miniatura|Baixorrelevo de Licurgo no Capitolio dos Estados Unidos Licurgo foi un lexislador de Esparta, considerado dende a Antigüidade como autor da constitución dese Estado (a Gran Retra), mais a súa existencia real é discutida.

A Constitución Dende finais do século VIII a. C, Esparta atravesou conflitos e tensións: internamente, derivadas das relacións entre as institucións políticas (reis, éforos e xerusía); a nivel externo, Argos e Texea rivalizaban con Esparta polo control do Peloponeso. A isto cómpre engadir o desafío que para Esparta supuña a guerra para dominar Mesenia.

Neste complexo contexto de crise (stasis), as elites espartanas buscaron o xeito de garantir a seguridade interior e acadar a superioridade militar. Para os autores clásicos, o responsable da obra lexislativa que permitiu lograrlo foi Licurgo. Segundo Plutarco, Licurgo redactou a Retra ou constitución tras consultar no Oráculo de Delfos. A nivel político, creou cinco maxistraturas, os éforos, anualmente elixidos, desenvolveron as tarefas executivas e serviron para limitar o rol dos dous reis. Doutra banda, o consello de anciáns (gerusía en grego, ou geroia en dialecto espartano) tiña 30 membros vitalicios, e nel tamén se integraban os dous reis: encargábase de facer propostas á asemblea e tiña poder de veto sobre as decisións da mesma. Por último, a asemblea popular estaba integrada polos espartanos hoplitas e que eran chamados "os iguais" (homoîoi).

A Constitución de Licurgo procuraba garantir a igualdade ante a lei de todos os cidadáns de Esparta, a eumonia. Segundo Plutarco, tamén fixo unha repartición de terras entre os cidadáns de Esparta para facer desaparecer as diferenzas de patrimonio entre eles. Deste xeito, o Estado proporcionaba a cada cidadán unha parcela de terra (kleros) e uns ilotas para obter o seu sustento. Doutra parte, Xenofonte tamén o considera o fundador da agogé, a educación espartana.

Historicidade Hoxe en día considérase que Licurgo é unha construción literaria. No século V a. C., non aparece nas obras nin de Tucídides nin de Helánico de Mitelene, pero si en Heródoto, quen afirma que as estruturas creadas por Licurgo explicaban as particularidades sociopolíticas de Esparta dentro da Hélade. Xenofonte, no século IV a. C, na súa obra A Constitución dos Lacedemonios describiu o sistema afirmando que Licurgo fora o seu creador, e, no século II d. C., Plutarco fixo unha biografía de Licurgo en Vidas paralelas comparándoo con Numa Pompilio. Segundo o relato destes autores, Licurgo debeu levalas a cabo cara ao 800-770 a. C., mais hoxe afírmase que estas medidas non foron froito dun único autor e que se fixeron en períodos posteriores, ben no século VII a. C., ben no VI a. C. Atribuíndolle a esta figura a creación do sistema político espartano, procurábase dotalo de maior consistencia e prestixio. O propio nome deste personaxe asóciase con epítetos atribuídos a Zeus e a Apolo. Ademais, Licurgo contou cun templo a súa honra que recibía ofrendas cívicas cada ano. Este foi erixido polo éforo Quilón de Esparta no século VI a. C. quen, para algúns investigadores, foi o responsable de adxudicar a constitución espartana a Licurgo.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Gómez Espelosín, J. (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal Textos. Hölkeskamp, Karl-Joachim (2010). "Lykurg—der Mythos vom Verfassungsstifter und Erzieher". Die griechische Welt: Erinnerungsorte der Antike. Verlag C. H. Beck. Nafissi, Massimo (2018). "Lykourgos the Spartan “lawgiver”: Ancient beliefs and modern scholarship". A companion to Sparta. Vol. 1. Wiley-Blackwell. David, Ephraim (2007). "Myth and historiography: Lykourgos.". In Greeks between east and west: Essays in Greek literature and history in memory of David Asheri. Israel Academy of Science and Humanities.

Outros artigos

Esparta Educación espartana Homoioi

Ligazóns externas

Texto en grego da biografía de Licurgo de Esparta no tomo I de Vidas paralelas de Plutarco (na wikifonte en grego) Texto en inglés da biografía de Licurgo de Esparta no tomo I de Vidas paralelas de Plutarco (no proxecto Gutenberg)

Categoría:Personalidades da Grecia antiga Categoría:Personalidades de Esparta na Antigüidade Categoría:Políticos