Cándido Gómez Álvarez, máis coñecido como Candi, nado no Porriño o 14 de maio de 1928 e finado en Granada o 2 de setembro de 2024, foi un futbolista e dirixente de fútbol galego, que xogaba como gardameta. Desenvolveu toda a súa carreira entre a Primeira e a Segunda División, destacando especialmente no Granada, club co que disputou 199 partidos oficiais e do que, trala súa retirada, foi presidente ata en cinco ocasións entre 1967 e 1997.

Traxectoria Nacido no Porriño, na súa infancia xogou no Celta de Porriño e logo no Rápido de Bouzas. Aos 16 anos instalouse con seu irmán en Logroño, onde ingresou no Rayo Logroñés. Aos 17 foi fichado polo Athletic Club, sendo o xogador máis novo do equipo, pero con Lezama como titular e sen oco para el, para a tempada 1947/48 foi cedido inicialmente ao Valencia, tamén da Primeira División. Chegou ao club valenciano como substituto de Ignacio Eizaguirre ante a inminente marcha deste, pero finalmente o gardameta vasco acabou renovando o seu contrato, polo que finalmente foi Candi quen deixou Valencia despois dun único partido oficial. Pasou o resto da campaña cedido no Valladolid, da Segunda División, co que conseguiu o ascenso a Primeira da man de Antonio Barrios.

No verán de 1948, con 19 anos, asinou polo Granada, iniciando así a súa primeira etapa no club ao que dedicaría a maior parte da súa vida. Nas súas dúas primeiras campañas foi o porteiro titular do equipo granadino, pero ao remate do seu contrato en 1950 decidiu mudar de aires e rexeitar a oferta de renovación do club para asinar co Zaragoza, tamén de Segunda.

Alí foi o gardameta do chamado equipo dos "Millonarios", que contaba con destacados futbolistas como os internacionais Rosendo Hernández e Gonzalvo II ou os tamén galegos Cabido e Santín. Titular indiscutible na portería do equipo de Luis Urquiri, sumou 35 partidos, contribuíndo ao ascenso do seu equipo á máxima categoría. Na seguinte campaña continuou no club aragonés, aínda que o gardameta na maioría de partidos foi Higinio Martí.

En 1952 rematou o seu contrato co Zaragoza e regresou ao Granada. Foi o gardameta titular máis habitual nos seguintes anos por diante doutros porteiros como Oreja, Piris, Julio, Santi ou Mesa, e compartiu equipo con varios futbolista galegos como Pintos, Balado, Amaro ou o histórico dianteiro Pahiño. Na tempada 1956/57, con Candi na portería e o pontevedrés Pasarín no banco, o Granada conseguiu o segundo ascenso da súa historia á Primeira División, despois de 12 anos de ausencia. Na tempada seguinte defendeu a portería do Granada en 20 partidos, conseguindo a permanencia en Primeira.

Na tempada 1958/59 foi cedido ao Levante, regresando a Granada ao ano seguinte. Militou dúas campañas máis no Granada, ata a súa retirada en 1961. Disputou un total de 199 partidos co club andaluz, sendo naquel momento o gardameta con máis encontros na historia da entidade.

Trala súa retirada continuou vivindo en Granada, cidade na que casara anos antes. Seguiu vencellado ao Granada, exercendo varias funcións no club e en 1967 accedeu por primeira vez á presidencia. Tras conseguir o ascenso, mantivo o equipo en Primeira durante oito anos, sendo esta a estancia máis prolongada da historia do club na máxima categoría. En 1973 introduciu as raias horizontais nas camisolas do equipo, sinal de identidade que o club aínda mantén.

Deixou a presidencia en 1976, pero volveu ao cargo en catro ocasións máis entre 1985 e 1996. Faleceu o 2 de setembro de 2024, aos 96 anos de idade.

Notas

Categoría:Nados no Porriño Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2024 Categoría:Futbolistas do Porriño Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Presidentes de clubs de fútbol de Galicia