Rubén Darío Insúa Carballo, nado en Buenos Aires o 17 de abril de 1961, é un exfutbolista e adestrador arxentino. Alcumado Gallego Insúa polas súas orixes galegas, ocupaba habitualmente posicións de centrocampista, aínda que a súa polivalencia permitiulle tamén xogar como defensa e dianteiro. Destacou especialmente no San Lorenzo de Almagro, sendo unha das maiores figuras da historia do club, co que disputou 204 partidos oficiais nos que marcou 38 goles. Ademais gañou unha liga arxentina co Independiente e un campionato ecuatoriano co Barcelona Sporting.
En 1997 iniciou unha carreira como adestrador que se alongou durante case 30 anos, nos que dirixiu clubs de cinco países suramericanos, gañando dúas ligas ecuatorianas co Barcelona Sporting e o Deportivo Quito, así como a Copa Suramericana de 2002 á fronte do San Lorenzo.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos Naceu en en Buenos Aires o 17 de abril de 1961, sendo fillo de emigrantes galegos. Seu pai era socio do San Lorenzo de Almagro e curmán do histórico gardameta do club Jaime Lema, campión de liga en 1933. Afeccionado ao club de Boedo dende neno, acudía habitualmente aos partidos do Gasómetro, onde vía entre outros ao seu ídolo, o "Lobo" Fischer.
San Lorenzo Comezou a súa carreira no propio San Lorenzo, no que ingresou con só nove anos. Debutou co primeiro equipo na Primeira División aos 17 anos, o 10 de decembro de 1978, nun partido ante San Martín en Mendoza no que o adestrador Alejandro Romero lle deu entrada ao terreo de xogo no lugar de Lorea. Aínda que apenas xogou na etapa de Carlos Bilardo, en 1979 foi titular no derradeiro partido disputado no vello Gasómetro e en 1980 marcou os seus primeiros goles, incluído un de libre directo ao histórico Fillol. En 1981 viviu o descenso do equipo á Primeira B, con Juan Carlos Lorenzo como adestrador, pero en 1982 proclamouse campión da segunda categoría, sendo o autor do gol que certificaba o ascenso.
Las Palmas Militou no club ata setembro de 1985, cando foi contratado pola UD Las Palmas, da Primeira División de España. Disputou un total de 11 partidos co club amarelo e marcou catro goles, todos de penalti, pero acabou regresando ao seu país en decembro.
Indpendiente Volveu á disciplina do San Lorenzo e en xullo foi traspasado ao Estudiantes, no que militou ata 1988, cando pasou a xogar en Independente. No club de Avellaneda coincidiu co ídolo Bochini e conquistou o campionato arxentino na tempada 1988/89, marcando un dos goles na vitoria decisiva por 1-2 na derradeira xornada ante o Deportivo Armenio. Xogou 100 partidos coa camiseta vermella, anotando 29 goles.
Barcelona SC En 1991 fichou polo Barcelona SC de Guayaquil e esa mesma tempada gañou o campionato ecuatoriano, sendo o terceiro máximo goleador do torneo con 17 goles. Militou catro anos no club ecuatoriano, converténdose nun ídolo para a afección.
Colombia e retirada en Quilmes A continuación pasou ao Deportivo Cali de Colombia. De volta na Arxentina, disputou a tempada 1995/96 coa camiseta de Quilmes, poñendo fin á súa carreira como futbolista profesional en 1996.
Selección nacional Foi cinco veces internacional coa selección arxentina, co que participou na Copa América de 1983, ás ordes de Carlos Bilardo, compartindo equipo con xogadores como Nery Pumpido, Fillol, Brown, Gareca, Mouzo, Sabella ou Gurruchaga.
Como adestrador
Comezos Comezou a súa carreira como adestrador no Barcelona SC en 1997. Baixo o seu mando, o equipo gañou ese mesmo ano a liga ecuatoriana, por diante do Deportivo Quito que dirixía o chileno Ramón Estay. Ao ano seguinte fixo histoira ao meter ao club na súa segunda final da Copa Libertadores. O seu rival foi o Vasco da Gama de Antônio Lopes, ante o que caeu derrotado tanto na ida no São Januário como na volta no Monumental.
En 1999 regresou á Arxentina para dirixir o Ferro Carril Oeste. Con todo, os pobres resultados obtidos levárono a dimitir despois de só cinco partidos. Para a tempada 2000 volveu ao Barcelona, facéndose cargo do equipo nun mal momento, ao bordo do descenso, pero conseguiu salvar a categoría e clasificar o equipo para a Copa Libertadores.
San Lorenzo En xullo de 2002 foi anunciado como adestrador do San Lorenzo, en substitución de Manuel Pellegrini. Só puido ser noveno no Torneo Apertura 2002, pero as grandes actuacións do equipo chegaron na Copa Suramericana, que celebraba ese ano a súa primeira edición. San Lorenzo eliminou sucesivamente ao Monagas, o Racing Club e o Bolívar, meténdose na primeira final do torneo, onde tivo como rival ao Atlético Nacional colombiano de Alexis García. No partido de ida no Atanasio Girardot de Medellín, o equipo de Insúa conseguiu unha goleada por 0-4, sendo ata a data a maior vitoria visitante nunha final da CONMEBOL. O empate sen goles na volta no Gasómetro deulle o título ao club arxentino.
Regreso a Ecuador e pasos por Bolivia, o Perú e Colombia En 2003 regresou a Ecuador para iniciar a súa terceira etapa no Barcelona Sporting, quedando subcampión de liga e logrando a clasificación para a Copa Libertadores 2004. En xaneiro de 2005 foi confirmado como adestrador de Alianza Lima, ao que dirixiu ata a súa dimisión en maio. Logo dun paso polo Jorge Wilstermann de Bolivia, regresou ao seu país natal en outubro de 2007 para dirixir a Talleres, no que permaneceu só 12 encontros.
En decembro de 2008 foi contratado por Deportivo Quito, que viña e gañar o seu primeiro título en 40 anos da man de Carlos Sevilla. Con Insúa no banco, o Ídolo revalidou o título, tras derrotar na final ao Deportivo Cuenca. Con todo, a mala forma do equipo na tempada seguinte provocou o seu despedimento en agosto de 2010.
O 2 de outubro de 2010, comezou a súa cuarta etapa en Barcelona, co que acabou na terceira posición da liga ese ano. Con todo, en marzo de 2011 foi despedido do seu cargo polo mal desempeño do equipo no campionato nacional e, segundo Alfonso Harb, presidente do club, pola súa indisciplina.
En setembro de 2011 asumiu o cargo de adestrador do Deportivo Cali (no que xa militara como xogador), substituíndo a Jorge Cruz. O 3 de marzo do 2012, foi relevado das súas funcións despois dun mal comezo no Torneo Apertura.
O 30 de xullo de 2012 comezou o seu segundo ciclo no Deportivo Quito, substituíndo a Nelson Acosta. Tras unha profunda crise económica e institucional, conseguiu manter o equipo na máxima categoría do fútbol ecuatoriano e, en 2013, clasificouno para a Copa Libertadores. Con todo, en outubro de 2013, confirmouse que non seguiría no club a partir da tempada seguinte.
En maio de 2015 púxose á fronte do El Nacional de Quito, pero acabou dimitindo en outubro alegando falta de compromiso da dirección do club.
O primeiro día de 2016 foi nomeado director do Club Bolívar da Primeira División de Bolivia. Tres meses despois, foi destituído do seu posto tras os malos resultados na Copa Libertadores e no torneo nacional.
En febreiro de 2019 foi nomeado adestrador da Liga de Portoviejo, club da segunda división ecuatoriana. En decembro do mesmo ano, conseguiron o ascenso á Serie A. Despois de dúas tempadas no club, foi destituído do seu cargo en novembro de 2020.
En abril de 2021 colleu as rendas do Deportivo Binacional da Primeira División do Perú. Dirixiu o club só durante tres partidos, ata que as discrepancias coa directiva levaron á súa destitución só 25 días despois da súa chegada.
Nova etapa en San Lorenzo O 17 de maio de 2022 acordou o seu regreso ao club da súa vida, o San Lorenzo, co que asinou un contrato ata decembro de 2023. Uns meses despois o equipo clasificouse para a Copa Suramericana tras vencer ao Aldosivi na última xornada de liga. Na competición continental, o equipo de Insúa acadou os oitavos de final, onde foi eliminado polo São Paulo de Dorival Júnior.
Despois de clasificarse para a Copa Libertadores de 2024, o seu contrato foi renovado por dúas tempadas e media en xaneiro de 2024. Non obstante, foi despedido o 12 de abril tras unha serie de malos resultados.
Barracas Central En setembro de 2024 foi contratado por Barracas Central, co que asinou un contrato ata decembro de 2025. No club guapo coincidiu co seu fillo Rodrigo. No Torneo Apertura 2025 acabou na sétima posición, clasificándose á fase eliminatoria, onde caeu nos oitavos de final contra River Plate. No Clausura do mesmo ano finalizou sexto, meténdose de novo nunhas eliminatorias nas que chegou ata os cuartos de final, sendo eliminado por Gimnasia y Esgrima.
Na táboa xeral da tempada o conxunto de Insúa ocupou a décima praza, conseguindo por primeira vez na súa historia a clasificación para un torneo continental: a Copa Suramericana. Con todo, os irregulares resultados da primeira metade do 2026 provocaron que o club e o adestrador separasen os seus camiños de mutuo acordo en xuño, despois de 74 partidos oficiais.
Vida persoal Casou con María Alejandra Álvarez, coa que foi pai de tres fillos: os futbolistas Rodrigo e Robertino, e Pamela.
Palmarés
Como xogador San Lorenzo Primeira B (1): 1982.
Independiente Primeira División (1): 1988/89.
Barcelona Serie A (1): 1991.
Como adestrador Barcelona Serie A (1): 1997.
Deportivo de Quito Serie A (1): 2009.
San Lorenzo Copa Suramericana (1): 2002.
Notas
Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1961 Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Xogadores do Club Estudiantes de La Plata Categoría:Xogadores do CA Independiente Categoría:Xogadores do Barcelona Sporting Club Categoría:Xogadores do Deportivo Cali Categoría:Xogadores do Quilmes Atlético Club Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do Barcelona Sporting Club Categoría:Adestradores do Ferro Carril Oeste Categoría:Adestradores do CA San Lorenzo de Almagro Categoría:Adestradores do Alianza Lima Categoría:Adestradores do CD Jorge Wilstermann Categoría:Adestradores do CA Talleres Categoría:Adestradores do Deportivo Quito Categoría:Adestradores do Deportivo Cali Categoría:Adestradores do CD El Nacional Categoría:Adestradores do Club Bolívar Categoría:Adestradores do Deportivo Binacional Categoría:Adestradores do Barracas Central