Beatrice Wellington, nada o 15 de xuño de 1907 e finada en 1971, foi unha canadense cuáquera que axudou a evacuar nenos desde Praga durante os inicios da ocupación nazi de Checoslovaquia na segunda guerra mundial. Foi unha das supervisoras da coñecida como operación Kindertransport dende ese país.

Traxectoria O seu pai abandonou a familia cando era nova e o seu padrasto, George Wellington, insistiu en que Beatrice adoptase o seu apelido, malia a oposición desta. Cando ela solicitou o seu primeiro pasaporte para viaxar ao estranxeiro, este asegurouse de que figurase Wellington como o seu apelido, algo co que ela se sentiu molesta durante moitos anos. Antes de ela morrer, mentres era profesora en Edmonton (Alberta), mudou de novo o apelido a Gonzales.

Wellington matriculouse con 17 anos na Universidade da Columbia Británica e en 1927 licenciouse en inglés e historia. Traballou como profesora no Port Gray Junior High School entre 1928 e 1931 e en Chilliwack (Columbia Británica) de 1931 a 1936.

Para coñecer en persoa a natureza dos conflitos en Europa a mediados da década de 1930, Wellington tomou un ano sabático do ensino e marchou a Xenebra, Suíza. Porén, descoñécense os detalles da súa ocupación. Segundo un informe de 1938 nun xornal de Vancouver, «encargáronlle a dirección dun campamento de verán da YWCA en Checoslovaquia».

Durante a súa estadía en Praga no outono de 1938, Beatrice, canadense con pasaporte británico, puido traballar de xeito independente e adquirir documentación a oficiais da Gestapo. Empregouna para axudar a nenos a marcharen de Praga a Reino Unido mediante a organización dos chamados Kindertransports. Cunha táctica similar, conseguiu documentos para adultos e familias incapaces de conseguir visados de saída por si mesmos.

Tras a súa morte en 1971, a súa familia creou a Bolsa Conmemorativa Beatrice Wellington Gonzales da Universidade da Columbia Británica e mencionou «o arduo e exitoso esforzo [de Wellington] para protexer e salvar as vidas de refuxiados políticos en Europa antes da segunda guerra mundial e durante a mesma. Para este recoñecemento, terase especial consideración cos estudantes de traballo social que, igual que a señora Gonzales, se preocupen pola situación de persoas en apuros».

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade da Columbia Británica Categoría:Activistas do Canadá Categoría:Finados en 1971 Categoría:Nados en 1907 Categoría:Segunda guerra mundial