O Ferrado é un colectivo galeguista e revista cultural de publicacións periódicas centrado na sociopolítica, historia e economía de Galiza fundado no ano 2022. Os seus traballos abranguen un amplo número de temas tales como a sociolingüística, a antropoloxía, a psicoloxía social, a ciencia política, as relacións internacionais, a demografía, os estudos do territorio, o nacionalismo, o irredentismo e a historia en relación con Galiza e a lingua galega.
Descrición O Ferrado fundárono o 8 de marzo de 2022 Pablo Diego (antropólogo gañador coa novela Alén do Premio para a Preservación da Lingua e a Cultura Galega do ano 2021); Lucía Rodríguez (creadora do proxecto de divulgación O Argueiro dos Ancares, dinamizadora do mundo rural e membro fundadora da A.V. Irmandade Naviega, a Asociación Ser e a A.C Rente ao Couce); Julio Nóvoa (mestre do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías); Luis Lores (vocalista da banda Fondo Norte); Miguel Argibay (compositor); Noah Chichester (estadounidense divulgador da lingua e da cultura galega, colaborador do El Correo Gallego e do programa da TVG Dígocho eu); e mais Vítor Sánches (activista en diversos colectivos político culturais). Os seus fundadores, inspirados no manifesto Máis alá! de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, procuran aglutinar un medio galeguista, con perspectiva nacional, que loite pola dignificación da terra e da lingua galega.
O Ferrado é un colectivo plural formado por mozos e mozas na propia Terra e tamén na emigración. O seu obxectivo é a manifestación do sentir popular que acredita no propio país. Aspirando a reflectir as distintas visións da nación e a traballar pola súa defensa e o seu respecto. O Ferrado é un proxecto presente do estudo e difusión do pasado, e tamén a representación contemporánea da visión do pobo por parte das novas xeracións. Recollendo a testemuña das vangardas históricas que xurdiron para a dignificación, a posta en valor e a reivindicación da identidade galega.
Como espazo de análise crítica de temas de actualidade para a sociedade galega do século XXI, O Ferrado ven de tratar problemáticas tales como o impacto do turismo en Galiza, as dificultades da vida no medio rural ou as constantes vagas de incendios, cunha constante perspectiva de xénero. Da mesma maneira, centra parte dos seus esforzos na lingua galega desde múltiplos puntos de vista: o sociolingüístico (neofalantismo, prexuízos sociais, etc.), o cultural (rexeneración de toponimia), e o político-estratéxico, mantendo colaboracións coa Juventude Unida dos Países de Língua Portuguesa (JUPLP).
Lingua O Ferrado emprega con asiduidade nos seus artigos tres variantes da lingua galega: Galego normativizado: Instituto da Lingua Galega (ILG) e Real Academia Galega (RAG); Galego Internacional: Segundo a normativa da Associaçom Galega da Língua (AGAL), así como de acordo coa normativa da Associaçom de Estudos Galegos (AEG). E, finalmente, a variante dialectal naviega.
Obras publicadas
Un país en pensamento (2025). ISBN 978-84-09-74174-8. Libro composto por unha selección de artigos publicados nos primeiros anos da revista e cun prólogo do historiador Antom Santos.
A pesar dos pesares (2026). ISBN 978-84-09-88798-9. Reúne unha nova selección de textos da revista xunto con artigos inéditos. Conta cun prólogo do músico Xoán X. López.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
"Os mozos que comparten o seu amor pola terra galega cunha revista e un libro". La Voz de Galicia. Publicado o 23 de outubro de 2025. "Lucía Rodríguez, colaboradora da revista O Ferrado: "Levaremos a publicación ao Culturgal o 28 de novembro". El Progreso. Publicado o 20 de outubro de 2025. "O Ferrado. O centro galego da mocidade é dixital". Vinte. Publicado o 22 de abril de 2022.
Categoría:Revistas en lingua galega Categoría:Revistas editadas en Galicia Categoría:2022 en Galicia Categoría:Sitios web en galego