O Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez é un hospital xeral de carácter privado situado na cidade de Pontevedra, xestionado polo grupo hospitalario Quirónsalud. Atópase en pleno centro da cidade.

Historia Foi fundado en 1947 como sanatorio polo traumatólogo asturiano Miguel Domínguez Rodríguez na rúa Joaquín Costa. Ao principio o hospital era ao 90% de Traumatoloxía, pero foise profesionalizando e ampliando as súas especialidades ata converterse nun hospital xeral. Funcionou como unha empresa familiar desde a inauguración do sanatorio, o 16 de xullo de 1949, ata 1996 cando se fixo a ampliación máis importante, coa edificación da parte correspondente á rúa Castelao.

Converteuse en hospital no ano 2000. Reinaugurouse como tal o 1 de febreiro de 2000, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia. En 2009 constituíuse como Grupo Hospitalario Miguel Domínguez tras a fusión de tres centros privados: o Hospital Miguel Domínguez, o Policlínico Miguel Domínguez e a Clínica Médica La Merced. En 2011 incorporou ao grupo hospitalario o Centro de Rehabilitación e Fisioterapia na rúa San Pedro de Alcántara.

O 16 de outubro de 2015 o grupo hospitalario privado Quirónsalud comprou o hospital principal do centro da cidade á familia Domínguez, así como o centro policlínico de especialidades da rúa Castelao, o centro de rehabilitación e fisioterapia da rúa San Pedro de Alcántara e o sanatorio de la Merced no lugar de Andurique (Poio), moi próximo á cidade, que se converteu en Instituto de Neurorehabilitación e que foi finalmente trasladado ao Hospital Quirón do centro de Pontevedra en xaneiro de 2024.

Descrición O hospital Quirón de Pontevedra ten entrada polas súas dúas fachadas, na rúa Frei Xoán de Navarrete (entrada principal) e na rúa Castelao, onde se atopa o servizo de urxencias e de análises clínicas. Conta con máis de 50 médicos especialistas, 5 quirófanos e avanzada tecnoloxía de probas e diagnóstico. Ten tamén outras instalacións como laboratorio de análises e salón de actos.

Foi o primeiro centro sanitario privado de Pontevedra en contar cun respirador artificial e en dispoñer dun escáner, unha resonancia magnética ou quirófanos «intelixentes».

O Hospital ten un concerto co Servizo Galego de Saúde (Sergas) como hospital acreditado para derivar pacientes. A este centro van os lesionados en accidentes laborais e de tráfico.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Hospital Montecelo Hospital Provincial de Pontevedra Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

Ligazóns externas Páxina web do hospital

Categoría:Hospitais de Pontevedra Categoría:SERGAS