Francisco Javier Vidarte Fernández, máis coñecido como Paco Vidarte, nado en Sevilla o 1 de marzo de 1970 e finado en Madrid o 29 de xaneiro de 2008, foi un filósofo, escritor e activista polos dereitos LGBT.

Traxectoria Paco Vidarte naceu en Sevilla o 1 de marzo de 1970. Licenciouse en Filosofía (con premio extraordinario de licenciatura) pola Universidade Pontificia Comillas. Posteriormente, cursou estudos de mestrado en Teoría Psicanalítica na Universidade Complutense de Madrid e de doutoramento en Filosofía (con premio extraordinario de doutoramento) pola Universidade Nacional de Educación a Distancia. Presentou a súa tese sobre o filósofo Jacques Derrida o 27 de novembro de 1998.

Dende 2002, Vidarte foi profesor titular do Departamento de Filosofía da UNED. Impartiu cursos e seminarios sobre teoría queer, Derrida ou o pensamento francés contemporáneo. Escribiu e traduciu máis de 20 libros e artigos sobre estes temas. Así mesmo, participou en relatorios, congresos e seminarios internacionais.

Por outra banda, Vidarte militou en grupos LGBT como a Radical Gai, e foi unha das figuras pioneiras no campo da teoría queer en España. Neste eido, publicou xunto con Ricardo Llamas os volumes Homografías (1999) e Extravíos (2001), e coeditou con David Córdoba e Javier Sáez o libro Teoría queer (2005).

Tras as reformas lexislativas do goberno socialista español, centrou os seus esforzos en transmitir a idea de que a loita do movemento LGBT non remataba coa legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Así, en Ética marica (2007), o seu derradeiro libro publicado en vida, desenvolveu unha forte crítica ás políticas asimilacionistas de parte do colectivo LGBT en España, defendendo no seu lugar unha ética da diferenza e radicalmente inclusiva.

Paco Vidarte faleceu en Madrid o 29 de xaneiro de 2008, a causa dun linfoma.

Publicacións Como autor Jacques Derrida (1998), xunto con Cristina de Peretti. Homografías (1999), xunto con Ricardo Llamas. Extravíos (2001), xunto con Ricardo Llamas. Derritages: une thèse en déconstruction (2001) Guerra y filosofía: la concepción de la guerra en el pensamiento filosófico (2002), xunto con José García Caneiro. Filosofías del siglo XX (2005), xunto con F. Rampérez. ¿Qué es leer? La invención del texto en filosofía (2006) Ética marica: proclamas libertarias para una militancia LGTBQ (2007) Por una política a caraperro: placeres textuales para las disidencias sexuales (2021). Edición póstuma a cargo de Javier Sáez e Fefa Vila. Textos filosóficos (1996-2008) (2022). Edición póstuma a cargo de Javier Sáez.

Como editor Marginales: leyendo a Derrida (2000). Teoría queer (2005), xunto con David Córdoba y Javier Sáez.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Alumnos da Universidade Nacional de Educación a Distancia Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Activistas LGBT de España Categoría:Escritores LGTB de España Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Teoría queer