Remei Sipi Mayo, nada en Rebola en 1952, coñecida popularmente como Tía Remei, é unha educadora infantil, escritora, editora, conferenciante, directora de teatro, investigadora e activista ecuatoguineana experta en xénero e desenvolvemento. É coñecida pola súa militancia no movemento asociativo de mulleres afrodescendientes e foi presidenta da Federación de Asociacións Guineanas de Cataluña.

Traxectoria Remei Sipi naceu en 1952 en Rebola, unha localidade da illa de Bioko (Guinea Ecuatorial). En 1968, con 16 anos, trasladouse a Barcelona. Diplomouse en Educación Infantil e especializouse en xénero e desenvolvemento na Universitat Autònoma de Barcelona.

Traballou en defensa da muller, as minorías étnicas e as persoas emigrantes e impulsou o movemento asociativo de mulleres africanas. Nos eventos interculturais aos que foi convidada tentou evitar a folklorización. A principios dos anos 80 converteuse na presidenta da Asociación Sociocultural Riebapua, o colectivo bubi de Guinea Ecuatorial en Cataluña. En 1990 cofundou a asociación E’Waiso Ipola, que significa «muller, érguete» (ou «espabila») en lingua bubi. Tres anos máis tarde cofundou Mfundi-Kupa, asociación de intelectuais africanos en España. Amais, cofundou a Red de mujeres inmigrantes en Cataluña e, en 2005, Yamanjá, unha asociación de mulleres inmigrantes que tamén presidiu.

Sipi ostentou os cargos de presidenta da Federación de Asociacións Guineanas de Cataluña, vicepresidenta do Consell Nacional de les Dones de Catalunya, portavoz da Secretaría de mulleres da Federación de Colectivos de Inmigrantes en Cataluña e vogal do Consell da Llengua Catalana. Tamén foi membro da Rede de Mulleres Negras e de Minorías Étnicas de Europa, da Plataforma de Apoio aos Presos Políticos de Guinea Ecuatorial, do Grupo de Mulleres Ca la Dona de Barcelona e do grupo de mulleres María Zambrano.

Ademais da literatura oral e o ensaio, escribiu sobre temas de xénero e mulleres migrantes africanas e ten publicados varios libros. Fundou a Editorial Mey, especializada en literatura ecuatoguineana.

En 2018 foi un dos membros do xurado do Premi Consell Municipal d’Immigració de Barcelona (CMIB).

Recoñecementos Sipi foi recoñecida en diversas ocasións polo seu labor activista. En 2002 recibiu o IX Premio Pasionaria, entregado por Izquierda Unida de Xixón, en nome da Asociación de Mulleres Africanas. En 2014 recibiu o Premio Raíces de Forum Andalucía. En 2020 a Fundación Sabino Arana outorgoulle o Premio Sabino Arana pola súa militancia feminista e a súa loita polos dereitos da muller africana.

Publicacións Las mujeres africanas: Incansables creadoras de estrategias (1997). Wanafrica, ISBN 9788417150273 Inmigración y género. El caso de Guinea Ecuatorial (2004). GAKOA, ISBN 9788487303753 Les dones migrades: apunts, històries, reflexions, aportacions (2005). Institut Català de les Dones, ISBN 8439368887 El secreto del bosque: un cuento africano (2007). Cuentos africanos (2008). CARENA, ISBN 9788496357167 Baiso, ellas y sus relatos (2015; xunto a Nina Camó e Melibea Obono). Mey, ISBN 9788460673446 Mujeres africanas: Más allá del tópico de la jovialidad (2018). Wanafrica, ISBN 9788417150273 Voces femeninas de Guinea Ecuatorial. Una antología (2019). ISBN 9788460673422

Obras colectivas Teléfono de emergencia literaria: escritoras ecuatoguineanas, antoloxía dos centros culturais de España en Bata e en Malabo (2020) Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Publicacións de Remei Sipi no Instituto Cervantes Sitio web de Remei Sipi

Categoría:Alumnos da Universidade Autónoma de Barcelona Categoría:Personalidades do ensino Categoría:Nados en 1952 Categoría:Feministas de Guinea Ecuatorial Categoría:Feminismo en España