José Manuel Esnal Pardo, coñecido como Mané, nado en Balmaseda o 25 de marzo de 1950, é un exfutbolista e exadestrador español. Dirixiu 10 equipos, destacando especialmente os seus pasos polo Lleida, co que ascendeu dende a Segunda División B ata a Primeira División, e co Alavés, equipo ao que levou dende Segunda ata a final da Copa da UEFA.

Traxectoria

Inicios

Como futbolista non chegou a xogar máis arriba da Terceira División, categoría na que militou tres tempadas co club da súa localidade natal, a SD Balmaseda FC. Colgou as botas aos 30 anos, en 1980, e comezou inmediatamente a súa carreira como adestrador no propio Balmaseda, collendo as rendas do equipo en Terceira. Nos seguintes anos pasou polo banco doutros equipos vascos, como o Barakaldo, o Sestao e o Alavés.

EU Figueres

Porén, o seu primeiro grande éxito chegou da man da UE Figueres, coa que se proclamou campión de Segunda B en 1986, logrando así o ascenso a Segunda División. Con todo, non chegou a rematar a seguinte tempada, pois foi cesado en febreiro de 1987 e substituído polo galego Carriega.

EU Lleida

A finais de 1988 fichou polo Lleida, club ao que adestrou durante os seguintes sete anos, pasando por varios ascensos e descensos. Na tempada 1989/90 foi campión do seu grupo de Segunda División B, ascendendo a Segunda, e na 1992/93 proclamouse campión de Segunda, levando o equipo á máxima categoría do fútbol español por segunda vez na súa historia. Non obstante, a pesar de conseguir derrotar ao Real Madrid e ao FC Barcelona, o equipo non puido manter a categoría, descendendo ao remate da tempada. Deixou o club tras rematar na 3ª posición da Segunda División na tempada 1994/95, sendo eliminado polo Sporting de Gijón na promoción de ascenso.

RCD Mallorca

En novembro de 1995 asinou polo Mallorca, substituíndo no banco a Irulegui, pero foi destituído en xaneiro de 1996, despois de só 13 partidos á fronte do equipo insular (5 vitorias, 3 empates e 5 derrotas).

Levante UD

Na tempada 1996/97 dirixiu o Levante UD, quedando 9º clasificado na categoría de prata.

Deportivo Alavés

En 1997 regresou a Mendizorroza para adestrar por segunda vez o Alavés. Alí dirixiu a homes como Paco Leal, Téllez, Pablo Gómez, ou Manolo Serrano, logrando na súa primeira tempada ascender o club á Primeira División, despois de 42 anos fóra da elite. Fíxoo ademais como campión de Segunda con 82 puntos, cifra récord ata aquel entón, despois de mostrar unha gran solidez defensiva, con só 25 goles encaixados en 42 xornadas.

Na Copa do Rei o equipo eliminou sucesivamente ao Aurrera, o Oviedo e o Compostela de Fernando Vázquez antes de enfrontarse en oitavos de final ao Real Madrid de Heynckes. Un solitario gol de Serrano deulle a vitoria na ida ao club vasco, mentres que na volta Pedro Riesco marcou o gol que abriu o marcador e que finalmente significou o pase do Alavés á seguinte rolda, a pesar de que o Real Madrid conseguiu marcar dous goles. Nos cuartos de final o equipo de Mané derrotou en Vitoria ao Deportivo da Coruña de Arsenio Iglesias por 3-1, e certificou o pase ás semifinais cun empate sen goles en Riazor. Finalmente o Alavés caeu eliminado nas semifinais, despois de perder tanto na ida como na volta fronte o Mallorca.

Mané continuou á fronte do Alavés durante as seguintes cinco campañas en Primeira División, e despois de sufrir para conseguir a permanencia na primeira delas, o equipo acadou unha histórica sexta praza na seguinte, clasificándose así para xogar a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia. O equipo vasco foi eliminando a tódolos seus rivais na competición europea (Gaziantepspor, Lillestrøm, Rosenborg, Inter de Milán, Rayo Vallecano e Kaiserslautern) ata acadar unha histórica final, que disputou ante o Liverpool de Gérard Houllier no Westfalenstadion de Dortmund. Un gol de Jordi Cruyff nos minutos finais puxo o 4-4 no marcador e forzou unha prórroga, na que a vitoria sería finalmente para o equipo inglés por 5-4.

Nos seguintes anos continuou con bos resultados, logrando unha segunda clasificación para a UEFA na tempada 2001/02, na que acabou sétimo. Con todo, as cousas torcéronse na tempada seguinte e o técnico foi cesado en abril de 2003, co equipo ocupando a penúltima praza da liga.

Levante UD

Na tempada 2005/06 substituíu a José Luis Oltra no banco do Levante UD tralas primeiras 10 xornadas do campionato de Segunda División. A pesar de protagonizar unha tempada irregular no seu regreso ao club valenciano, e de estar preto do despedimento en máis dunha ocasión ao longo do ano, conseguiu o ascenso a Primeira ao rematar terceiro por detrás do Recreativo de Huelva e do Nàstic. Porén, o éxito non lle valeu a renovación.

Athletic Club

Mediada a tempada 2006/07 foi contratado polo Athletic Club, trala destitución do anterior adestrador, Félix Sarriugarte, que lograra só unha vitoria nas primeiras 12 xornadas e que tiña o equipo en postos de descenso. Con Mané á fronte, o conxunto vasco conseguiu manter a categoría, único obxectivo que se lle marcaba, e foi substituído por Joaquín Caparrós para a seguinte tempada.

RCD Espanyol

O 1 de decembro de 2008 chegou ao Espanyol para substituír a "Tintín" Márquez, pero apenas pasou mes e medio no banco do Estadio Olímpico de Montjuïc, pois foi cesado en xaneiro, despois de obter tres empates e tres derrotas en seis xornadas de liga, aínda que logrou clasificarse para os cuartos de final da Copa do Rei.

Palmarés Figueres Segunda División B (1): 1985/86.

Lleida Segunda División (1): 1992/93. Segunda División B (1): 1985/86.

Alavés Segunda División (1): 1997/98.

Notas

Categoría:Nados en Balmaseda Categoría:Nados en 1950 Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Barakaldo CF Categoría:Adestradores do Sestao Sport Club Categoría:Adestradores do Deportivo Alavés Categoría:Adestradores da UE Figueres Categoría:Adestradores do UE Lleida Categoría:Adestradores do RCD Mallorca Categoría:Adestradores do Levante UD Categoría:Adestradores do Athletic Club Categoría:Adestradores do RCD Espanyol