Agathe Uwilingiyimana, nada en Nyaruhengeri o 23 de maio de 1953 e finada en Kigali o 7 de abril de 1994, tamén coñecida como Madame Agathe foi unha científica e política ruandesa. Ocupou o cargo de Primeira Ministra entre o 18 de xullo de 1993 e o seu asasinato o 7 de abril de 1994, durante o xenocidio de Ruanda.
Traxectoria Primeiros anos Agathe Uwilingiyimana naceu na localidade de Nyaruhengeri ao sur da provincia ruandesa de Butare no seo dunha familia de granxeiros.
Estudou na escola secundaria Notre Dame des Cîteaux e obtivo o certificado para ensinar humanidades en 1973. Continuou cos estudos de posgraduado en matemáticas e química, despois dos que se converteu en mestra de escola en Butare en 1976. En 1983, dedicouse a dar clases de química na Universidade Nacional de Ruanda en Butare. Recibiu un B.Sc. en 1985, e ensinou química durante catro anos nas escolas académicas de Butare. Foi criticada polos tradicionalistas por promover o estudo das matemáticas e das ciencias entre as estudiantes.New Times
Uwilingiyimana casou cun compañeiro de secundaria, Ignace Barahira, en 1976, mais mantivo o seu apelido de solteira. O seguinte ano naceu o primeiro dos seus cinco fillos.
Carreira política Militante do Movemento Democrático Republicano (MDR), asumiu o cargo como primeira ministra de Ruanda o 18 de xullo de 1993, sendo a primeira muller en ocupar o posto. Participou xunto ao goberno do presidente Juvénal Habyarimana nas negociacións coa Fronte Patriótica Ruandesa (FPR), unha guerrilla liderada por persoas tutsi. As conversas levaron á sinatura dos Acordos de Arusha en agosto de 1993, poñendo fin temporalmente á guerra civil ruandesa.
O 6 de abril de 1994, o presidente Habyarimana foi asasinado despois de que descoñecidos derribasen con mísiles o avión que o transportaba. O magnicidio desatou unha vaga de violencia en Kigali. Horas máis tarde, tropas leais a Habyarimana enfrontáronse a Uwilingiyimana e ás tropas internacionais da Misión de Asistencia das Nacións Unidas para Ruanda (UNAMIR). A primeira ministra foi violada e asasinada, mentres que dez soldados belgas foron torturados e executados (cinco soldados de Ghana de UNAMIR foron liberados previamente). Os sucesos do 7 de abril desataron posteriormente o xenocidio ruandés, que acabou coa vida de entre 500 000 e dous millóns de ruandeses.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas A complete biography from FAWE Report of the independent inquiry into the actions of the United Nations during the 1994 genocide in Rwanda
Categoría:Nados en Ruanda Categoría:Nados en 1953 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Primeiros ministros de Ruanda Categoría:Profesores