foi autor e coautor de máis de 200 estudos científicos e tiña unha vida social e política activa, sendo elixido varias veces como membro do Soviet Supremo entre 1972 e 1991. Foi membro do Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética entre 1976 e 1991. Foi dúas veces Heroe do Traballo Socialista (1969 e 1976), gañador do Premio Lenin (1964) e do Premio do Estado da URSS (1980). Utkin foi condecorado coa Medalla para o Valor do Traballo (1956), a Orde da Franxa Vermella do Traballo (1959) e as Ordes de Lenin de 1961, 1966, 1969, 1973, 1976 e 1983.
Vladimir Utkin finou o 15 de febreiro de 2000 e foi enterrado con honores militares no cemiterio de Troiekurovskoie, en Moscova, o 17 de febreiro de 2000.
Recoñecementos
Académico da Academia de Ciencias de Ucraína (1976). Académico da Academia de Ciencias da URSS (1984). Académico da Academia Rusa de Ciencias (1992). Membro da Academia Internacional de Astronáutica. Presidente da Academia Rusa K.E. Tsiolkovsky de Cosmonáutica. O asteroide 13477 Utkin leva o seu nome.
Referencias Biografía de Utkin no Sitio de Heroes do País (en ruso).
Véxase tamén
Zenit-2 Zenit-2M Zenit-3SL
Categoría:Nados en 1923 Categoría:Enxeñeiros da Unión Soviética Categoría:Científicos da Unión Soviética Categoría:Finados en 2000 Categoría:Nados no óblast de Riazan