Cuarto de dólar colombiano "¼ Dollar "Isabella Quarter" Columbian Exposition". Numista.com"25 Cents / Quarter (Isabella Quarter. Columbian Exposition)". United States Mint.160x160px160x160pxA/: Busto coroado de Isabel I de Castela cara á esquerda. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / 1893.R/: Muller axeonllada que sostén un fuso e unha roca, símbolo da industria feminina. Lenda: BOARD OF LADY MANAGERS / COLUMBIAN QUAR.DOL. Valor: ¼ dólar. Gravadores: Charles Edward Barber Data de emisión: 1893. Ceca: US Mint (ceca de Filadelfia). Tiraxe: 40.000 exemplares (dos cales se refundiron 15.809). Aliaxe: prata (90 %) e cobre (10 %). Diámetro: 24,3 mm. Grosor: 1,75 mm. Peso: 6,25 g. Canto: estriado.
O cuarto de dólar colombiano, tamén coñecido como cuarto de dólar isabelino, é unha moeda de prata conmemorativa estadounidense cuñada en 1893 pola Casa da Moeda dos EEUU na Ceca de Filadelfia, con motivo da Exposición Mundial Colombiana, celebrada en Chicago en 1893.
O Congreso estadounidense autorizou esta emisión por petición da Xunta de Administradoras (Board of Lady Managers) da Exposición, encabezada pola dama da alta sociedade de Chicago Bertha Palmer. Esta xunta desexaba que fose unha muller quen se encargase do deseño da moeda e con tal fin contratou a escultora Caroline Peddle, máis as disensións cos responsables da Casa da Moeda fixeron que finalmente fose o seu gravador xefe, Charles E. Barber o responsable do deseño.
O seu anverso caracterízase pola figura de Isabel I de Castela, patrocinadora das viaxes de Cristovo Colón ao Novo Mundo, o que lle deu o nome de "cuarto de dólar isabelino" (Isabella quarter). O reverso amosa unha muller axeonllada fiando liño, cunha roca na man esquerda e un fuso na dereita, como símbolo da industria das mulleres, e baseouse nun esbozo previo do gravador axudante George T Morgan.
O deseño do cuarto de dólar colombiano non gozou dun bo acollemento na prensa numismática e a súa venda durante a exposición non foi satisfactoria, en parte porque o seu prezo era dun dólar, igual que o da moeda de medio dólar colombiano, o que facía que esta última resultase máis atractiva para o público. Isto motivou que case a metade da tiraxe autorizada acabase sendo devolta á US Mint para ser fundida novamente, en tanto que varios milleiros delas foron adquiridas pola Xunta de Administradoras ao seu valor facial e postas no mercado nos inicios do século XX.
Contexto e marco lexislativo En agosto de 1892, o Congreso aprobou unha lei que autorizaba a creación da primeira moeda conmemorativa dos EEUU, o coñecido como "medio dólar colombiano", emitido para ser vendido cunha prima polos organizadores da Exposición Universal de Chicago, co fin de recadar fondos para o seu financiamento.Lange, D. W. (2006). Páxina 126. No marco da organización dese evento creáranse paralelamente unha Xunta de Administradoras e unha Xunta de Administradores; a feminina estaba dirixida por Bertha Palmer, esposa do propietario de Palmer House, o hotel principal de Chicago. As decisións das administradoras eran revogadas adoito polos seus homólogos masculinos en asuntos controvertidos: por exemplo, Palmer tratou de pechar o espectáculo de baile das "Mozas exipcias" da feira, por consideralo obsceno, aínda que continuou en cartel por decisión dos administradores varóns, ademais de ser un dos poucos que achegaban beneficios.Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 113-114."1893 Isabella Quarter Dollar". En Bowers, Q. D. (1992). Capítulo 8. Parte 8.
miniatura|Bertha Palmer encabezou a Xunta de Administradoras da Exposición, promotora do cuarto de dólar colombiano.
O recoñecemento formal da Xunta de Administradoras na organización da Exposición Mundial Colombiana de Chicago incluírase nunha lei de 1890, ante a insistencia da defensora das mulleres Susan B. Anthony, decidida a demostrar a utilidade da participación feminina na organización. Neste contexto, a Xunta de Administradoras ideou a creación dunha moeda conmemorativa para a súa comercialización en competencia co medio dólar colombiano, aprobado polo Congreso en 1892, que elas consideraban pouco artístico. A aprobación deste medio dólar non fora doada, e as mulleres decidiron agardar ata a seguinte sesión do Congreso para realizar a súa solicitude formal. Palmer quería que as mulleres da Xunta de Administradoras "tivesen o mérito de seren as autoras da primeira moeda realmente fermosa e artística emitida polo Goberno dos Estados Unidos".Moran, M. F. (2008). Páxina 87.
En xaneiro de 1893, Palmer dirixiuse á Comisión de Asignacións da Cámara de Representantes para solicitar que o pagamento de 10.000 dólares dos fondos xa designados para seren aboados á Xunta de Administradoras polo Goberno federal se realizase en forma de moedas de 25 centavos conmemorativos, que poderían venderse cunha prima como medio de recadación de fondos. O 3 de marzo de 1893, o Congreso aprobou unha lei que autorizaba a cuñaxe desta moeda, que debería axustarse ás especificacións técnicas e métricas da moeda de 25 centavos —ou un cuarto de dólar— cuñada para a circulación ordinaria, e cuxo deseño quedaba á consideración do secretario do Tesouro. A tiraxe máxima autorizada para esta moeda era de 40.000 exemplares.
Proceso de creación Na procura dunha moeda atractiva para a súa venda, Palmer pediulle inicialmente ao artista Kenyon Cox a realización duns esbozos, aínda que ela estaba decidida a que fose unha muller a que se encargase dos deseños. Tamén contactou con Sara Hallowell, que era a secretaria do director de Belas Artes da Exposición e estaba a colaborar co matrimonio Palmer na creación dunha importante colección de arte. Hallowell púxose entón en contacto co escultor Augustus Saint-Gaudens, quen lle recomendou a súa antiga alumna Caroline Peddle, a cal xa estaba a traballar en exposicións, entre elas unha para Tiffany's. Palmer aceptou que fose Peddle quen se encargase dos deseños.Moran, M. F. (2008). Páxinas 87-91.
Logo da aprobación do cuarto de dólar conmemorativo por parte do Congreso, o director da Casa da Moeda dos EEUU, Edward O. Leech, escribiulle unha carta a Palmer o 14 de marzo de 1893 na que, malia expresarlle o desexo de que fose a Xunta de Administradoras a que elixise o deseño, lle comunicaba que o gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, e o superintendente da Ceca de Filadelfia, Oliver Bosbyshell, eran partidarios de manter o procedemento habitual de elección e elaboración dos deseños. Palmer contestoulle que as mulleres decidiran que o cuarto de dólar debería amosar no seu anverso un retrato da raíña de Castela Isabel I, cuxa axuda contribuíra decisivamente a financiar a expedición de Cristovo Colón. Palmer indicoulle tamén que estaban a consultar con diferentes artistas e suxeriu que a US Mint presentase tamén un deseño, para a súa consideración.
Por outra banda, Palmer reuniuse co congresista por Illinois Allen Durborow, presidente da Comisión de Feiras da Cámara de Representantes e antigo colega do secretario do Tesouro, John G. Carlisle, o superior do director Leech. Palmer solicitoulle ao congresista que avogase pola Xunta de Administradoras ante Carlisle e Leech.Moran, M. F. (2008). Páxina 88.
Palmer contratou a Caroline Peddle a finais de marzo para que realizase o traballo de deseño e indicoulle que o seu anverso debía basearse na figura de Isabel I e que o reverso debía amosar a inscrición "Moeda conmemorativa emitida para a Xunta de Administradoras da Exposición Universal pola Lei do Congreso, 1492-1892", así como o valor facial e o nome do país. A presidenta non lle pediu a Peddle que lle presentase á Xunta de Administradoras o deseño antes de envialo á Casa da Moeda, e informou desta encarga ao seu director e ao secretario do Tesouro. Este último contestoulle a Palmer que a longa inscrición proposta para o reverso faría que a moeda semellase máis ben unha ficha publicitaria e pediulle que se revisase, aínda que non puxo obxeccións a que unha muller se encargase do deseño nin a que se representase a raíña de Castela no anverso. Pola súa banda, o director da US Mint, Leech, envioulle unha nota ao superintendente da Ceca de Filadelfia na que informaba de que a Xunta de Gobernadoras encargaría a un gravador externo a creación do anverso e pedía que o gravador xefe, Barber, crease algúns deseños para o reverso, por se cumprisen.Moran, M. F. (2008). Páxina 91.
miniatura|Esbozo inicial de Caroline Peddle para o anverso e o reverso do cuarto de dólar colombiano.
Atendendo as indicacións de Palmer, Caroline Peddle enviou ao director Leech un esbozo de Isabel sedente para o anverso, xunto coa longa inscrición do reverso, coa esperanza de que o director da Casa da Moeda lle permitise acurtala. Mais este non estaba nada satisfeito co reverso e decidiu que fose Barber quen se ocupase do deseño desta face da moeda. Barber e o superintendente Bosbyshell escribíronlle ao director Leech para lle dicir que as pernas da raíña Isabel aparecerían distorsionadas se esta se representase sentada e suxeriron substituíla por unha cabeza de perfil. O secretario do Tesouro, Carlisle, apoiou tamén esta idea. Así as cousas, a deseñadora Peddle foi informada de que sería Barber quen se ocuparía do deseño do reverso —aínda que a proposta se lle enviaría a ela para a súa aprobación— e de que tería que modificar o seu anverso.
Mentres tanto, Palmer estaba cada vez máis preocupada, xa que cun prazo de só dous meses desde a aprobación do deseño ata a dispoñibilidade das pezas, temía que estas non estivesen dispostas para a súa venda ata ben entrada a celebración da Exposición, programada de maio a outubro. E ademais, sentindo presión por todas as partes, Caroline Peddle ameazou con abandonar o proxectoMoran, M. F. (2008). Páxinas 92-93. e escribiu que ela "non podía consentir encargarse só de medio traballo".Taxay, D. (1967). Páxina 10.
O que finalmente acabou coa paciencia de Peddle foron dúas cartas datadas ambas o 7 de abril. Unha, de Leech, afirmaba o seu dereito, en tanto que director da US Mint, de decidir os deseños das moedas, e indicáballe a Peddle que o anverso sería unha cabeza de Isabel I, en tanto que o reverso se basearía en esbozos dun gravador da propia ceca, que ela podería modelar despois libremente. A segunda carta, do superintendente Bosbyshell, impuña o requisito adicional de que Isabel non levase coroa, por consideralo pouco axeitado para unha moeda estadounidense. Como consecuencia da situación creada, o 8 de abril de 1893 Caroline Peddle retirouse do proxecto.Moran, M. F. (2008). Páxina 93.