Encarna Alonso, nada en La Ercina (provincia de León) en 1955, é unha continuísta e actriz galega. Ten máis de sesenta traballos como continuísta, máis de vinte longametraxes, numerosas curtametraxes e preto de cincocentos episodios de televisión.

Traxectoria Naceu na provincia de León mais desde a década de 1970 vive na Coruña. Estudou Maxisterio e comezou a traballar no mundo audiovisual en 1987. Comezou con Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, e traballou en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herrero ou Héctor Carré: A lenda da doncela, Dáme lume, Trece badaladas, Blanca Madison, O agasallo de Silvia, Cota Roja, La promesa, Para que no me olvides, Heroína, Más que hermanos, La Atlántida, Días azules, Abrígate, Mà morta truca a la porta, La noche que dejó de llover, Os mortos van á présa, Os fenómenos, Invasor, A casa da Luz, Blockbuster, Encallados. Tamén en curtametraxes como Café Bremen, Macana de dote, Atlántico Express, Angelitos, Mátame unos cuantos, O matachín, Grande de Cuba ou O cambio. En televisión participou na serie Lendas, dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG, e mais en Mareas vivas, Nada es para siempre e Pratos combinados.

Ademais do seu traballo no mundo audiovisual tamén se dedicou á docencia: cursos e charlas sobre o oficio de script e foi responsable de organización de cursos sobre audiovisual e educación nos Congresos Internacionais de Pedagoxía da Imaxe ”Pé de Imaxe”, organizados por Nova Escola Galega, Escola de Imaxe e Son da Coruña, UNED, Curso Lectura de la Imagen (Madrid) e Gabinete de Reforma Educativa da Xunta de Galicia. Durante varios anos impartiu o curso O oficio de script: teoría e práctica na EIS.

Obra O oficio de script dentro da Colección Cadernos, da Escola de Imaxe e Son da Coruña. Recoñecementos

En 2025 foi galardoada pola Academia Galega do Audiovisual co Premio de Honra Fernando Rey.Segundo a presidenta «por formar parte dunha xeración de técnicas pioneira que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. Por ser un referente e abrir camiño á incorporación da muller a unha industria en constante evolución cara a igualdade. Pola xenerosidade coa que compartiu a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de script deixando unha pegada imborrable nas seguintes xeracións e contibuíndo á profesionalización do audiovisual galego».

Vida persoal

É parella do cineasta Carlos Amil.

Notas

Categoría:Nados en León Categoría:Nados en 1955 Categoría:Actores de Galicia Categoría:Guionistas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes